VELUTINA_PARLAMENTO

Piden á Xunta un cambio na estratexia para loitar contra a Vespa Velutina

A Plataforma Stop Velutina, sector apícola e científico presentaron este mércores en Santiago de Compostela unha iniciativa dirixida á Xunta de Galicia na que piden cambios profundos na estratexia de loita contra a expansión da Vespa Velutina.

En concreto, demandan unha liña de financiación específica para investigación e axudas ó sector apícola para facer fronte á protección das colmeas. Ante o avance da praga do tártago de patas amarelas (Vespa velutina) ano tras ano e a constatación de que a erradicación é prácticamente imposible, defenden que a investigación é indispensable para mellorar os sistemas actuais de loita e atopar novas ferramentas máis eficaces e selectivas.

Ademais, os impulsores da iniciativa demandan que praga do tártago de patas amarelas, que está afectando a varios países europeos e toda a Cornixa Cantábrica no caso de España, “debería ser tratada de forma transversal implicando a todo o aparato administrativo a nivel autonómico, estatal e europeo”.

“No caso de Galicia, rexión onde está afectando con especial dureza debido ás favorables condicións climáticas e territoriais para a expansión desta especie, pensamos que a xestión do problema debería pasar a través da Presidencia da Xunta de Galicia, pois afecta a toda a sociedade galega, pon en perigo a saúde pública, é unha ameaza para o medio ambiente e prexudica directamente ó sector primario”, defenden na iniciativa. Non obstante, pola súa especificidade en cada territorio e coas particularidades dos sectores afectados, dirixen as súas demandas á Consellería de Medio Ambiente cunha proposta concreta elaborada en conxunto cos sectores científico e apícola, e por outro lado á Consellería de Medio Rural coa petición de axudas ó sector apícola, un dos máis prexudicados.

Liña de investigación específica para a loita contra a Vespa velutina

Investigadores e investigadoras das tres universidades galegas xunto coa Plataforma Stop Velutina decidiron abordar xuntos esta situación e chegaron a conclusión de que, a pesar de que existen avances na investigación, faltan recursos e financiación para continuar cun traballo que chegue a plasmarse en métodos eficaces de control da praga. Aínda que existen outras convocatorias a diferentes niveis, consideran que “este é un problema específico dun territorio específico e non se demostrou ata o momento que outros proxectos estean dando resultados concretos para o noso problema, polo que debe ser a administración galega, a través da Consellería de Medio Ambiente, a que financie liñas de investigación específicas para a loita contra o tártago asiático en Galicia”.

Neste sentido, demandan que se inclúa de forma urxente no orzamento xeral da Xunta de Galicia a financiación suficiente para desenvolver esta investigación a partir do ano 2019. Outra das demandas trasladadas é a necesidade de crear ferramentas que melloren a comunicación entre os diferentes axentes implicados e a xestión da información, entre os que propoñen unha Mesa Sectorial, para traballar unidos nesta loita todos os sectores afectados xunto co científico e a administración.

Ademais, en vista das deficiencias na retirada de niños, dende a Plataforma Stop Velutina consideran que “se deben establecer protocolos de actuación unificados, elaborados de forma consensuada e dirixidos tanto á prevención como na retirada de niños”. E por último, insisten nas reivindicacións que levan traslandando dende a creación da Plataforma: “a implicación real e efectiva da Consellería de Medio Ambiente nesta problemática, asumindo as competencias que lle corresponden, a integración dos sectores afectados na Comisión de Seguimento e a realización de campañas de divulgación social sobre o problema, dirixidas á sociedade en xeral e a colectivos específicos, como o educativo”.

Axudas ó sector apícola para a protección das colmeas

A iniciativa das organizacións apícolas pertencentes á Plataforma Stop Velutina, dirixiron este venres outra solicitude á Consellería de Medio Rural, na que demandan axudas para cubrir os gastos derivados de protexer as colmeas, como por exemplo coa instalación de trampas eléctricas.

“Esta é unha das medidas que demostrou ata o momento resultados positivos, tal como sinalan estudios realizados dende a Universidade de Vigo e financiados pola propia Xunta de Galicia. Pero o seu uso xeralizado require dunha grande inversión, gasto que está sendo asumido directamente por cada apicultor e apicultora de xeito individual”, explican dende a Plataforma.

Por tanto, demandan a convocatoria para o 2019 dunha liña de axudas ó sector apícola para financiar sistemas de protección das colmeas e realizar esta convocatoria en  colaboración co sector apícola, acordando os contidos, condicións e orzamento necesario.

Outras peticións incluidas nesta solicitude son a mellora na xestión da retirada de niños, que presenta moitas deficiencias en función do persoal encargado en cada concello, e a continuación das axudas para o trampeo preventivo que, mentres non se desenvolvan outros métodos máis selectivos, é indispensable para o control da praga.