Que métodos de control contra a Vespa velutina resultan máis eficaces?

A bióloga especialista na vespa asiática Sandra Rojas Nossa aborda as vantaxes e inconvenientes das principais estratexias de loita empregadas

Que métodos de control contra a Vespa velutina resultan máis eficaces?

As colmeas son unha das principais fontes de alimento para o avespón asiático.

A proliferación e expansión de Vespa velutina nos últimos anos e a incesante presión e asedio ó que someten ós apiarios puxo en xaque o enxeño de apicultores e investigadores. Nestes anos, desenvolvéronse métodos de control que van dende o trampeo con cebos, os sistemas para protexer a colmea do ataque da velutina, até outras estratexias para localizar e destruír os niños. Ante esta ampla variedade, a pregunta recorrente é: cales resultan máis eficaces?

“Son métodos moi diferentes pero necesitamos empezar a facer comparacións para tomar decisións”: Sandra Rojas, bióloga

Aínda que non hai unha resposta concreta e exacta que poida facer inclinar a balanza por un determinado método, a bióloga Sandra Rojas Nossa, investigadora da Universidade de Vigo, que leva especializada e involucrada en distintos proxectos para o estudo de Vespa velutina ao longo dos últimos 5 anos, afrontou esta cuestión. “Son métodos moi diferentes pero necesitamos empezar a facer comparacións para tomar decisións”, concreta a experta.

A investigadora Sandra Rojas, durante a sesión sobre Vespa velutina celebrada no CFEA de Lourizán.

A investigadora Sandra Rojas, durante a sesión sobre Vespa velutina celebrada no CFEA de Lourizán.

Esta comparativa xa foi afrontada tamén por outros equipos de investigadores franceses, que analizaron aspectos como a eficacia da trampa, o impacto no medio ambiente ou o seu custo económico.

A investigadora afondou na comparativa dos diferentes métodos para combater o avespón asiático nunha xornada celebrada recentemente no Centro de Formación Agroforestal de Lourizán (Pontevedra), na que participaron apicultores e expertos sobre a Vespa velutina.

Comparativa entre distintos métodos

-Métodos de trampeo con cebo e feromonas

Un dos métodos máis utilizados na captura de Vespa velutina é o trampeo con distintos atraentes. A investigadora Sandra Rojas comparou dous dos modelos máis populares no mercado en canto a recipientes e atraentes (Avispa’Clac e Veto pharma), así como a alternativa doméstica consistente nunha botella adaptada e tres diferentes tipos de atraentes. “Vimos que a diferenza máis significativa entre estes tres modelos viña polos cambios no deseño da trampa e non tanto polos diferentes líquidos que empregásemos”, concreta Rojas.

Na primavera, as trampas con cebo capturan unha media de 100 individuos doutras especies por cada Vespa velutina que atrapan

O maior problema deste tipo de trampas, como xa advertiron outros expertos, é a gran variedade de insectos que quedan atrapados nestas trampas. Por cada Vespa velutina capturaban de media uns 100 individuos doutras especies, segundo o estudo realizado por Rojas co apoio da Asociación Galega de Apicultura e o traballo de 50 apicultores na costa galega durante a primavera.

“Con estas trampas estamos a matar insectos que as velutinas non se ían comer, co que se reduce a cantidade de insectos polinizadores”, explica a investigadora. Ademais, increméntanse as consecuencias que ten a expansión do avispón asiático.

Ás veces, pequenas adaptacións solucionaron este problema en gran medida e converteron as trampas en ferramentas máis selectivas. É o caso, por exemplo, da grella construída cunha impresora 3D e deseñada por un grupo de alumnos dun centro educativo do Morrazo, en colaboración con apicultores da Asociación Galega de Apicultura, para unha destas trampas. “Precisamos desenvolver métodos selectivos para que sexan sostibles”, matiza Rojas.

“Precisamos desenvolver métodos selectivos para que sexan sostibles”: Sandra Rojas

Tamén resultaron máis efectivas as trampas colocadas no bosque, así como as situadas nas proximidades dos apiarios o que a experta relaciona directamente coa capacidade de Vespa velutina para localizar colmeas.

Outro dos métodos empregados é o trampeo con feromonas aínda que, polo momento, as alternativas céntranse en atraer aos machos desta especie e aínda quedan moitas cuestións por resolver, tales como determinar o momento ideal para a súa colocación ou o eficaz que pode resultar para atallar a expansión da vespa, a pesar de que se capturen machos. “O gran reto é conseguir un atraente para as raíñas”, concreta.

– Métodos de protección da colmea

Nestes anos ideáronse distintas alternativas para protexer directamente á colmea, o principal obxectivo da Vespa velutina, xa que supón unha fonte de alimentación constante e a penas opón resistencia, a diferenza do que ocorre en Asia, onde a abella orixinaria desta zona desenvolveu tácticas coas que repeler o seu ataque. As abellas rodean á vespa e comezan a darlle calor nunha especie de ‘bóla de calor’ na que terminan por matala. Aínda que as abellas europeas, Apis mellifera , tentaron tamén esta estratexia, teñen moitas dificultades para conseguir matar á vespa, que só queda aparvada.

Xurdiron moitas opcións para protexer a colmea, boa parte delas baseadas en mallas protectoras que envolven a colmea ou bozos para colocar nas entradas das colmeas, pero cuxa efectividade non termina de convencer aos apicultores e apenas se estenderon.

Distintos métodos de protección para envolver a colmea e tentar protexela do avespón asiático.

Distintos métodos de protección para envolver a colmea e tentar protexela do avespón asiático.

Mentres, unha das opcións máis populares son as arpas eléctricas que se colocan nos apiarios. Rojas estudou, co apoio da Consellería de Medio Ambiente, a eficacia destes utensilios. Así, a investigadora verificou que unha arpa pode chegar a proporcionar protección para 10 colmeas repartidas nun espazo que non supere os 4 metros de distancia da arpa, xa que despois a súa eficacia diminúe.

Despois de 5 semanas de uso da arpa, redúcese a presión da Vespa velutina sobre a colmea

“Despois de 5 semanas de uso da arpa, a redución de Vespas velutina é moi considerable e conséguese diminuír a presión sobre a colmea, á vez que se incrementa o número de abellas que volven ás súas funcións, entre elas a de colleitar, fundamental para a supervivencia da colonia”, concreta a investigadora.

Para incrementar a efectividade da arpa, os apicultores adoitan utilizar un recipiente con auga ao pé do armazón eléctrico, pero este espazo acaba sendo unha trampa tamén para abellas así como para outros insectos. Unha solución para esta problemática foi desenvolvida por apicultores que idearon unha especie de caixón do que a velutina non consegue escapar pero outros insectos si. “Con esta modificación conseguiuse que a trampa fose moito máis selectiva”, apunta a experta.

– Métodos de localización dos niños

Outra das opcións para combater a expansión de Vespa velutina centrouse na localización e exterminación dos seus niños. Nesta área a investigadora desenvolveu un método a través do seguimento das vespas. Este estudo foi levado a cabo grazas ao apoio da Deputación de Pontevedra.

Investigadores italianos probaron a colocarlle dispositivos GPS ás vespas para localizar os seus niños

Mediante un sistema de triangulación, conseguiu localizar os niños que mesmo se sitúan a uns 5 quilómetros de distancia das zonas de caza, aínda que o máis habitual é que se localicen no espazo dun quilómetro. “É cuestión de práctica, pero cun equipo especializado, en cuestión de 2 semanas poderíanse localizar os niños dunha área bastante importante”, apunta.

Baixo este mesmo concepto, os investigadores do Grupo de Bioloxía Ambiental da Universidade de Vigo están a traballar en colaboración con investigadores ingleses e franceses, no marco do proxecto europeo Atlantic-POSitiVE, así como con equipos italianos que lle colocaron localizadores ás vespas. O custo dispárase entón, xa que o prezo de cada dispositivo de radio-seguimento oscila ao redor de 200 euros se ben é certo que, en dúas horas téñense localizados os niños.

– Métodos de desactivación dos niños

Nesta categoría encádranse todas as alternativas que implican a destrución dos niños a base de inxeccións de velenos con aerosois, pértegas, drons ou bolas. Tamén se inclúen os coñecidos como ‘métodos troianos’, consistentes en asperxer ás velutinas sen chegar a matalas para que volvan ao seu niño e contaxien ao resto de individuos.

“A gran problemática destes métodos é a cantidade de insecticidas que se liberan no medio ambiente, que supón unha importante fonte de contaminación que afecta tamén a outros insectos como as abellas, ou aos inimigos naturais que se alimentan de Vespa velutina (como o Abelleiro europeo)”, recrimina a investigadora.

Ademais, en moitos casos, estes niños non chegan a destruírse por completo e só se eliminan os adultos, mentres que as larvas quedan latentes e poden chegar a sobrevivir.

Comparativa entre os distintos métodos de loita contra a Vespa velutina.

Comparativa entre os distintos métodos de loita contra a Vespa velutina.

A importancia de coñecer á vespa

Á hora de avaliar os métodos de control resulta fundamental coñecer en profundidade a bioloxía de Vespa velutina, xa que iso determinará a eficacia dunhas estratexias fronte a outras e, ao mesmo tempo, tamén axuda a comprender a súa expansión. Neste sentido, a experta incide na importancia que ten coñecer as variacións que o insecto experimenta no seu ciclo de vida para así adaptar a trampa.

Adaptar os cebos das trampas ás variacións de alimentación da vespa pode incrementar a súa eficacia

Así, a vespa varía a súa alimentación en función das diferentes etapas polas que pasa, de tal maneira que nos primeiros meses do inverno, primavera e boa parte do verán (desde o mes de decembro até comezos de agosto) a súa dieta céntrase en carbohidratos. Mentres, de agosto a outubro, a vespa opta polas proteínas. Esta información permite adaptar as trampas con cebos, para incrementar a súa eficacia.

Variacións na alimentación da Vespa velutina ó longo do ano.

Variacións na alimentación da Vespa velutina ó longo do ano.

Rojas tamén incide en que, segundo un estudo realizado por investigadores ingleses, adoitan colocar a maioría dos seus niños primarios en estruturas humanas, a diferenza dos niños secundarios, que optan por situar na natureza, boa parte deles en árbores caducifolios, para protexerse do vento e de depredadores. Ter isto presente é fundamental para a localización dos niños.

A experta destaca, ademais, que se trata duns insectos cunha gran capacidade de adaptación, aprendizaxe, memoria e un sofisticado sistema de comunicación o que favorece a súa expansión.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información