¿Trampeo da Vespa velutina: si ou non? Falan os expertos

O trampeo da avespa asiática é o método máis utilizado para frear a expansión desta especie invasora. Sen embargo, diversos expertos advirten de que o impacto sobre outros insectos pode ser moi grave. Falamos con 3 dos máis destacados: Sandra Rojas, Karine Monceau e Xesús Feás

¿Trampeo da Vespa velutina: si ou non? Falan os expertos

Trampa comercial contra a Vespa velutina

A Vespa velutina é unha especie invasora que desde o 2014 colonizou boa parte de Galicia e da cornixa cantábrica, cun avance que parece imparable e uns danos incalculables tanto en apicultura como, especialmente, noutros insectos.

Para combatela, o método máis empregado é o trampeo para atrapar exemplares de vespa asiática mediante o uso de líquidos atraentes, un sistema que se está realizando con carácter masivo e co apoio das administracións. Porén, diversos expertos alertan de que o dano que provocan estas trampas sobre o medio ambiente, ao capturar tamén a un gran número de insectos, debe obrigar a reformular o seu uso, restrinxíndoo o máximo posible.

A modo de exemplo, só para o trampeo primaveral de raíñas de Vespa Velutina a Consellería de Medio Rural distribuíu este ano 2.467 trampas entre os apicultores, pero se se suman as elaboradas artesanalmente e as que se colocan fóra da tempada primaveral o seu número ascende probablemente a varios miles máis só en Galicia.

Falamos con tres expertos de recoñecido prestixio para informarnos sobre cando, como e en que circunstancias se poden empregar ou non trampas para atrapar á Vespa velutina.

Karine Monceau: “A destrución dos niños de Velutina é máis eficaz que o trampeo”

Karine Monceau durante unhas xornadas celebradas en Lugo

Karine Monceau durante unhas xornadas celebradas en Lugo

Karine Monceau é investigadora da Université de La Rochelle (Francia) e unha referencia mundial no estudo da Vespa velutina.

Resulta eficaz o trampeo da Vespa velutina?
De momento o trampeo baseado en líquidos atraentes non permite reducir a predación da Vespa velutina sobre as colmeas, polo que non podemos dicir que sexa eficaz.

E resulta selectivo?
No outono e no verán se colocamos as trampas nos apiarios pode parecer que sexa selectivo, pero probablemente isto é máis debido á ausencia doutros organismos, excepto as abellas, nesas contornas.

Cando e como aconsella realizar o trampeo das vespas asiáticas?
A título persoal non estou a favor do trampeo de primavera, polo menos tal e como se está a facer actualmente. Considero que se debe limitar ao máximo o impacto sobre outras especies de insectos, evitando que se afoguen e matar selectivamente á Vespa velutina.

A colocación de trampas nos apiarios durante o verán e o outono pode manterse se hai poucos avesouros europeos (Vespa Crabro). Un novo tipo de trampa que se coloca debaixo da colmea parece que é máis eficaz, pero tampouco é unha solución milagre. E é que nas colonias de Velutina renóvanse as cazadoras a un ritmo rápido o que provoca que, mesmo aínda que se maten, sexan substituídas rapidamente por outras.

A utilización de troianos -velutinas ás que se lles esparexe insecticida para que contaminen a colonia- está prohibida pois isto expón ao veleno sen ningún control a outros organismos, como as abellas.

Que tipo de trampa e de atraente revelouse máis eficaz?
A día de hoxe non existe un método eficaz en canto ao trampeo, pois non contamos cun atraente o suficientemente potente -superior ao que atraen as abellas ás velutinas- e específico, unicamente que teña como diana á Vespa Velutina.

Na miña opinión, o trampeo é un método paliativo pero non unha solución en si. A destrución dos niños de Vespa Velutina probablemente sería máis eficaz, pero require identificar os niños nun estadio precoz. Isto é algo que se está a investigar actualmente co equipo da Univeridade de Exeter.

Outra medida na que estou interesada é a relativa ao comportamento das abellas. E é que certas colmeas poden ser potencialmente máis defensivas que outras e iso é algo no que teriamos que afondar.

Sen embargo, un problema ao que nos enfrontamos os investigadores é a falta de financiamento para os proxectos de investigación, malia a gravidade do problema.

Sandra Rojas: “Por cada velutina capturada nas trampas mátanse outros 100 insectos”

Sandra Rojas Nossa

Sandra Rojas Nossa

Sandra Rojas Nossa é Doutora en Bioloxía e actualmente é investigadora posdoutoral no Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo.

O obxectivo dunha das súas liñas de investigación é atopar métodos eficaces e ambientalmente sustentables para o control de Vespa velutina.

É eficaz o trampeo da Vespa velutina tal e como se está a realizar?
Respecto da eficiencia comparada dos métodos de trampeo, a investigación realizada pola Asociación Galega de Apicultura co apoio da Universidade de Vigo en 2016 demostrou que o tipo de trampa, a súa localización e a tempada de acción das trampas son aspectos decisivos para determinar a cantidade de V. velutina raíñas capturadas na primavera.

Por outra banda, sobre a eficacia do trampeo para reducir a especie, até agora non existen evidencias de que este tipo de trampeo realmente axude a reducir a poboación de V. velutina. Pola contra, investigadores franceses que fixeron un seguimento dos niños durante varios anos fan un chamamento para deixar de usar este método pois aseguran que non é efectivo nin sustentable.

O dano que se causa ás poboacións de insectos nativos non compensa a mínima redución de raíñas fundadoras de V. velutina realizada con uso de trampas con cebos non selectivos. Ademais, debemos considerar que esta especie exótica invasora demostrou posuír unha enorme capacidade reprodutiva e colonizadora.

 “En Galicia por cada velutina capturada na primavera mátanse outros 100 insectos”

E é selectivo o trampeo actualmente?
A selectividade do trampeo con trampas con cebo é o gran problema do método. Todos os tipos de trampa e cebos avaliados por diferentes investigadores en diferentes rexións de Francia e de España demostraron ser moi pouco selectivos. É dicir, que se mata unha cantidade enorme doutras especies (en Galicia estimamos que se matan 100 insectos nativos por cada V. velutina capturada na primavera). Isto pode ter graves efectos sobre as poboacións de insectos e sobre todos os procesos ecolóxicos nos que estes insectos están involucrados.

Existe un argumento amplamente difundido en prol do trampeo: “Dado que se trata de raíñas fundadoras de colonias dun depredador moi eficaz de insectos como é V. velutina, imaxínese cantos insectos serían cazados pola colonia que esa raíña fundaría!”. Se facemos números moi xerais poderiamos chegar á conclusión de que si, que a cantidade de insectos que matamos en trampas é menor que a cantidade de insectos que matan as velutinas.

Pero cando miramos o detalle isto non é así. Talvez algúns grupos de insectos que son altamente cazados por V. velutina efectivamente poden verse favorecidos. Porén, nas trampas non caen os mesmos insectos que V. velutina caza. Caen moitas avelaíñas, escaravellos, moscas de diferentes especies, e mesmo moitas Vespa crabro (o abesouro do país, que é o único aliado natural contra V. velutina). Estes insectos ven decimados polas trampas, pero non por V. velutina, de maneira que co uso das trampas con cebos non selectivos estamos a aumentar os riscos para outras especies, e por tanto empeorando o problema a nivel ambiental.

En caso de realizar o trampeo ¿Cando e como aconsella realizalo?
Respecto da tempada de acción das trampas, as nosas observacións sobre o período de maior caída de raíñas nas trampas apoia o calendario suxerido pola Estratexia Nacional (desde mediados de febreiro até mediados de xuño) e que se basea tamén na información sobre o efecto das temperaturas ambientais sobre a emerxencia de raíñas hibernantes. Esta información permitiría afinar este período de acordo ás características ambientais de cada rexión.

Por outra banda, en Galicia hai unha maior taxa de capturas de V. velutina nun radio menor a 50 metros dos apiarios, así como en áreas forestais (Rojas-Nossa et ao. artigo en prensa). Cremos que isto se debe a que os cheiros das abellas e a dinámica das colonias actúan como un importante compoñente de atracción que debe ser usado ao noso favor na loita contra esta especie.

Ademais, aínda que é certo que en anos anteriores non se vía con frecuencia ás raíñas cazando en colmeares ao comezo da primavera, este ano comezaron a cazar desde moi cedo nos apiarios.

Que tipo de trampa e de atraente se mostraron até agora máis efectivos?
As trampas caseiras (feitas con botellas de auga) son as menos efectivas para a captura de V. velutina en comparación con trampas comerciais habitualmente empregadas polos apicultores (Rojas-Nossa et ao. artigo en prensa). O deseño da trampa é un aspecto que se pode investigar e experimentar para lograr mellores resultados sen necesidade de grandes esforzos e tempos de investigación.

Na nosa investigación comparamos 3 tipos de atraente: Véto-Pharma, Avispa-clac e caseiro (mestura de cervexa, viño, zume de arando e azucre). Todos tiveron similares resultados para a captura de raíñas fundadoras.

 “As trampas caseiras son as menos efectivas na loita contra Vespa velutina”

Cos datos de que dispón, ¿Recomendaría o trampeo?
Hai que lembrar que a “Estratexia para o control, xestión e posible erradicación do Avispón asiático ou Avespa negra (Vespa velutina ssp. nigrithorax) en España” do Ministerio para a Transición Ecolóxica acepta que se realicen trampeos de primavera con trampas con cebo nas inmediacións dos colmeares. Isto non significa que o Ministerio acepte que sexa unha medida de erradicación da especie (de feito explicitamente dio na Estratexia), senón que é unha medida que pode minimizar os danos sobre apiarios concretos.

Penso que é prioritario estudar e mellorar os métodos para protexer os colmeares e con iso a apicultura. Por unha banda, porque é o sector produtivo que está a ser directa e fortemente afectado por esta invasión, pero tamén é relevante protexer ás abellas xa que efectúan a polinización de moitas plantas.

Os investigadores facemos grandes esforzos para buscar solucións, pero por unha banda é moi laborioso e complicado conseguir os recursos para facer as investigacións e, por outra banda, chegar a resultados e evidencias serias require tempo.

Tamén é importante dar continuidade e mellorar o labor de monitorización e acción temperá, aumentando as medidas de educación e concienciación da poboación, pois probablemente isto evitará moitos accidentes de picaduras.

Que outra medida pode ser efectiva?
Penso que para facer unha loita eficaz e ambientalmente sustentable débense implementar varios métodos que ataquen en diferentes puntos do ciclo de vida da especie invasora. Na Universidade de Vigo, con apoio de Asociación Galega de Apicultura e da Xunta de Galicia, estudamos en 2017 a selectividade e a eficacia das trampas eléctricas para a protección das colmeas con bos resultados tanto a nivel de eficacia para a protección das colmeas, como tamén de selectividade. Estas reducen máis do 60% da presión de depredación e con sistemas secos de captura practicamente só morren obreiras de V. velutina.

Ademais, hai que mellorar os sistemas de detección temperá de niños, que é no que está enfocada a nosa investigación deste ano na Universidade de Vigo co apoio da Deputación de Pontevedra e dos apicultores do Val Miñor.

Xesús Feás: “Nunca se debe facer un trampeo masivo”

Xesús Feás, investigador da Universidade de Santiago

Xesús Feás, investigador da Universidade de Santiago

Xesús Feás é investigador do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, realizando un estudo auspiciado pola Deputación da Coruña, para avanzar en métodos de loita eficaces e selectivos contra a Vespa Velutina.

Actualmente ten avanzada unha feromona específica para atraer machos de Vespa velutina, pero, como o resto de investigadores, enfróntese á dificultade de acceder a financiamento para concluír as súas investigacións.

En que estamos a fallar no trampeo da Vespa Velutina?
O trampeo debe ser selectivo, controlado e intelixente. O que non debemos é realizar trampeos masivos, sen asesoramento científico. Ademais, debemos contar cun rexistro das trampas que se colocan e dos insectos que caen. Trampear por trampear non.

Tampouco creo que haxa que ir aos colexios a ensinar aos nenos a construír trampas contra a néspera asiática nin a dicirlles que uns insectos son bos e outros malos. Aos nenos hai que sensibilizalos para que coiden os insectos, planten flores para os polinizadores, constrúan hoteis para os insectos…etc.

Cando e como se debe realizar o trampeo contra a Vespa Velutina?
O que se denomina “trampeo primaveral”, debe ser o máis específico posible, para evitar que outros insectos presentes na natureza, sexan capturados.

Así, a comunidade científica pon acento no risco de xeneralizar prácticas de trampeo sen ningún control, levadas a cabo por persoal non cualificado e sen unha análise posterior a curto, medio e/ou longo prazo da súa eficacia ou impacto no control da expansión da VV.

Debemos ter presentes por exemplo os resultados previos de investigadores como Goldarazena ou Monçeau. Así o primeiro autor expón que un trampeo levado a cabo do 1 de setembro ao 30 de novembro, na provincia de Álava, arroxou un resultado de 54.203 insectos capturados, dos cales tan só 55 eran VV. Tamén o número de abellas atrapadas non foi desprezable, cun total de 2.706 exemplares; destacando por último que a trampa empregada foi Veto-Pharma ©, a priori “deseñada” especificamente para a captura de VV, pero que á vista dos resultados, non é así [Goldarazena et ao. 2015].

Lagarto atrapado nunha trampa contra a velutina situada na cidade de Lugo

Lagarto atrapado nunha trampa contra a velutina situada na cidade de Lugo

Monçeau móstranos a importancia de colocar trampas preto de puntos onde a VV ten acceso a auga, así como por exemplo a importancia da temperatura para o trampeo efectivo ou a non necesidade de trampear preto dos apiarios nesta época do ano [Monceau et ao. 2012]. Ao mesmo tempo, outro recente estudo mostra que o trampeo primaveral de raíñas foi ineficiente como método para limitar a distribución da poboación de Vespa velutina [Monceau, K. & Thiéry, 2017].

A selectividade e especificidade do trampeo de raíñas fundadoras de VV debe ser levada a cabo atendendo ao deseño da trampa, o líquido atraente e a súa localización física no medio ambiente.

Neste sentido, a comunidade científica facemos un chamamento a establecer trampeos ben deseñados que teñan en conta todos os aspectos anteriormente sinalados. Non podemos obter conclusións xeneralizadas dun só estudo, e os levados a cabo deberían de ser continuados de certa maneira no tempo.

image_print

2 ideas sobre “¿Trampeo da Vespa velutina: si ou non? Falan os expertos

  1. Sara Varela

    Por cada raiña de velutina caen 100 insectos…… e por cada raíña que sobrevive, hai logo 5.000 obreiras, que con que coman cada una 10 insectos, fulminamos 50.000 insectos autóctonos…. as contas parecen claras….

    Contestar
  2. María Freire

    OS EXPERTOS DE LABORATORIO E ECOLOXISTAS ESTÁN DACORDO EN QUE:
    – CAZAR LOBOS “DESESTRUCTURA” AS MANADAS.
    – CANTO MÁIS SE CAZA O XABARIL, MÁIS BICHOS HAI, E AS BATIDAS NON RESOLVEN O PROBLEMA.

    LOGO PARA RESOLVER O PROBLEMA DO LOBO E O XABARIL, CANTO MÁIS BICHOS HAXA E MENOS SE FAGA, MELLOR NOS VAI IR A TODOS E MENOS PROBLEMAS VAN CAUSAR…

    E AGORA, NOS DIN QUE NON É BO TRAMPEAR A VELUTINA E SACARA RAÍÑAS DA CIRCULACIÓN…..

    ¿SOBREVIVIRÁ O RURAL A TANTO CONSELLO DE TANTO EXPERTO?

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información