“Vimos de tres anos malos de mel no interior e o 2019 tamén pinta mal”

As dificultades meteorolóxicas dos últimos anos preocupan ós apicultores Xurxo Domínguez e David Sousa, que participan no proxecto Apicambio para analizar medidas de adaptación do sector ó cambio climático

Publicidade
“Vimos de tres anos malos de mel no interior e o 2019 tamén pinta mal”

Colmeas de Xurxo Domínguez na Baixa Limia.

Xurxo Domínguez e David Sousa, apicultores na Baixa Limia – Serra do Xurés, están experimentando en primeira persoa os efectos do cambio climático. Os últimos tres anos tiveron unha sucesión de malas producións por fenómenos meteorolóxicos extremos, un ano por unha xeada primaveral que acabou coa flor, outro ano por unha seca continuada e unha terceira campaña polas choivas continuas. A actual campaña apunta a unha liña similar ós últimos anos.

“Se unha campaña xeitosa no interior, xa non digo boa, podes coller alomenos uns 25 quilos por colmea, no 2016 estivemos nuns 12 quilos, no 2017 nuns 10 e no 2018 en 12 quilos”, compara Xurxo Domínguez. Este ano, as cousas pintan na mesma liña das últimas colleitas. “A primavera non foi mala, pero en xuño temos un tempo revolto que dificulta o pecoreo das abellas e que fai que estean consumindo as reservas acumuladas na primavera. No meu caso e noutros, incluso lles tivemos que poñer alimentación extra para mantelas”, explica Xurxo.

“Desprazamos colmeas a un cultivo de maceiras en flor, cun beneficio mutuo para nós e para o produtor de mazás”

Tal sucesión de dificultades é achacada polos produtores a factores ligados ó cambio climático, coma o descuadre das floracións coas épocas de pecoreo das abellas ou a maior frecuencia de fenómenos meteorolóxicos extremos. Para analizar medidas de adaptación ó cambio climático, tanto Xurxo Domínguez coma David Sousa estiveron participando nos últimos meses no proxecto Apicambio, unha iniciativa promovida pola Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga) para deseñar medidas de mitigación no sector.

Liñas de traballo
As estratexias que se barallan pasan por cambios de manexo que reforcen ás colmeas e lles faciliten a labor ás abellas. Unha posibilidade consiste en acometer pequenos desprazamentos dos colmeares en sincronía coa floración a determinadas altitudes ou de cultivos concretos.

“Por exemplo, estivemos facendo unha proba cunha plantación de maceiras en flor. É unha vía de traballo que nos beneficia tanto ós apicultores como neste caso ó produtor de mazás, pois facilitámoslle a polinización das maceiras, o que en principio debe repercutirlle nunha maior e mellor produción”, valora Xurxo Domínguez, que onte participou nunha rolda de prensa para presentar o traballo realizado no proxecto Apicambio. “En zonas do sur, como Almería, incluso se cobra por levar as colmeas ós cultivos”, sinala.

Jacobo Feijoo (Asefoga), á esquerda, xunto cos apicultores Xurxo Domínguez e David Sousa.

Jacobo Feijoo (Asefoga), á esquerda, xunto cos apicultores Xurxo Domínguez e David Sousa.

Outra liña de traballo pasa pola mellora xenética dos enxames, coa selección das raiñas máis axeitadas. “Estámonos enfocando á selección de colmeas produtivas pero que tamén se caractericen pola resistencia a enfermidades e por unha menor enxameazón”, subliña David Sousa.

Entre as enfermidades, unha das que máis preocupa é a varroa, contra a que os produtores estiveron probando novos tratamentos, como a combinación de ácido oxálico con aceites esenciais de plantas aromáticas.

Hibernación de colmeas
De cara ó futuro, fronte ós retos do cambio climático, o proxecto Apicambio, apoiado pola Fundación Biodiversidad, propón desenvolver probas de hibernación de colmeas durante o outono e inverno, de xeito que se mellore a sanidade e fortaleza dos enxames e ademais, se protexa ás colmeas da predación outonal das vespas asiáticas. É unha posibilidade que os apicultores ven atractiva, pero serían precisas cámaras de almacenaxe das colmeas dun tamaño considerable, unha cuestión por resolver.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información