As universidades galegas e o sector apícola únense para combater a Vespa Velutina

As universidades galegas e o sector apícola únense para combater a Vespa Velutina

O Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela inaugurou esta semana exposición temporal “Vespa velutina: unha invasión imparable”. A exposición aborda a invasión do tártago asiático, un problema de grande repercusión ambiental e socioeconómica. Con anterioridade á inauguración celebrouse no propio museo un encontro entre investigadores das universidades galegas e representantes da Asociación Galega de Apicultura (AGA) e doutros colectivos, para intercambiar experiencias e analizar propostas para o deseño de estratexias na loita contra a Vespa velutina.

O obxectivo é crear un grupo de traballo que terá como centro de referencia para as súas actividades o Museo de Historia Natural e que estudará diferentes propostas para loitar contra esta praga dende a investigación e cunha perspectiva principalmente científica.

Os investigadores presentes concordaron na necesidade de contar con recursos económicos e humanos para levar a cabo esta investigación e que a administración debe abrir liñas de axudas. “Os apicultores e apicultoras non poden seguir levando o peso deste traballo, debe ser realizado dende a investigación científica, que ten unha metodoloxía precisa e rigorosa, poñendo por diante sempre a protección do medioambiente”, destacan dende AGA.

Outra das conclusións foi que é indispensable identificar cal é o dano real que está provocando esta especie exótica invasora para saber por que vías hai que comezar a traballar. Unha das máis importantes, aseguraron algúns dos asistentes, é a protección das colmeas, xa que a erradicación da Vespa velutina é practicamente imposible.

Resultados alentadores coa harpa eléctrica e investigación no uso de patóxenos, biocidas e feromonas

Unha das ferramentas que xa se someteron a estudio na Universidade de Vigo foi a arpa eléctrica, cuxos resultados foron alentadores. Ademais, na Universidade de Santiago están centrando a busca en mecanismos para debilitala, como patóxenos ou biocidas. Tamén hai aberta unha vía coa utilización de feromonas que xa se están preparando para comezar a fase de probas. Pero os responsables destes estudios reclaman máis apoio da administración, facilitando a obtención de datos e ofrecendo os recursos necesarios.

Dende AGA explican que “houbo tamén un acordo unánime en que non se pode deixar que avance a invasión sen establecer unhas liñas de actuación precisas, pois non é prudente esperar por exemplo a un estancamento no avance da praga, xa que non sabemos se vai a ocorrer e a tendencia é que continúe o aumento progresivo dos últimos anos”.

Algunhas das primeiras propostas deste grupo foron solicitar recursos dende as universidades e organizar simposios de investigación co obxectivo de sacar liñas de actuación e coordinar proxectos a través de convocatorias xerais ou específicas. A partir de agora os investigadores e investigadoras presentes continuarán reuníndose co obxectivo de ir elaborando liñas de actuación e presentar ás administracións.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información