Axudas para a prevención de danos por lobos, xabaríns e osos

Medio Ambiente abre unha liña de subvencións para a adquisición de cans mastíns, pastores e malla electrificada. Poderán beneficiarse gandeiros de bovino, ovino, cabrún, porco celta, cabalos e asnos, así coma agricultores e explotacións apícolas

Publicidade

Administración convocante: Consellería de Medio Ambiente

Enlace axuda: http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160811/AnuncioG0422-290716-0003_gl.html

Prazo: Ata 12/09/2016

Resumo:

A Consellería de Medio Ambiente vén de convocar subvencións para a prevención dos danos na agricultura e na gandería causados por lobos, xabaríns e osos. Para evitar os danos do lobo, a Administración ofrece axudas para a adquisición de cans mastíns, de pastores eléctricos e de malla electrificada. En canto á prevención das perdas causadas polo xabarín na agricultura e polo oso en colmeas de abellas, Medio Ambiente subvencionará a adquisición de pastores eléctricos.

A apertura de axudas para a protección fronte ós danos, que non se convocaban desde hai catro anos, era unha das tradicionais reivindicacións do sector agrario.

Liñas subvencionables
– Adqusición de cans mastíns. Subvencionarase a adquisición de cans de raza mastín leonés cunha idade inferior ós 5 meses, así como os gastos da súa identificación. A axuda cubre un máximo dun mastín por rabaño de ata 30 reses de gando menor ou 10 reses de gando maior, ata un tope de dous cans mastíns por explotación se se supera ese número de animais.

O importe máximo das axudas non excederá 500 euros por can mastín e, igual que nas outras liñas de axudas, poderá reducirse en función do número de solicitudes e da disponibilidade orzamentaria.

– Compra de pastores eléctricos. A contía máxima de axuda por explotación será de 600 euros. O número de pastores subvencionables por explotación dependerá do seu tamaño. Os topes son os seguintes. Para as ganderías con máis de 20 cabezas de gando maior ou 30 de gando menor, asignaranse ata 4 pastores. Para explotacións apícolas con máis de 10 asentamentos, ata 3 pastores; e para explotacións agrarias de máis de 25 hectáreas, 3 pastores.

– Adquisición de malla electrificada para peches. A malla deberá ter un mínimo dun metro de alto e 50 metros de lonxitude e ser conectada a pastores eléctricos. A contía máxima da axuda será de 200 euros por malla de 50 metros, ata un máximo de 4 mallas por explotación.

Criterios de reparto
A convocatoria de axudas establece un presuposto total de 400.000 euros (150.000 para a prevención de danos na gandería e 250.000 na agricultura). Repartiranse en función da puntuación obtida por cada solicitude, de maior a menor, ata esgotar o presuposto. A valoración farase en función dos seguintes criterios:

– No caso dos danos producidos polo lobo, outórganse ata 10 puntos ás explotacións ubicadas en concellos nos que houbese danos polo lobo entre o 1 de outubro de 2014 e o 30 de setembro de 2015 (Anexo III). As explotacións ubicadas nas zonas con maior presenza e densidade do lobo (segundo as zonificacións do Plan de Xestión do Lobo aprobado no 2009), recibirán tamén puntuación adicional. Puntuarase ademais a cada gandería en función do número de cabezas.

– No caso de danos producidos polo oso, establécense como criterios de valoración: o número de asentamentos de colmeas da explotación, a preexistencia de danos comunicados nos últimos dous anos e que as explotacións estean comprendidas nos concellos da zona oseira (Oriente de Lugo) -Anexo IV da orde-.

– No caso das explotacións agrarias, tense en conta a súa dimensión e que estean comprendidas nalgún dos concellos indicados no Anexo V da orde de axudas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *