Convocadas as axudas do Plan Renove de maquinaria agrícola

Poderán optar a estas subvencións a compra de tractores, sementadoras directas, abonadoras e equipos de fitosanitarios e localizadores de xurro. O prazo para presentar as solicitudes amplíase a cinco meses, ata o 15 de setembro

Convocadas as axudas do Plan Renove de maquinaria agrícola

A convocatoria inclúe apoio para a compra de dispositivos de localización de xurros no solo.

Administración convocante: Ministerio de Agricultura

Enlace axuda: https://www.boe.es/boe/dias/2019/04/12/pdfs/BOE-B-2019-16082.pdf

Prazo: Ata 15/09/2019

Resumo:

O Boletín Oficial do Estado publica hoxe a orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación pola que se convocan as axudas para a renovación do parque nacional de maquinaria agrícola (Plan Renove) para o ano 2019.

Os equipos ós que se destinan estas subvencións inclúen tractores, máquinas automotrices de recolección e determinada maquinaria arrastrada como equipos fitosanitarios, abonadoras, sementadoras directas, cisternas de xurro con dispositivo de localización do produto no chan e dispositivos de inxección independentes para a súa instalación nunha cisterna en uso.

Este plan estará dotado cun presuposto de 5 millóns de euros que se distribuirán mediante axudas directas ó agricultor. O prazo para presentar as solicitudes amplíase este ano a cinco meses e poderán tramitarse ata o 15 de setembro.

Deste xeito, neste prazo o solicitante deberá mercar a nova maquinaria, realizar a súa inscripción no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola e tramitar a solicitude. Con esta ampliación de prazo dende o Ministerio buscan permitirlle ós fabricantes incorporar novos modelos ós listados de maquinaria subvencionable e que poidan pasar os ensaios requiridos, no caso dos equipos de aplicación de produtos fitosanitarios e abonadoras.

Adaptarse á normativa europea

A nova maquinaria deberá estar adaptada á normativa europea en materia de emisións de gases de efecto invernadoiro e de partículas contaminantes. Agárdase así que, no caso dos tractores e máquinas automotrices, se consiga unha redución do 15-20% de dióxido de carbono e de ata o 94% de partículas, ó substituír equipos antigos polos que cumpren os requisitos europeos en materia de contaminantes atmosféricos.

A estes obxectivos súmase a redución das emisións de amoníaco que se prevé coa aplicación localizada dos xurros.

Na convocatoria tamén se procura dotar de mellores medidas de seguridade á maquinaria agrícola, polo que a contía base das axudas poderá incrementarse se o tractor actual non dispón de ningunha estrutura de protección homologada.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información