Axudas para accións de demostración e intercambio de experiencias no agro

A Consellería do Medio rural crea unhas novas axudas dotadas con máis de 886.000 euros para financiar accións de demostración e intercambio de experiencias no agro

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170109/AnuncioG0426-261216-0004_gl.html

Prazo: Ata 10/02/2017

Resumo:

A Consellería do Medio Rural destinará 886.340 euros nos anos 2017 e 2018 para unhas novas axudas para o financiamento de actividades de demostración e accións de información para o sector agroforestal e agroalimentario galego, así como para intercambios e visitas a explotacións de países da UE.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns a convocatoria destas achegas, que servirán para fomentar a innovación e a incorporación de novas tecnoloxías e coñecementos aos sectores agrario, forestal e agroalimentario. Trátase de procurar un incremento da produtividade e a eficiencia das explotacións e as empresas.

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas subvencións as entidades públicas ou privadas con sede en Galicia (entre elas, cooperativas ou outras entidades asociativas agrarias) que teñan entre as súas finalidades a formación e/ou información ao sector. Deben ter acreditada experiencia de dous anos na organización deste tipo de accións.

Entre as actividades a financiar estarían as sesións prácticas para ilustrar unha tecnoloxía, o uso de maquinaria nova ou mellorada de xeito significativo, un novo método de protección de cultivos ou unha técnica específica de produción. Estas actividades poden tomar a forma, por exemplo, de campos de demostración. Tamén son susceptibles de apoio as accións de información, tales como congresos, feiras, xornadas de portas abertas, difusión en medios de comunicación ou sesións informativas.

Subvencionaranse campos de demostración ou visitas a explotacións

No caso dos intercambios e visitas a explotacións, financiase os gastos derivados destas actividades, relativos por exemplo a desprazamentos, aloxamento e manutención. O obxectivo é fomentar estancias en explotacións de diferentes países da UE, orientadas a persoas en idade laboral, en activo ou con expectativa de incorporación en sectores produtivos relacionados coa agricultura e a silvicultura.

Nos criterios de selección das solicitudes destas axudas primaranse as actividades dirixidas preferentemente a mozos e mulleres do medio rural, valorándose tamén as vinculadas coa xestión sustentable dos recursos naturais.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información