IRMANDIÑOS_COOPERATIVA_01

Abre o prazo das axudas a cooperativas para instalacións e equipamentos en común

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde da Consellería de Medio Rural das axudas a proxectos de explotación de instalacións e equipamentos agropecuarios en réxime asociativo. As cooperativas terán un mes de prazo, a partir de mañá, para presentar as solicitudes.

A Xunta destina nesta convocatoria 2019 un presuposto de 5 millóns de euros para as subvencións. O obxectivo que persegue esta liña de axudas é racionalizar o uso dos factores de produción mediante proxectos de carácter agropecuario de explotación conxunta polos socios de entidades asociativas.

A orde pretende favorecer as iniciativas innovadoras ou a introdución de novas tecnoloxías. Tamén trata de fomentar a incorporación de novos procesos ou produtos cos que diversificar a actividade principal das cooperativas, ou introducir actuacións de apoio complementarias ó traballo dos socios.

O importe da axuda será do 40% dos custos elixibles, que poderá incrementarse ata un máximo do 60% en función da aplicación de diferentes criterios -agricultura ecolóxica, fusión de cooperativas, investimentos en zonas con limitacións naturais ou vinculadas á innovación-.

Nesta liña, establécese un investimento mínimo subvencionable de 100.000 euros. As axudas están cofinanciadas nun 7,5% pola Administración xeral do Estado, nun 17,5% pola Xunta de Galicia e nun 75% polo fondo europeo Feader.

Consulta aquí a orde.