Xornadas ‘A outra cara do monte’ para abordar aproveitamentos alternativos

A actividade está organizada pola firma ‘MycoGalicia Plantae’, que quere impulsar o recurso micolóxico en Galicia

Xornadas ‘A outra cara do monte’ para abordar aproveitamentos alternativos

Socios da firma 'MycoGalicia Plantae'.

Data inicio: 18/09/2019
Data fin: 19/09/2019
Lugar: Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo (Cidade Universitaria de Vigo, Campus Universitario Lagoas-Marcosende s/n, 36310. Vigo).

A Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo acollerá os días 18 e 19 de setembro unhas xornadas adicadas a abordar aproveitamentos alternativos no monte galego. Promove a actividade a firma ‘MycoGalicia Plantae’, unha empresa de base tecnolóxica saída da Universidade de Vigo e que participa tamén no Clúster Tecnolóxico das Ciencias da Vida de Galicia, Bioga.

MycoGalicia Plantae, que trata de impulsar o recurso micolóxico en Galicia, busca con estas xornadas amosar as potencialidades do monte galego. “Queremos demostrar que o bosque galego é un activo fundamental no desenvolvemento do campo e que pode xerar postos de traballo arredor de proxectos innovadores e viables, como pode ser o aproveitamento do recurso micolóxico”, asegura María Cabaleiro, unha das co-fundadoras de MycoGalicia Plantae.

Pola súa banda, Andrés Cordeiro, tamén socio cofundador da empresa promotora das xornadas, destaca que a cita pretende ser un referente no deseño do futuro estratéxico do monte en Galicia. “Cremos que valores como o respecto medioambiental, a sustentabilidade, a cooperación co desenvolvemento rural, a innovación ou o compromiso son fundamentais para construír a Galicia rural do futuro, que a ben seguro xirará arredor do monte e a súa explotación racional”. Na súa opinión, “no monte galego está a nosa identidade, polo que é necesario prestarlle atención, e dedicarlle tamén moitos recursos que permitan buscar, ao mesmo tempo, aproveitamentos alternativos que esperten o atractivo dos nosos bosques”.

Programa
Entre os poñentes que acudirán ás xornadas ‘A outra cara do monte’ están Juan Picos, do Grupo de Investigación en Enxeñería Agroforestal da Universidade de Vigo, que falará da situación actual do monte galego e do sector forestal; Damián Copena, do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia da Universidade de Vigo, que abordará as posibilidades de desenvolvemento e aproveitamentos multifuncionais do monte galego; Iria Villar, do Grupo de Investigación Bioloxía Ambiental da UVigo, que tratará a compostaxe como ferramenta para dar unha saída ao residuo verde; e Serafín González Prieto, do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, que falará sobre Galicia e o lume.

Tamén participan o Concello de Allariz, a Comunidade de Montes de Teis, a Sociedade Cooperativa Galega Amarelante, a Mancomunidade de Montes de Vigo, a Comunidade de Montes en Man Común de Couso e a Sociedade Galega de Historia Natural. Os seus representantes darán a súa visión e contarán ás súas experiencias arredor da xestión do monte en Galicia. Prevese ademais unha saída de campo polo monte da Comunidade de Couso e un workshop sobre aproveitamentos alternativos, dirixido a potenciar e integrar as ideas dos asistentes nun proxecto común.

Pódese consultar o programa completo na web das xornadas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información