Xornada en Friol sobre a coexistencia entre o lobo e a gandería

A asociación Carballo Vivo, en colaboración co grupo O-Xan, organizan o 6 de maio unha serie de charlas e debates adicados a abordar a situación do cánido en Galicia

Publicidade
Data inicio: 06/05/2017
Data fin: 06/05/2017
Lugar: Friol

O centro sociocultural de Friol acollerá o próximo sábado 6 de maio unha xornada adicada a abordar as posibilidades de coexistencia entre lobo e gandaría. Coñecerase a visión de investigadores que censaron as poboacións galegas do cánido, así como o punto de vista de cazadores, gandeiros e ecoloxistas. A actividade está organizada pola asociación Carballo Vivo en colaboración co grupo O-Xan.

O grupo O-Xan, no que participan colectivos gandeiros, de cazadores e ecoloxistas, trata de promover unha convivencia o menos problemática posible entre a gandería e a presenza do lobo. O acto do sábado continúa na mesma liña doutros celebrados en anos anteriores. Haberá intervencións por parte da Administración, de investigadores e de gandeiros afectados por ataques de lobos.

A xornada, que comeza á mañá a partir das 10 horas, continuará pola tarde e contará con dous debates nos que intercambiar puntos de vista entre os asistentes, un ao final da mañá e outro ao final da tarde.

A parte da mañá oriéntase a coñecer a situación da especie e as súas políticas de conservación, en tanto pola tarde falarase sobre ferramentas, como métodos de prevención, que permitan acadar a convivencia entre o lobo e a gandería.

Pódese consultar o programa íntegro da xornada na web do Xan, onde tamén se pode facer a inscripción, que é gratuita pero obrigatoria. Tamén se pode escribir ó correo electrónico custodiadoterritorio@gmail.com.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *