Aberta a inscrición nas xornadas “Vacún de leite e pastoreo”

Celebraranse o 14 de novembro na Escola Politécnica de Lugo. As persoas interesadas en participar neste foro poden inscribirse de balde a través do enderezo de correo electrónico pedrofiz.rocha@usc.es ou no teléfono 630 526 850

Publicidade
Aberta a inscrición nas xornadas “Vacún de leite e pastoreo”

Gandería Patalarga, de A Pastoriza.

Data inicio: 14/11/2017
Data fin: 14/11/2017
Lugar: Escola Politécnica Superior - USC, Rúa Benigno Ledo, Lugo, España

O Campus Terra da USC celebrará o día 14 de novembro na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría as xornadas “Vacún de leite e pastoreo”, un foro aberto á participación de produtores e demais profesionais ligados ao sector, no marco do que varios relatores ofrecerán a súa visión respecto das vantaxes que pode reportar o pastoreo fronte á actual crise de presos do leite.

A eliminación das medidas de apoio aos prezos e de control da produción polas cotas que estiveron vixentes nas últimas décadas no mercado europeo está provocando unha maior variabilidade e uns niveis de prezos máis baixos. Nesta  nova situación resulta interesante coñecer as experiencias sobre a produción de leite baseada nos prados e no pastoreo desenvolvidas en  Francia, Holanda e Irlanda, así como a existente en Galicia. Ante esta situación, o Campus Terra da USC presenta esta xornada sobre vacún de leite e pastoreo co obxectivo de achegar información de utilidade ao respecto do novo contexto do sector a gandeiros, persoal técnico e estudantes.

Gandeiros de Irlanda, Holanda e Francia explicarán as súas experiencias

As xornadas, de inscrición gratuíta para todas as persoas interesadas, desenvolveranse en quenda de mañá e tarde. O programa comezará coa exposición introdutoria sobre a produción de leite en Galicia, a cargo do profesor Francisco Sineiro. De seguido, tres relatores chegados de Holanda, Francia e Irlanda, que presentarán en Lugo as experiencias de pastoreo, estratexias de xestión para a optimización da produción de leite e mesmo sobre a evolución experimentada polo sector de vacún de leite trala supresión do sistema de cotas leiteiras. Unha sesión de debate, moderada por Francisco Sineiro, servirá de colofón da xornada matinal.

O profesor da Facultade de Veterinaria da USC Gonzalo Fernández Rodríguez abrirá a sesión de tarde, durante a que técnicos do Centro de Investigación Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Xunta de Galicia, e do Ligal, afondarán sobre a relación existente entre os sistemas de produción e a calidade do leite de vacún en Galicia, ao tempo que presentarán os resultados dalgúns proxectos cooperativos de investigación xa desenvolvidos.

O técnico especializado en pastos e asesor Xan Pouliquen pechará a quenda de relatorios cunha intervención baixo o título “Pastar en Galicia? É posíbel e redíbel!”. A posta en común das experiencias de dous produtores, como o son José Eladio Lavandeira, da SAT Xesteira, de Zas, e Daniel Veiga Legazpi, da gandería Patalarga, de A Pastoriza, servirá de epílogo deste foro.

Inscrición

As persoas interesadas en participar nesta xornada de carácter informativo, pero cunha marcada orientación técnica, poden formalizar a súa inscrición de balde a través do enderezo de correo electrónico pedrofiz.rocha@usc.es ou no número de teléfono 630 526 850.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información