A Feira Abanca Semana Verde elixirá o mellor gando frisón de Galicia

Publicidade
A Feira Abanca Semana Verde elixirá o mellor gando frisón de Galicia
Data inicio: 10/06/2016
Data fin: 11/06/2016
Lugar: Avenida Recinto Feiral, Silleda, España

Un total de 101 exemplares de vacún frisón de alta xenética das provincias de Pontevedra, Lugo e A Coruña participarán no XXV Concurso Autonómico da Raza Frisona FEFRIGA´16 que terá lugar no marco da 39ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se levará a cabo do 9 ao 12 de xuño.

Este recoñecido concurso morfolóxico, que reunirá aos exemplares máis destacados da raza frisona en Galicia, contará coa participación de 54 reses procedentes de ganderías da provincia de Pontevedra, 29 de Lugo e 18 de A Coruña.

Estes animais competirán o venres 10 e o sábado 11 de xuño polos galardóns de Campioa de Galicia nas categorías de becerra, xovenca, vaca xove, vaca intermedia e vaca adulta; e Gran Campioa de Galicia nas de xovenca e vaca. Tamén se recoñecerá ao Mellor Criador da comunidade.

A este certame sumarase, o venres, o XXXII Concurso Internacional de Xóvenes Manexadores “Memorial Luís Louzao”, patrocinado por Abanca. Nel os gandeiros máis novos demostrarán a súa habilidade na presentación en pista dos animais. Ademais engadirase, o xoves día 9, o IX Concurso de Xóvenes Preparadores de Gando Semana Verde´16, patrocinado por Danone, no que os participantes poderán demostrar a súa destreza preparando ao gando para logo presentalo.

Espazo de referencia para a raza

Organizados pola Federación Frisona Galega (Fefriga), todos os concursos serán xulgados por Guiseppe Quaini, xuíz internacional da Asociación Holstein de Italia. Ademais, no concurso de Xóvenes Preparadores sumaranse outros dous xuíces que conformarán con Quaini un Comité, os cales serán Gabriel Blanco, xefe do Departamento de Morfoloxía de Conafe, e Bonet Cid, xuíz internacional de Conafe.

A súa celebración converterá á 39ª Abanca Semana Verde de Galicia nun espazo de referencia para esta raza no que os visitantes, ademais de poder ver os tres concursos, tamén terán a posibilidade de apreciar os exemplares participantes na área expositiva do certame destinada a gandería, dende o xoves ata o domingo a media tarde.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información