Vespa Velutina: Recomendacións para os traballadores do sector forestal

Vespa Velutina: Recomendacións para os traballadores do sector forestal

A vespa velutina adoita construír os seus niños nas árbores

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) ven de publicar un cartel con recomendacións para os traballadores do sector forestal ante a presenza nas árbores de niños de vespa asiática, tamén coñecida como Vespa Velutina.

A orixe desta publicación xorde da demanda do grupo de traballo do sector forestal creado polo Issga e con motivo da presenza cada vez máis habitual da vespa asiática nos nosos montes.

O resultado desta proposta é un traballo conxunto do grupo que se concretou nun documento breve en formato cartel no que se indican as recomendacións preventivas de actuación en traballos forestais cando nos topamos coa vespa velutina.

O documento está dividido en tres partes e recolle as actuacións básicas que se deben ter en conta na planificación das tarefas tanto antes de empezar os traballo, como se se atopa un niño de velutina como, por último, no caso de ataque das vespas velutinas.

Velaquí as recomendacións:

Antes de empezar os traballos:

-Realiza un recoñecemento exhaustivo da parcela (árbores, chan, muros, etc.) e comproba que non existen niños de velutina na zona.

-Ten en conta que os niños que están no medio das silveiras ou entre o mato soen ser máis difíciles de detectar.

Se atopas un niño de velutina:

-Non te achegues a menos de 5 metros do niño.

-Non lle provoques danos; non o golpees nin molestes ás velutinas. Lembra que normalmente só atacan ao verse ou sentirse atacadas.

-Non apees unha árbore que conteña un niño, ou ben que poida afectar na súa caída a outra árbore que o albergue. Non roces silveiras ou matos que conteñan niños.

-Avisa a todos os compañeiros de traballo da presenza do niño e sinaliza a zona.

-Chama ao 012 e comunícao.

Como actuar no caso dun ataque?

-Se te atacan fuxe o máis rápido posible e busca un refuxio (vehículos, edificacións, arbustos, cultivos densos como o millo, etc…).

-Mentres escapas procura evitar que as velutinas te ataquen nas áreas máis sensibles da cara, como pode ser a zona dos ollos. Tamén teñen tendencia a picar na parte de atrás do pescozo polo que se recomenda protexer esta zona coas mans ou roupa.

-Non tentes eliminar as velutinas nin axitar os teus brazos para espantalas. As velutinas son atraídas polos movementos bruscos e as que son esmagadas emiten un cheiro que atrae máis velutinas.

-Se ves que alguén é atacado por velutinas, non te achegues para axudalo. Chama ao número de emerxencias (112) onde te informarán de como debes actuar e avisarán aos medios de emerxencia para que se trasladen ao lugar se é preciso.

Lembra: as persoas alérxicas deben levar sempre consigo a medicación necesaria para administrarse en caso de picaduras.

Descarga aquí o cartel do ISGGA

VELUTINA_ISSGA_FORESTAL

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información