¿Que diferencia ao mel de melada galego?

A bióloga María Shantal Rodríguez diferencia, por primeira vez, as características dos meles de castiñeiro e melada producidos en Galicia. No seu estudo, Ourense destaca pola cantidade e calidade dos meles de melada producidos nesta zona

Publicidade
¿Que diferencia ao mel de melada galego?

Mielatos dos carballo, unha das fontes das que procede o mel de melada.

Os meles monoflorais de castiñeiro e uces son das predominantes en Galicia. Escuras e intensas, este tipo de meles gardan moitas similitudes cos meles de melada, os elaborados a base de mielato. Por primeira vez un estudo da Universidade de Vigo diferenza este tipo de meles, que cada vez teñen maior presenza e relevancia. A provincia de Ourense é unha das principais zonas nas que se localizan estes meles de melada en Galicia, que, ademais, destacan pola súa calidade.

A produción de mel asóciase directamente ao néctar das flores, pero non todos os meles proceden desa orixe senón que os coñecidas como meles de melada son fabricados polas abellas en base ao mielato, secrecións azucaradas que as abellas recollen de partes verdes das plantas, como as follas ou as ramas.

“A capacidade de diferenciar estes tipos de mel, con características similares, ten un gran interese comercial”

Este tipo de meles, que durante anos foi considerado de mala calidade, incrementou o seu valor e demanda nos últimos tempos. “As características deste tipo de mel son moi similares ó mel galego de castiñeiro, co que comparten área xeográfica de produción”, explica María Shantal Rodríguez Flores, bióloga do departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Chan da Universidade de Vigo.

Esta investigadora definiu na súa tese doutoral as características do mel de castiñeiro e os meles de melada para poder diferencialos. “Son poucos os estudos relativos a estes dous tipos de meles producidos en Galicia. A capacidade de diferenciar as distintas clases de mel, especialmente para os que presentan características similares, ten un gran interese comercial”, xustifica a bióloga.

Meles de melada, aínda descoñecidos

A pesar de que, tal e como explica a investigadora, estudouse xa moito sobre o mel, as características e propiedades dos meles de melada continúan aínda sendo moi descoñecidas. “Aínda hai un gran descoñecemento sobre as propiedades fisicoquímicas e nutricionais deste tipo de mel”, apunta a bióloga.

Este tipo de meles prodúcese no verán, desde mediados de xullo a agosto, coincidindo cunha época na que na colmea hai acumulado xa pole e mel doutras plantas. Hai investigadores que apuntan a que os mielatos constitúen a principal fonte de alimentación para as abellas nos períodos máis secos do ano, cando escasea o néctar a finais de verán e principios de outono.

Diferenciar a orixe botánica destes meles beneficia tanto ao apicultor, que logra un produto diferenciado, como ao consumidor, que ten máis información

Aínda que durante anos foron catalogadas como un mel de mala calidade, ao mel de melada atribúenselle propiedades saudables que abriron mercado en moitos países de Europa. Por iso, diferencialas cobra aínda maior relevancia. “Determinar a orixe botánica dun mel é unha tarefa moi importante para unha correcta etiquetaxe que beneficiará tanto ao apicultor, pola obtención dun produto diferenciado, como ao consumidor pola información achegada”, defende Rodríguez Flores.

Os meles de melada galegas

En Galicia, as principais zonas nas que se produce mel melada son Ourense e o sur da provincia de Lugo. Boa parte deste tipo de mel procede do carballo e do rebolo. Precisamente, os mielatos que predominan neste mel prodúcense durante a época de produción da landra. “Na última década e debido probablemente ao incremento medio das temperaturas, o aproveitamento deste tipo de mel é moito máis notable na apicultura galega”, concreta a investigadora.

“Durante a última década, o aproveitamento do mel de melada é moito máis notable na apicultura galega”

Este estudo permitiu determinar como é o mel de melada que se produce en Galicia e diferencialo do mel monofloral de castiñeiro. Así, os meles de melada producidos en Galicia conteñen pole de castiñeiro, silvas e arbustos da familia das fabáceas como as xestas, ademais das uces. Con todo, a presenza de pole procedente de carballo foi moi pequena.

A diferenza dos meles de melada doutras zonas, a producida en Galicia ten un contido de pole medio que se sitúa en 17.889 grans de pole por gramo de mel, por encima do habitual, ademais de ser un pole máis variado. Ademais, estes meles teñen un alto valor antioxidante.

Ourense, territorio de meles de melada

O estudo tamén revela que Ourense é a zona na que se localizan os meles de melada de mellor calidade, é dicir, cun contido máis baixo de grans de pole por gramo de mel e valores máis altos de potasio, magnesio e fósforo. Este mel conta con altos valores de condutividade eléctrica e baixo contido en fructosa.

O mel de melada de Ourense ten altos valores de potasio, magnesio e fósforo e baixo contido de grans de pole

Ourense foi tamén onde máis cantidade de mostras de mel de melada se puideron localizar, o que evidencia que é unha das principais zonas produtoras deste tipo de mel en Galicia.

Para lograr estes resultados, a investigadora contou con mostras procedentes de toda Galicia, sobre todo daquelas zonas especialmente apícolas. As mostras foron proporcionadas por apicultores incluídos dentro do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia.

Ademais, Rodríguez Flores recolleu mel durante catro colleitas consecutivas, desde 2008 até 2011, posto que a meteoroloxía condiciona os resultados. Estas mostras foron sometidas a distintos procedementos analíticos para lograr así unha diferenciación máis detallada.

O mel en Galicia, España e Europa

Estes meles de melada achegan maior variedade e diferenciación á produción de mel galego, sobre todo, nun momento en que esta variedade comeza a ter demanda en Europa, que é un dos principais mercados do mel español.

Galicia é a sétima zona apícola de España, cunha produción que se situaba en 2013 en 1.460 toneladas de mel procedente dunhas 111.326 colmeas. Boa parte deste mel procede de castiñeiros, eucalipto ou uces.

Estudio_de_las_caracteristicas_de_las_mieles-72

Pola súa banda, España é o principal produtor de mel de Europa, cunha produción de entre 25.000 e 30.000 toneladas de mel ao ano, segundo os datos manexados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Esta produción, que representa o 24% do mel de Europa, apenas alcanza para cubrir a demanda xerada na Unión Europa, que se ve obrigada a importar o 50% do mel que se consome a outros países, principalmente asiáticos.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información