Xornada sobre incendios forestais en Ourense

O evento, que se desenvolverá no Auditorio Municipal, está organizado por AGE e analizará a situación das políticas contra o lume en Galicia e noutros países, caso de Portugal e Brasil

Publicidade
Data inicio: 01/10/2016
Data fin: 01/10/2016
Lugar: Auditorio Municipal de Ourense, Rúa da Canle, Ourense, España

‘Os incendios forestais na Unión Europea: o negocio do lume’ é o título das xornadas que este sábado 1 de outubro se desenvolverán durante todo o día no Auditorio Municipal de Ourense. O evento, de asistencia libre, está organizado pola representación de Alternativa Galega de Esquerda no Parlamento Europeo e conta coa colaboración do Concello de Ourense.

A xornada congregará a máis dunha decena de relatores que abordarán a análise dos lumes desde unha perspectiva crítica coas políticas de prevención e extinción dos incendios.

A primeira mesa de debate xirará sobre ‘As causas do lume, unha visión desde a perspectiva europea e internacional’. Nela intervirán un traballador forestal da Consellería de Medio Rural e membro do Consello Forestal, Xosé Santos; un membro da Confederación Nacional de Agricultura de Portugal, Alfredo Campos; o economista grego Kostas Siampanopoulos; e a enxeñeira forestal do Movemento dos Traballadores Sen Terra (MST) do Brasil, Bárbara Loureiro.

A enxeñeira do MST ten tamén previsto un acto público en Santiago o venres ás 12.30 horas no local do Sindicato Labrego (rúa Ofelia Nieto).

A segunda mesa da xornada abordará “O modelo forestal. Como combater os lumes desde a xestión dos montes”, e nela tomarán a palabra o coordinador da área de montes do Sindicato Labrego Galego (SLG), Diego Sánchez Agra; o deputado de En Marea e ex-alcalde de Manzaneda, Davide Rodríguez; e o enxeñeiro de montes David Fernández.

Pola tarde desenvolverase outra mesa sobre a historia da profesión dos bombeiros forestais. Pódese consultar aquí o programa completo en PDF.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información