Convocadas as axudas para proxectos de innovación no agro galego

O Diario Oficial de Galicia ven de publicar unha orde de axudas para financiar proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) e para apoiar iniciativas piloto e o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal

Publicidade

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160603/AnuncioG0426-200516-0005_gl.html

Prazo: Ata 04/07/2016

Resumo:

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres unha Orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases –e se convocan para o 2016– das axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) e para o apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal. Estas achegas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Para esta finalidade de apoiar iniciativas relacionadas coa innovación no medio rural o orzamento total é de 3,2 millóns de euros, que se distribuirán nos anos 2016 e 2017. Búscase fomentar a innovación no agro galego, en áreas prioritarias de actuación tales como a xestión sustentable dos recursos naturais, sistemas agrarios de produción, cadea agroalimentaria, bioeconomía ou aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) ao sector.

O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes contado a partir de hoxe, día seguinte ao da súa publicación desta disposición no Diario Oficial de Galicia. É dicir, ata o 4 de xullo.

Europa 2020

A Asociación Europea da Innovación é un instrumento administrado directamente pola Comisión Europea posto en marcha para contribuír á estratexia “Europa 2020” da UE. Persegue un crecemento intelixente, sostible e integrador a través dunha rede que xunte a produtores, axentes de innovación e axentes de dinamización do medio rural. Estes son os denominados grupos operativos, destinatarios destas achegas.

Beneficiarios

Ademais dos grupos operativos, que recibirán axudas por proxectos innovadores destinados a resolver un determinado problema no sector agrogandeiro e forestal, tamén poderán ser beneficiarios as organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria en agricultura e silvicultura, así como as empresas ou industrias transformadoras do sector agrario, alimentario e forestal ou da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal. Estas recibirán as achegas para a implantación de proxectos piloto ou o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías nestes eidos.

Con estas axudas preténdese impulsar proxectos innovadores que teñan un efecto directo sobre a mellora da competitividade dos produtores primarios integrándoos mellor na cadea agroalimentaria. Isto farase a través de réximes de calidade, de engadir valor aos produtos agrarios e da promoción en mercados locais e en circuítos de distribución curtos, agrupacións e organizacións de produtores e organizacións interprofesionais.

Estas axudas contribuirán ademais a impulsar a cooperación para o uso máis eficiente da enerxía na agricultura e na transformación de produtos agrarios, o subministro e o uso de fontes renovables de enerxía e de subprodutos e residuos non alimentarios, para impulsar o desenvolvemento da bioeconomía.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información