Xornada este sábado en Allariz sobre control da Vespa Velutina

Este sábado, 30 de marzo, a Escola Galega de Apicultura (EGA) comeza o seu programa de formación para este ano cunha xornada en Allariz adicada á Vespa velutina, o tártago de patas amarelas ou asiático, dirixida principalmente a apicultores e apicultoras de Ourense, así como a calquera persoa interesada no control desta especie invasora.

Nesta provincia, colonizada tamén polo tártago asiático como xa o está prácticamente toda Galicia, prevese un avance importante para este ano, o que poderá causar graves danos tanto na economía do rural como no medio ambiente.

A xornada terá lugar nas instalacións da Escola Galega de Apicultura en Allariz, incluirá palestras sobre a bioloxía e comportamento da Vespa velutina, técnicas de control, como o trampeo preventivo e uso de arpas eléctricas para a protección das colmeas, e obradoiros prácticos sobre o uso destas ferramentas. Tamén haberá unha exposición didáctica, na que participarán constructores de arpas eléctricas con diferentes modelos desta ferramenta que está salvando moitas colmeas en Galicia ante o ataque do tártago asiático.

A participación na xornada é de balde pero requírese inscrición previa no email [email protected] ou no teléfono 981 508 142.

Programa da xornada

Ás 10 h. Bioloxía e coñecemento sobre o tártago asiático:

 “Ciclo biolóxico e comportamento da Vespa velutina, situación en Ourense”. Por Joaquín Lozano, veterinario de AGA.

 “O que aínda non sabemos da Vespa velutina. Por Suso Asorey, biólogo e voceiro de AGA”. Ás 11 h. Estratexias de loita: trampeo, protección das colmeas e retirada de niños.

 Trampeo preventivo e selectivo. Por José Mª Bello, DAGA Morrazo

 Protección das colmeas coas arpas eléctricas Por Rafa Díaz, DAGA Ferrolterra

 A retirada de niños. Por Miguel Ángel López, Protección Civil Allariz.

Ás 13h. Obradoiro: Elaboración e uso de trampas (por grupos, ata cubrir o aforo das aulas).

Ás 16 h. Loita institucional: Asociacionismo e Plataforma Stop Velutina. Por Pepe Torres e Paula Souto, directiva de AGA

Ás 16.30 h. Presentación dos diferentes modelos de arpas eléctricas. Por constructores e empresas especializadas.

Ás 17.30 h. Obradoiro: Manexo das colmeas e uso das arpas eléctricas (por grupos, ata cubrir o aforo das aulas)

De 10 a 19 h. Exposición “Loita contra a Vespa velutina”- Información xeral sobre o tártago asiático, constructores de arpas eléctricas e outras ferramentas de loita. Participan: Eugenio Pichel, Fernando Cores, Apiyago, Benigno Fernández, Apicola Regueira e Vel-Zapper.

Na xornada a Asociación Galega de Apicultura anunciará tamén a convocatoria dunha concentración abelleira para o día 4 de abril en Ourense, para denunciar a pasividade da Xunta de Galicia na xestión desta problemática. A protesta terá lugar a partir das 11 h ante a Delegación da Xunta de Galicia en Ourense (Av. da Habana, 79)

Programa formación EGA

Con esta xornada comeza o programa de formación da Escola Galega de Apicultura do 2019 cunha variada oferta formativa, dende cursos básicos a xornadas específicas sobre diferentes temas, destinada tanto a persoas con
interese en iniciarse na apicultura como a profesionais.

Para o mes de maio a EGA acollerá un curso básico de apicultura os días 4 e 5, con teoría e práctica, e para o día 11 unha xornada sobre explotacións mixtas de apicultura e fruticultura, na que se ofrecerá formación sobre como complementar a actividade abelleira coa produción de froita, como por exemplo mazá, castañas ou arandos, así como sobre outras posibilidades que ofrece o monte. Para o outono realizarase tamén un curso sobre selección e cría de raíñas, con ponentes especializados de Galicia e Portugal, e outro sobre formación para formadores.

O programa de formación e información sobre as inscricións pódese consultar na web: www.apiculturagalega.es

CARTAZ XORNADA VESPA VELUTINA ALLARIZ 2019

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información