Vespa Velutina: A Xunta distribuirá trampas e líquido atraínte

Os apicultores reclaman melloras no servizo 112 "para que non teñamos que ser nos os que retiremos os niños, pondo en risco a nosa vida"

Vespa Velutina: A Xunta distribuirá trampas e líquido atraínte

Reunión na Xunta para artellar medidas contra a Vespa Velutina. Autor: Xunta de Galicia

A Consellería do Medio Rural e do Mar distribuirá aos apicultores das zonas máis afectadas pola Vespa velutina arredor de 1.500 trampas e líquido atraínte, co obxecto de que as coloquen nas proximidades das súas colmeas e recollan o maior número posible de raíñas desta especie invasora.

Así se decidiu esta tarde na xuntanza que mantiveron a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, o vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alfonso Villares, e membros da Asociación Galega de Apicultura, da Asociación Provincial Lucense de Apicultores e da Agrupación Apícola de Galicia.

Este ano farase trampeo en primavera para a captura precoz de raíñas de vespa asiática

Ao longo deste ano 2015, o departamento que dirixe Rosa Quintana continuará a desenvolver o Plan de vixilancia e control da Vespa velutina desenvolto ao longo do 2014. Manterase o operativo de trampeo de vixilancia e o trampeo selectivo, así como a retirada de niños detectados. Ademais, durante este ano, a Consellería colaborará cos apicultores para realizar trampeo en primavera para a captura precoz de raíñas. Inicialmente distribuiranse entre 1.400 e 1.500 trampas entre todos os apicultores dos concellos onde foron detectados máis de cinco niños, repartíndose as trampas sobrantes a apicultores dos restantes concellos onde se comprobou a presenza de máis de 2 niños.

Os meses de febreiro, marzo e abril son os máis propicios para capturar raíñas de vespa velutina

Neste senso, a colocación de trampas para a captura de raíñas pode ser importante na loita fronte a esta especie invasora, xa que cada raíña “fundadora” capturada significará que haberá un niño menos no entorno. As novas raíñas nadas no outono de 2014 comezan a construír o seu niño a finais de febreiro e inicio de marzo, para a continuación realizar a primeira posta de ovos. A finais de maio e primeiros días de xuño nacen as primeiras vespas obreiras, ocupándose estas dende este momento de realizar todos os labores necesarios para o desenvolvemento da colonia. Por iso, é preciso aproveitar o período no que as raíñas se mostren activas no exterior para proceder á súa captura, é dicir, durante os meses de febreiro, marzo e abril.

Por outra parte, a Consellería mostrouse receptiva á proposta do alcalde de Cervo (FEGAMP) de avaliar, con personal contraincendios, o sistema de queimar os niños con pertegas e antorchas ideado por abelleiros de Viveiro.

A Asociación Galega de Apicultura insiste na necesidade de mellorar o servizo 112 para loitar contra a vespa asiática

Dende a Asociación Galega de Apicultura (AGA), reclamáronlle á representante de Medio Rural que dote de medios ao servizo 012, con pertegas de máis metros para chegar aos niños(ata 20-25 metros) e poder usar insecticidas ou algún gas mortal para as vespas. Ao mesmo tempo o 012 tamén debe contar con outros medios ou con capacidade para coordinar distintas institucións que poidan colaborar na retirada de niños.

Neste sentido, o portavoz de AGA, Xesús Asorey asegura que “hai que seguir presionando ata conquerir os medios necesarios para que o 012 poida retirar os niños sen que os abelleiros teñan que facer esta labor pondo en perigo a súa propia vida”.

A este respecto, AGA vai elaborar un convenio tipo para firmar entre AGA e os Concellos afectados para establecer un programa de control e prevención que complemente as actuacións do servizo 012.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información