Prevese unha menor colleita de mel en Galicia

As malas condicións climáticas da primavera, debido ás baixas temperaturas, provocaron que as abellas non puideran aproveitar ben as floracións, coa conseguinte baixada na produción de mel e de pole

Prevese unha menor colleita de mel en Galicia

A produción de mel e pole en Galicia prevese que este ano sexa inferior á dun ano normal debido, principalmente, ás malas condicións climáticas da primavera, cunhas temperaturas anormalmente baixas que provocaron que as abellas non puideran aproveitar ben as floracións. Sen embargo, a esmelga aínda está a realizarse, polo que haberá que agardar cara finais de mes para ter unha avaliación definitiva.

“Este ano noutras zonas fálase dunha gran colleita, pero en Galicia prevese que sexa mala debido a que a primavera foi fría e chuviosa”, explica Xesús Asorey, presidente da Asociación Galega de Apicultura. En concreto, recoñece que “aínda que a floración en xeral foi boa, as abellas non puideron meter pole e néctar”.

Porén, recoñece que “haberá que agardar a esta segunda quincena, deste mes, sobre todo no interior e ver como as abellas poden aproveitar os melatos do carballo”.

Mieles Anta: “A produción de momento é menor, pero haberá que agardar ao final da esmelga”

Na mesma liña coincide David Corral, propietario de Mieles Anta, a maior produtora e envasador de mel de Galicia, con máis de 10.000 colmeas repartidas por todo o país. “Non vai ser un ano como os de antes, pero temos que agardar ao remate de setembro, sobre todo nas zonas de montaña, para ver como vai a esmelga”, asegura. “Estamos sacando unha media de 15 kilos de mel por colmea, pero temos aínda sen quitar gran parte do mel de alta montaña, onde esperamos que a colleita sexa mellor”, engade.

En canto ao pole, recoñece que “non foi bo ano, porque no caso do de castiñeiro, o máis valorado no mercado, no verán veu moita calor e sol e enseguida deixou as candeas negras, sen posibilidade de que as puideran aproveitar as abellas”.

David Corral salienta a boa saída que ten no mercado o mel galego, sobre todo o ecolóxico e para a exportación.

David Basteiro: “As abellas están sufrindo co cambio climático”

O segundo apicultor con máis colmeas de Galicia, Benigno Basteiro, de Viana do Bolo, recoñece que “sendo un ano floxo, é moito mellor que o ano pasado, que foi un desastre debido ás xeadas de primavera, aínda que nos quedan aínda moitas colmeas por esmelgar”.

Ao igual que o resto dos apicultores, recoñece que a causa de que as abellas non puideran aproveitar este ano as floracións “está no cambio climático, cunhas baixadas moi bruscas da temperatura seguidas de días de forte calor, co que as abellas non puideron aproveitar as floracións como deberan, sobre todo a da silva e a do castiñeiro”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información