“A Velutina seguirase estendendo por todo o territorio e as medidas de control axudarannos a convivir con ela”

Entrevista a Shantal Rodríguez, unha das investigadoras galegas que está a destacar no estudo da expansión e dos métodos de control da Vespa Velutina en Galicia. Avanza que “lograremos frear a súa expansión se conseguimos atraentes específicos para capturar raíñas e sistemas de detección dos niños”

“A Velutina seguirase estendendo por todo o territorio e as medidas de control axudarannos a convivir con ela”

Shantal Rodríguez

María Shantal Rodríguez Flórez é unha das persoas que máis sabe sobre o comportamento e a bioloxía da Vespa Velutina, unha especie invasora que está a provocar importantes danos na apicultura, pero sobre todo no medio ambiente. Esta doutora do departamento de Bioloxía Vexetal da Universidade de Vigo, forma parte do grupo de Aerobioloxía e Apicultura, e ven de publicar, xunto con outras investigadoras galegas, un completo estudio no xornal internacional Journal of Pest Science , no que analiza a expansión da vespa asiática no Noroeste de España, e como inflúe a altura e as condicións meteorolóxicas á hora de colonizar novas áreas.

Neste momento está a traballar no Instituto Politécnico de Bragança, Portugal, baixo a dirección de Miguel Vilas Boas, nun proxecto que procura un compoñente que resulte útil para obter un atraente específico para V. velutina. Ademais, dende o laboratorio de Apicultura da Facultade de Ciencias continúa a realizar estudos relacionados co desenvolvemento do ciclo biolóxico da vespa, entre outros.

Canda outras científicas do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Solo do Campus de Ourense, da Universidade de Vigo, publicastes unha investigación sobre a expansión da Vespa Velutina en Galicia. ¿De onde xorde o teu interese por esta especie invasora?
Dentro deste departamento, formamos parte do Grupo de investigación de Aerobioloxía e Apicultura da Facultade de Ciencias de Ourense, concretamente somos a parte de Apicultura. Como ben sabedes V. velutina leva dende aproximadamente o 2011/2012 no noso territorio, tempo suficiente para expandirse por toda a comunidade.

Un dos impactos máis coñecidos e agresivos que causou este avispón está relacionado co sector apícola, xa que a súa dieta proteica está baseada principalmente no consumo da abella melífera (Apis mellifera), causando unha diminución na produción apícola, entre outros efectos negativos como é o efecto sobre a polinización e polinizadores.

O noso grupo traballa dende hai moitos anos directamente co sector apícola, a través de colaboracións en distintas liñas de investigación e tamén noutras actividades de difusión. O noso interese procede fundamentalmente do impacto que esta especie está a ter neste sector, e das consecuencias que pode ter para a apicultura en Galicia e para os produtos que deles se obteñen. Por este motivo, xórdenos a necesidade de afrontar o estudo da avespa asiática e colaborar deste xeito aportando información para combatela.

“O que máis sorprende da Vespa Velutina é a súa capacidade de adaptación”

¿Que te sorprende máis do proceso de expansión da Vespa Velutina en Galicia?
A velocidade e capacidade de adaptarse á hora de expandirse. Cada ano é sorprendente a variabilidade nas datas de xurdir e de hibernar das femias ou a adaptacións a zonas adversas con temperaturas extremas e altitudes elevadas. Son una especie moi resistente que convive e compite perfectamente con outras especies de Vespa.

Dende a súa chegada a Galicia no ano 2011 esta especie mostrou un avance imparable, malia o trampeo e a retirada de niños, ¿ En que cres que estamos a fallar para frear a súa expansión?
Na miña maneira de ver as cousas, hei de dicir que era bastante probable a introdución desta especie en Galicia, pois hai que lembrar que chegou a Francia en torno ao ano 2004 expandíndose a diversos países Europeos a unha enorme velocidade, entre eles España (2010). Nin na UE nin na Península Ibérica se conseguiu controlar a praga. Pode ser porque non se empezaron a tomar medidas ata que foron máis que evidentes os seus impactos e ata que foron demandadas polos principais afectados, ou por que non se coñecen medidas capaces de controlar este tipo de invasións.

Dada a facilidade de expansión da especie os métodos de seguimento cando se detectaron os primeiros niños non foron suficientes para poder actuar e controlar esta expansión. Tanto a eliminación dos niños como o trampeo foron insuficientes e a falta de máis estudos non se coñece a influencia deste último na redución da expansión. A cantidade de raíñas fundadoras descendentes de cada niño é moi alta, polo que cada un deles ten capacidade de xerar unha gran cantidade de colonias novas no seu seguinte ciclo de vida.

Referente ao trampeo, ao non ser este específico, non só captura individuos de velutinas senón que é unha adición ao impacto causado por este avispón ao diminuír poboacións de especies de insectos e arácnidos que xogan un rol importante nos ecosistemas.

Por outra banda os esforzos no combate contra Vespa velutina están pouco coordinados o que atrasa a obtención de resultados máis eficientes nos sistemas de control. Por esta razón é de gran importancia o investimento no estudo desta especie en todos os seus campos.

¿Como lle afecta a altitude e as condicións meteorolóxicas á hora de colonizar novos espazos?
Como dixen anteriormente, esta especie caracterízase por ter unha enorme adaptabilidade á hora de atopar sitios para establecer as súas colonias. Así, en primeiros estudos, falábase de que aquelas zonas de altitudes elevadas actuaban como barreiras á hora de seguir expandíndose.

Porén, actualmente rexistráronse colonias de velutinas en lugares de interior con altitudes importantes como son algunhas zonas de Ourense, que ademais contan cun clima máis extremo que a costa. Actualmente a maior cantidade de niños segue sendo detectada nas cotas máis baixas pero é tamén nestas áreas onde leva máis tempo introducida. Nas áreas do interior de Galicia nas que está presente causa problemas importantes nas colmeas ao igual que na costa. En principio, parece que esta especie prefire condicións meteorolóxicas máis suaves, con temperaturas non demasiado elevadas e humidade ambiental alta.

Sorprende que se adapte tamén ás contornas urbanas ¿Por qué motivos credes que atopa boas condicións nestes sitios?
Aínda que tamén se atopan niños secundarios (niños de maior tamaño e dunha etapa de ciclo máis desenvolta), principalmente nas áreas urbanas, é frecuente a presenza de niños primarios (niños dunha idade temperá e de pequeno tamaño).

“A vespa velutina non mostra ningún impedimento para colonizar as áreas urbanas”

Esta avespa é unha especie social que non mostra ningún impedimento en convivir coa nosa especie. Á hora de elixir un lugar para establecer a súa colonia, prioriza zonas nas que se atope protexida, tanto de depredadores como das inclemencias do tempo. Con todo, tamén busca lugares nos que dispoña dunha gran cantidade de recursos. Deste xeito, as zonas urbanas poden ser lugares idóneos para construír os niños primarios ata que a colonia sexa o suficientemente grande para cambiar a súa localización (ou non). Tamén nestas áreas urbanas ou nas construcións é mais probable o seu avistamento, podendo influír na percepción do seu hábitat.

¿Hai algún tipo de flora pola que amose preferencia?
Como outras avespas aliméntanse de néctar ou outros líquidos azucrados. Por iso, plantas en flor que lle proporcionen ese recurso nun momento dado, son perfectamente válidas para ser visitadas por esta especie. Así, na primavera velas alimentándose de plantas en flor nese momento, como en árbores froiteiras ou en determinadas especies de camelias e no outono en plantas de floración outonal como é o caso da hedra.

É dicir, a especie de planta que visite está fortemente relacionada coa área na que se atope. Ademais, é xustamente nesas plantas onde tamén pode atopar outras especies de insectos que lles serven tamén para a súa alimentación.

¿A velutina mostra predilección polas zonas onde predomina o eucalipto?
Na nosa publicación máis ben dicimos que as áreas da costa en Galicia, onde predomina o eucalipto, están fortemente invadidas por este avespón, pero non é correcto dicir que mostra predilección polo mesmo. Quizás nalgunhas áreas con eucalipto onde estean establecidas varias colonias de velutina o recurso que utilicen sexa o eucalipto globulus, que cando é árbore madura ten unha alta produción tanto en pole como en néctar, polo que poden acudir a ela perfectamente aproveitando tamén a presenza doutros insectos que lle sirvan de alimento.

“A Velutina seguirase estendendo por todo o territorio e as medidas de control axudarannos a convivir con ela”

Con todo isto, ¿Credes que existe algunha zona de Galicia onde vai ser máis difícil que sexa colonizada pola Vespa Velutina?
Segundo os últimos datos da Xunta cada ano rexístranse máis niños desta especie por toda Galicia. E cada ano colonizan novas zonas, polo que esta especie seguirá estendéndose por todo o territorio. Tan só o uso de determinadas técnicas de control axudarannos a convivir con ela para poder minimizar os seus impactos.

¿Que medidas de prevención ou paliativas considerades que se están a amosar máis eficaces?
Depende da área a tratar, así nas áreas urbanas,o que máis se fai é a retirada dos niños; nas colmeas e en áreas rurais quizais o máis utilizado é o trampeo, sobre todo na primavera e no outono coincidindo coa aparición das raíñas fundadoras de primavera e as novas no outono para o ciclo do seguinte ano.

“O método de control máis eficaz é informar á poboación sobre esta especie”

Sen embargo, baixo o meu punto de vista, o método máis eficaz é ter informada á poboación sobre as características e comportamento desta especie. Deste xeito, a participación da poboación é útil para incrementar o coñecemento sobre o avance desta especie, que ao mesmo tempo nos informa de como freala.

¿Cales consideras que son as liñas de investigación máis prometedoras para permitir frear os danos ocasionados por esta especie, non só na apicultura, senón en moitos outros insectos?
Varias liñas poden presentar especial interese. Unha delas é conseguir atraentes específicos que permitan a captura de raíñas sobre todo na primavera e no outono. Isto sería ideal para diminuír as poboacións desta especie, xa que un dos factores que fan que o seu impacto sexa tan grande é a gran proliferación que a caracteriza.

 “Os avances no control virán por conseguir atraentes específicos para capturar raíñas e sistemas de detección dos niños”

Outra liña moi interesante está relacionada co desenvolvemento de sistemas para a detección dos niños. Isto é fundamental para reducir a presión nos colmeares, sobre todo no outono, pero tamén para evitar riscos nos traballos forestais ou agrícolas, rozas, etc. Xa directamente relacionado coa apicultura e dada a presión que velutina realiza sobre as colmeas xusto antes de comezar o inverno, débese mudar o sistema de manexo das colmeas, adaptándoo a esta nova situación.

Todos os estudos que permitan obter información sobre a especie, a súa bioloxía e comportamento, poden ser punto de partida para medidas de control máis eficaces.

VELUTINA_SHANTAL_1

Esta especie invasora estase a espallar por todo o continente europeo. ¿Que podemos aprender doutros países?
A experiencia. Sen dúbida, un coñecemento previo é importante para saber como empezar a lidiar con calquera problema. Por iso a colaboración a través de determinadas plataformas, proxectos ou asociacións son determinantes á hora de combater contra V. velutina.

¿Está funcionando ben a coordinación entre os investigadores, non só a nivel europeo e español, senón tamén galego?
En Galicia, aínda se está empezando a investir no estudo desta especie, polo que aínda se están establecendo os grupos que se están dedicando ao estudo da mesma. Querendo ser positiva, estou segura de que a colaboración entre os diversos grupos vai desenvolverse sen ningún problema e que levará a moi bos resultados .

¿En que liñas de investigación estás a traballar neste momento sobre a Vespa velutina? ¿Podes avanzarnos algún resultado preliminar?
Nestes momentos conto cunha axuda posdoutoral da Xunta de Galicia. Este primeiro ano, estou a traballar no Instituto Politécnico de Bragança, Portugal, baixo a dirección de Miguel Vilas Boas. O obxectivo é a procura dun compoñente que resulte útil para obter un atraente específico para V. velutina. Ademais, dende o laboratorio de Apicultura da Facultade de Ciencias estamos a realizar estudos relacionados co desenvolvemento do ciclo biolóxico da vespa, entre outros.

¿Algo máis que queiras engadir?
Como calquera problema ambiental, é importante a colaboración entre todos os sectores e a poboación, e por suposto, a utilización do sentido común. O trampeo, como dixen antes, non é un método ideal, pero en determinadas épocas (primavera e outono) axuda a reducir o número de raíñas fundadoras.

Tamén destacaría que o rexistro dos niños realizados a nivel de comunidade non foi posible sen a participación cidadá. Os propios apicultores e agrupacións e asociacións apícolas, son dignos de admiración pola súa colaboración na descrición do comportamento desta especie e como pioneiros á hora de inventar solucións que axuden a protexer ás colmeas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información