Xestión das resistencias a acaricidas no ácaro Varroa

A Universidade de Valencia está a desenvolver análises que revelan cal é o tratamento máis eficaz para cada colmenar, o que permite un mellor control da praga. O bioquímico Joel González-Cabrera expuxo os resultados do traballo da Universidade na recente Feira Apícola Rías Baixas

Xestión das resistencias a acaricidas no ácaro Varroa

Joel González-Cabrera, na súa intervención na Feira Apícola Rías Baixas.

Durante moitos anos os piretroides foron o produto de elección para o control de Varroa, cun alto nivel de eficacia. Pero o seu uso intensivo provocou que, a finais da década dos 90, se desenvolvese resistencia nas poboacións da praga, coa consecuente perda de eficacia. O mesmo problema repítese con outros medicamentos, o que obriga aos apicultores a prestarlle atención á aparición de resistencias nas súas colmeas. Que produto empregar contra a Varroa?

En Valencia, iniciouse o pasado ano un proxecto, incluído no Plan Anual Zoosanitario, que busca optimizar a eficacia dos tratamentos. Este proxecto, que se desenvolve en colaboración coas ADS apícolas, inclúe unha avaliación da resistencia aos acaricidas dos distintos colmenares. O sistema funciona do seguinte xeito. Os apicultores envíanlle mostras dos seus cadros de cría á Universidade de Valencia, encargada das análises, e a Universidade valora en cada caso o nivel de parasitismo dos ácaros Varroa e fai unha estimación da susceptibilidade dos ácaros a distintos tratamentos.

“O apicultor pode saber se vai ter éxito ou non cun tratamento antes da súa aplicación”

Esa estimación, que se realiza expondo os ácaros a tiras comerciais de distintos produtos, trasládaselle despois ao apicultor, para que decida o tratamento máis idóneo. “A cada apicultor vaille a interesar a situación concreta das súas colmeas, xa que así, antes de aplicar un tratamento, pode saber se vai ter éxito ou non”, explica o bioquímico Joel González-Cabrera, da Universidade de Valencia, que expuxo recentemente na Feira Apícola Rías Baixas –organizada pola Agrupación Apícola de Galicia– o traballo que están a desenvolver na Comunidade Valenciana.

Resultados
As análises de resistencia fanse en Valencia con catro acaricidas: Checkmite ( Cumafós), Apitraz ( Amitraz), Amicel ( Amitraz) e con piretroides. Os resultados medios, a nivel de laboratorio, mostraron que o Apitraz e o Amicel logran máis dun 80% de mortaldade da Varroa. “É un produto que está a funcionar ben, de maneira homoxénea, pero ata que deixe de funcionar. Polo momento non se coñecen resistencias ao Amitraz en varroa, pero si que apareceron xa en garrapatas. Nun futuro podería ocorrer o mesmo en Varroa, é unha cuestión aleatoria que non se pode predicir”, valora Joel.

Co Checkmite, a diferenza foi moi significativa entre as distintas colmeas, con porcentaxes medias de eficacia en Castellón e Alacante do 52 e do 53%, en tanto en Valencia houbo unha media de eficacia dun 37%. A variación foi incluso maior cos piretroides, que tiñan unha eficacia media do 44%, pero con casos onde a eficacia esperada oscilaba entre o 77 e o 97% e outros onde a eficacia esperada era do 0%. “Hai diferenzas moi importantes de susceptibilidades a un produto, polo que resulta fundamental facer un rastrexo proactivo de resistencias antes de aplicar un tratamento”, subliña Joel González-Cabrera.

“Os tratamentos con piretroides deben espaciarse un mínimo de 3 anos. Se un ano se aplican e funcionan, é un erro usalos de novo ó ano seguinte”

Como norma xeral a ter en conta, o especialista recomenda que os tratamentos de piretroides se espacien un mínimo de tres anos. “Se un ano se aplica un piretroide e funciona, é un erro volver aplicalo ao seguinte ano, pois a maior parte da Varroa que sobreviviu o ano anterior probablemente sexa resistente aos piretroides, unha característica de base xenética e que se transmite á descendencia”, advirte o investigador. “É preciso deixar de aplicar piretroides durante tres anos para que o tratamento recupere eficacia”, destaca.

Outra cuestión que preocupa no sector é a dos residuos presentes na cera, pois poderían ter influencia nas resistencias. “Agora mesmo é un tema que descoñecemos e que queremos investigar”, sinala Joel.

O caso galego
A xestión das resistencias aos acaricidas que se está traballando en Valencia é unha vía de actuación aínda pendente de afrontar en Galicia. Desde a Agrupación Apícola de Galicia, coorganizadora da Feira Rías Baixas, sinalouse que se está en contacto coa Universidade de Valencia para abordar nun futuro esta cuestión, aínda que o custo que ten o monitoreo de resistencias -ao redor de 100 euros por apicultor- é o gran hándicap a resolver.

Como se fan as Varroas resistentes a un produto?

As resistencias máis habituais orixínanse por dúas vías, segundo detallou na súa exposición Joel González-Cabrera. “Todos os organismos teñen unha batería de encimas que “degradan” o principio activo para eliminalo despois do organismo. Se houbese unha mutación que permitise que unha destas encimas se expresase máis, o produto deixaría de ter efecto. Esta é a chamada resistencia metabólica e é probable, ademais, que se dea nestes casos unha resistencia cruzada que implica a todas as materias activas de grupos químicos similares”.

Outra posibilidade de aparición de resistencias é por unha mutación do punto diana no que actúa o produto. Por exemplo, o fluvalinato e a flumetrina actúan cando se unen á canle de sodio do sistema nervioso de Varroa. Se se producise unha mutación na zona de unión dos piretroides á canle de sodio, eses produtos perderían eficacia. Neste caso a resistencia cruzada sería moi alta entre todos os produtos do mesmo grupo químico.

Esta segunda vía de resistencia é a que afecta, por exemplo, ás poboacións de Varroa de varios países europeos, incluíndo a España, e dos Estados Unidos, pois se comprobou que unha mutación consistente no cambio dun aminoácido na canle de sodio de Varroa imposibilita que o piretroide poida exercer a súa acción.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información