“Poñer centos de colmeas nun territorio é contraproducente”

Alberto Uría é polifacético pero todo o que fai está relacionado coa natureza. Está a poñer en marcha un museo vivo sobre o mel en Negueira de Muñiz e defende un xeito de apicultura tradicional compatible coa biodiversidade

“Poñer centos de colmeas nun territorio é contraproducente”

Alberto Uría ven de abrir o museo "El País del abeyeiro"

“Eu nacín e crieime en Oviedo, tiña a vida resolta alí, pero decidín volver para aquí, que foi onde naceu meu pai, buscando a miña felicidade. Eu vin ao rural con orgullo. Hai que dignificalo para que a xente queira vir”. Así comeza a conversa con Alberto Uría, toda unha declaración de intencións sobre o xeito de entender a vida deste mozo que vive profesionalmente da apicultura desde o ano 2010 asentado no concello lucense de Negueira de Muñiz, o menos habitado de Galicia.

Entre os 218 veciños totais deste concello, na parroquia de Robledo, na raia mesma co concello veciño de Ibias, pertencente xa a Asturias, vive Alberto Uría. Ten 200 colmeas, dá cursos por toda España de apicultura tradicional e inaugura mañá un museo en plena natureza.

Sala de estracción e envasado de mel

Sala de estracción e envasado de mel

O centro, que leva por nome El país del abeyeiro, está ubicado no lugar de Pena da Nogueira, unha aldea practicamente deshabitada. Alberto reconstruíu a casa na que naceu seu pai, que xa estaba derruida, para desenvolver o seu proxecto: un centro de traballo visitable ao que se poderá achegar todo aquel que queira aprender e coñecer o oficio de apicultor. Nos 170 metros cadrados desta construción tradicional, que conserva a súa estrutura orixinal de máis de 300 anos de antigüidade, hai un taller de madeira para facer ou reparar as colmeas, unha sala de extracción e envasado de mel, unha aula didáctica e unha zona expositiva.

“Vai ser un centro de traballo visitable que permite vir mercar un bote de mel e tamén formarse”

A planta baixa terá tamén un pequeno albergue porque a intención de Alberto é impartir neste lugar os cursos que hoxe dá por toda España tanto de de apicultura tradicional ou de horta ecolóxica. “Quero dar eses cursos aquí para que a xente veña aquí a deixar valor no territorio e contribuir dese xeito tamén á dinamización dun concello como o de Negueira de Muñiz.

O ecomuseo será o foco sobre o que pivotarán toda outra serie de actividades que buscan a recuperación e posta en valor do patrimonio natural, arquitectónico e etnográfico da zona. A propia edificación recuperada é un exemplo. “Todo o que levo gañado co mel nos últimos 10 anos, todos os aforros da miña vida, están aquí”, indica. Só na obra foron necesarios uns 200.000 euros. O proxecto conta cunha axuda europea de 74.300 euros do programa Leader a través do GDR Montes e Vales Orientais.

Un espazo vivo

O museo respecta a arquitectura tradicional e xira arredor do mundo da apicultura

O museo respecta a arquitectura tradicional e xira arredor do mundo da apicultura

“Non hai mellor aula da natureza que a propia natureza”, defende Alberto, que quere que o seu ecomuseo sexa un espazo vivo, dinámico e participativo, onde ademáis de impartir formación se leven a cabo actividades de voluntariado ambiental, que axuden a recuperar o territorio. “Quero que El país del abeyeiro vaia evolucionando igual que o fan as nosas paisaxes”, compara.

Por iso, o entorno do museo será parte fundamental do proxecto. Como entendido en entomoloxía, vai facer un xardín de polinizadores con plantas nutricias específicas deses coleópteros, mariposas e insectos. “As mariposas son uns bioindicadores naturais fantásticos para ver a diversidade que hai nunha zona”, explica.

Tamén haberá na parcela un estanque atraínte de libélulas e anfibios, unha liña de frutais, pastizais de montaña e un colmear onde facer as prácticas dos cursos de apicultura que Alberto impartirá no ecomuseo. Entre os proxectos para o entorno está tamén a recuperación dun souto centenario que unía as aldeas do seu avó e da súa avoa.

“É máis doado emprender nun polígono industrial ca aquí”

Este mozo asegura que “é máis doado emprender nun polígono industrial que aquí”. “Nunha zona do rural alonxada como é esta os custos son maiores e polo seguro de autónomos, por exemplo, págase o mesmo aquí que en Lugo”, evidencia. Sen embargo, en Pena da Nogueira non hai alumeado público nin recollida de lixo e Alberto e os seus veciños levan tempo pelexando por un depósito de auga que lles permita non sufrir as consecuencias da seca no verán, cando escasea o manancial do que se surten. “Aquí temos máis problemas engadidos e dificultades que nunha cidade, polo que os alicientes para investir en lugares coma este son escasos”, di resignado.

“O oso pardo é o meu veciño, proba o meu mel todos os anos antes ca min pero el estaba aquí antes de que chegara eu”

Ao lugar no que Alberto está a montar o seu centro de operacións chegase por unha estrada estreita e sexy, tan chea de curvas como de natureza e paisaxe en cada un dos 25 quilómetros de percorrido desde A Fonsagrada. “Hai hora e cuarto a Lugo, dúas a Oviedo e a Madrid xa nin che conto”, evidencia. “Iso supón un custo engadido moi grande”, comenta.

Aínda que Allberto ten dado cursos tamén de horta ecolóxica, desbota esta posibilidade en Negueira precisamente pola grande distancia que hai aos centros de consumo. “Aquí non podes ter horta, porque poñer unha leituga no mercado con esas distancias non é rendible, por iso en territorios coma este hai que apostar por produtos non perecedeiros ou de caducidade máis longa e de maior valor engadido”, defende.

Outurelos, mel de autor e de produción limitada

Outurelos e Mel do Cortín, as dúas marcas coas que Alberto comercializa o seu produto

Outurelos e Mel do Cortín, as dúas marcas coas que Alberto comercializa o seu produto

Alberto comercializa o seu mel baixo a denominación de mel de autor coas marcas Outurelos e Mel do Cortín. Esta é unha edición limitada e numerada de 250 tarros que sae da alvariza (nesta zona coñénse polo nome de cortín) que recuperou en Ibias. É dous euros máis cara que o resto debido á súa finalidade: “o que saco deses 250 tarros vai integramente destinado a recuperar outros cortíns abandonados que hai nesta zona e que están caendo”, explica.

“Temos un tesouro no rural desde todos os puntos de vista, natural, cultural, produtivo, patrimonial pero ninguén mira por el e a min cáeme a alma”, xustifica. Por iso co seu traballo pretende “dignificar as cousas que se facían antes e poñelas en valor, tanto as producións coma o patrimonio”, di. “A apicultura tradicional dáche a oportunidade de loitar polo territorio e recuperar o patrimonio”, engade.

“Traballo calidade, non cantidade”

“Non fai falla ter miles de colmeas, pódense facer as cousas con máis apego ao territorio. Eu teño só 200 colmeas e vivo exclusivamente disto desde o ano 2010. Eu traballo calidade, non cantidade. A produción que teño é limitada, acáboa en decembro, o meu cliente sábeo. Produzo mel, polen, raíñas e dou cursos nos que aproveito o mel para falar tamén de paisaxe e conservación. Non toda a apicultura é sostible. Poñer centos de colmeas nun territorio é contraproducente, porque se elimina ou se expulsa a outros polinizadores silvestres e as abellas son fundamentais para a vida pero igual de importantes son o resto de polinizadores”, argumenta.

Un dos colmeares, ubicado na parroquia de Robledo, en pleno val do río Navia

Un dos colmeares, ubicado na parroquia de Robledo, en pleno val do río Navia

Por iso Alberto estuda moi ben as distintas ubicacións onde colocar as súas colmeas. “Busco lugares distintos e distantes, localizacións separadas varios quilómetros unhas das outras e onde non haxa máis colmeas para non masificar a zona”, explica. Son todos colmeares de pequeno tamaño, o máis grande dos que ten conta con 40 trobos.

“O oficio está masificado”, di. Na súa opinión, débese á proliferación de colmeas nos últimos anos, en moitos casos como simple hobie. “Hai moita xente que ten colmeas que non mira por elas e iso provoca que as enfermidades se propaguen. As abellas é como ter un fillo, se o tes debes coidalo, non serve telo enganchado todo o día á tele ou á táblet. Pois as abellas igual, hai que atendelas”, compara. “E de nada serve que eu teña as miñas abellas moi controladas e libres de enfermidades se o veciño ten as súas sen atender. Unha colmea que morre infecta á do veciño e estamos tendo un problema moi grande de contaxios e reinfeccións”, engade.

“Eu fago apicultura da maneira que se fixo toda a vida”

Aos seus 39 anos Alberto ten formación como técnico superior en recursos naturais e paisaxísticos. Ademais de apicultor profesional, é un naturalista convencido que ten participado en proxectos de conservación de animais en perigo como o oso pardo ou o urogaio e defende a apicultura tradicional como motor de desenvolvemento rural e de conservación da biodiversidade. “Eu fago apicultura como toda a vida, dunha forma natural, eu non alimento as abellas, procuro usar o menos posible produtos de síntese química para loitar contra as enfermidades e pragas e tampouco quento o mel para envasalo, o meu é mel crudo e por iso calla, como o de toda a vida”, resume.

“Eu non alimento as abellas e procuro non usar contra as pragas produtos de síntese química que deixan residuos no mel”

E compárao con outros produtos como o viño ou o queixo. “Non hai dous iguais e tampouco no mel hai dous iguais”, asegura. Alberto organiza catas de meles para que os consumidores aprendan a diferenciar os distintos tipos de mel distinguir as distintas texturas e apreciar os distintos sabores.

Experto en tratamentos ecolóxicos, defende a utilización de produtos máis naturais, como o timol, o ácido axálico ou o ácido fórmico, de orixe orgánica pero igual de efectivos para o tratamento de enfermidades como a varroa, o loque ou a micosis, no canto de tratamentos de síntese química que non son inocuos e deixan moitos residuos nas colmeas e no mel.

Un dos cortizos en estado de abandono que Alberto recupera

Un dos cortizos en estado de abandono que Alberto recupera

“Temos que camiñar todos cara unha forma máis lóxica e ecolóxica de coidar as abellas, reducindo o uso de produtos químicos, substituíndoos por produtos ecolóxicos”, defende, para facer fincapé en que é necesario “maior concienciación” tanto por parte dos apicultores profesionais como dos simples afeccionados que teñen colmeas para autoconsumo.

Ese xeito de practicar a apicultura, máis natural e apegada ao territorio é a que conta nun libro que vén de publicar e no que colaboran prestixiosos especialistas como Fernando Fueyo, un dos máis relevantes artistas de natureza españois e autor das ilustracións do libro, ou Juan Luis Arsuaga, premio Príncipe de Asturias e un dos antropólogos responsable do xacemento de Atapuerca, autor do prólogo do libro xunto ao botánico Bernabé Moya.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información