Vespa velutina: 5 claves a ter en conta á hora de rozar ou cortar madeira

As picaduras da Vespa velutina ou vespa asiática vólvense cada vez máis comúns a persoas que realizan desbroces ou cortas de madeira, con varias persoas mortas o pasado ano. Lolo Andrade, divulgador e técnico de Protección Civil de Cambre, ofrece 5 consellos básicos a ter en conta

Publicidade
Publicidade
Vespa velutina: 5 claves a ter en conta á hora de rozar ou cortar madeira

O pasado ano varias persoas faleceron en España a consecuencia das picaduras de Vespa velutina mentres estaban realizando traballos de desbroce ou de corta de madeira. Un problema que pode ir a máis a medida que esta especie invasora vai colonizando novos espazos.

Neste sentido, Lolo Andrade, divulgador e técnico de Protección Civil de Cambre especializado na loita contra a vespa asiática, está a impartir charlas informativas a empresas de servizos forestais para previr os ataques de himenópteros. Este é o protocolo que aconsella á hora de realizar desbroces ou cortas de madeira:

1) Época na que se deberían realizar os desbroces ou corta de madeira:

A época de menos perigo de picaduras de vespa velutina ou doutro tipo de avespas é de novembro a febreiro, cando os niños quedan baleiros, morren as obreiras e as raíñas entran en fase de hibernación. Este período sería especialmente recomendado para aquelas persoas que son alérxicas ás picaduras de himenópteros.

De maio a xuño a Vespa velutina sole aniñar no solo nos niños primarios, polo que o risco de picaduras aumenta. E a época de máximo risco é de xullo a outubro, cando as avespas velutinas constrúen os niños secundarios, con miles de individuos. A ser posible, debería evitarse esta época para realizar rozas ou cortas de madeira, pois é a época de maior perigo.

2) Levar un spray insecticida:

A mellor protección fronte á Vespa velutina é un tractor con cabina, que impida a entrada dos insectos. En caso de que o tractor non estea cabinado ou de que se estea realizando a corta de maleza cunha desbrozadora de man ou cun fouciño, Lolo Andrade recomenda levar sempre un spray insecticida. “Cando detectamos unha velutina que nos está a atacar este spray crea unha nube protectora, que nos axuda a fuxir e a evitar as picaduras”, explica. “Estamos a traballar para poñer no mercado un kit especial para levar no tractor ou no cinto, e a parte do insecticida, neste caso un piretroide, o spray leva un gas propelente, coa que mataríamos ás vespas que nos ataquen e daríanos tempo a escapar”, avanza.

Daríanos así tempo de fuxir ata un lugar pechado (unha construción, o coche) no que refuxiarnos ou ata que as avespas deixen de seguirnos. Só podemos empregar este insecticida en exteriores, nunca dentro dun habitáculo pechado.

3) Ir sempre acompañado cando se fai unha roza ou corta de madeira

Cando imos desbrozar ou cortar árbores sempre debemos ir acompañados para que a outra persoa nos preste auxilio e nos traslade a un centro médico. A maior parte dos falecementos por picaduras de vespa velutina sucederon en persoas que estaban a traballar soas.

4) Realizar sempre unha inspección visual previa

Aconséllase realizar primeiro unha inspección visual na zona onde se vai rozar, pois cada vez son máis frecuentes os niños secundarios en silveiras, valados ou toxeiras. O mesmo se debe facer antes de cortar madeira, revisado as copas das árbores para localizar posibles niños. Se identificamos algún chamar ao teléfono 012 para que procedan á súa retirada.

5) ¿Como se debe actuar en caso de picadura ou de que se detecte un niño?

En caso de picadura e se estamos acompañados, o noso acompañante débenos levar ao centro de saúde máis cercano e chamar ao 112 para que o equipo médico estea preparado. Se estamos sós, e unha vez fuxamos do avespeiro ou zona de ataque, debemos chamar ao 112 e non apagar o teléfono para que nos detecten os servizos de urxencia.

“Se sufrimos as picaduras de avespas nunca debemos coller o coche, pois podemos desmaiarnos e provocar un accidente de tráfico, con consecuencias mortais, como xa aconteceu en varias ocasións”, advirte Lolo Andrade.

Hai que fuxir protexendo cos brazos o pescozo, a caluga e a cabeza

En caso de que nos piquen debemos escapar do lugar -as avespas deixan de perseguirnos unha vez que nos afastemos do niño- e matar as que teñamos pegadas á roupa para que non nos sigan mordendo. “Debemos escapar do lugar do ataque evitando mover os brazos, pois iso axúdalles a localizarnos, e cos brazos e mans debemos protexer a cabeza, a caluga e o pescozo, zonas sensibles porque se nos pican nesas zonas entraría máis rápido o veleno ao torrente sanguíneo”, explica.

“E por suposto, debemos tirar a desbrozadora ou a motoserra, para escapar o antes posible. O prioritario é a nosa vida e fuxir o máis rápido posible. As máquinas non nolas van roubar, pois quedarán ben custodiadas polas avespas”, engade Lolo Andrade.

Aplicacións que se recomenda instalar no teléfono mobil:

-ALPIFY, tamén coñecida como Safe 365: Unha aplicación gratuíta para persoas alérxicas á picadura de insectos. Permite localizar no momento o grupo de emerxencia máis cercano.

https://www.safe365.com/es

-GEOCAM FREE: Permite enviar fotos e localizar o avespeiro. Os datos son enviados a unha base que axuda a mellorar a loita contra a Vespa Velutina.

https://play.google.com/store/apps/details?id=com.myway&hl=es_419

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información