Axudas para accións de promoción de grupos de produtores

Publicidade

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20161229/AnuncioG0426-201216-0001_gl.html

Prazo: Ata 29/12/2016

Resumo:

A Consellería do Medio Rural publica este xoves no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se convocan para o ano 2017 as axudas para o apoio ás actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior.

Destas axudas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, poderán beneficiarse as agrupacións de produtores (consellos reguladores e entidades asociativas sen ánimo de lucro en que participan produtores), que participen nalgún programa de calidade diferenciada de alimentos (denominacións de orixe protexidas, indicacións xeográficas protexidas, especialidades tradicionais garantidas e produción ecolóxica) e que se refiren a produtos cubertos por un réxime de calidade dos apoiados na submedida 3.10 do PDR de Galicia 2014-2020.

Trátase de subvencións a fondo perdido que poden chegar ata o 70 % do gasto realizado. O orzamento total da convocatoria é de dous millóns seiscentos oitenta e sete mil euros (2.687.000 euros) para a anualidade 2017 e un millón douscentos mil euros (1.200.000 euros) para a anualidade 2018.

As actividades subvencionables serán as actuacións de información e promoción co fin de inducir ao consumidor a adquirir produtos de calidade. Neste senso, entrarían as campañas publicitarias nos distintos medios de comunicación e outras accións promocionais, tales como catas comentadas, degustacións, presentacións públicas, etc. Tamén serán obxecto de subvención a participación ou organización de feiras e exposicións do sector agrario e agroalimentario.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, aínda que opcionalmente si se permita en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros habilitados.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. É dicir, ata o 29 de xaneiro de 2017.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *