Piden á Xunta axudas para instalar arpas eléctricas contra a Vespa Velutina

Piden á Xunta axudas para instalar arpas eléctricas contra a Vespa Velutina

O Museo de Historia Natural acolleu onte en Santiago de Compostela unha xornada na que participaron diferentes colectivos para tratar o problema en Galicia do tártago de patas amarelas (Vespa velutina). Pola mañán reuníronse  investigadores das tres universidades galegas e membros da Asociación Galega de Apicultura co obxectivo de atopar vías para o desenvolvemento de métodos de control eficaces. Na sesión da tarde, representantes dos principais sectores afectados, integrados na Plataforma Stop Velutina, puxeron en común as diferentes visións, debateron as accións a desenvolver pola Plataforma e as propostas para levar a administración, como máxima responsable na xestión deste problema.

Ante o avance da praga ano tras ano e a constatación de que a erradicación é prácticamente imposible,  a investigación é indispensable para mellorar os sistemas actuais de loita e atopar novas ferramentas máis eficaces e selectivas, que poidan controlar a expansión e reducir os efectos negativos que produce a Vespa velutina sobre a saúde pública, medioambiente e actividades produtivas do sector primario.

A unión entre o colectivo científico e os sectores afectados pola Vespa velutina foi a principal idea trasladada nesta xornada, desenvolta no Museo de Historia Natural durante a mañá, co obxectivo de aliarse na loita contra este inimigo común. A iniciativa partiu da Asociación Galega de Apicultura, convocando este verán a un grupo de investigadores e investigadoras das diferentes universidades galegas para constituír un grupo de traballo científico no que integrar tamén o sector apícola ou outros afectados polo problema.

Nesta xuntanza, a conclusión principal foi que, a pesar de que existen avances na investigación, faltan recursos e financiación para continuar co traballo e chegar a plasmarse en métodos eficaces de control da praga e diminución dos danos que provoca. Acordouse polo tanto acudir á administración galega, a través da Consellería de Medio Ambiente, a solicitar estas axudas para a investigación, cunha proposta clara e concreta, elaborada dende unha visión científica e coa experiencia dos apicultores e apicultoras, observadores privilexiados da Vespa velutina e un dos colectivos máis prexudicados.

Solicitarán axudas á Xunta para instalar trampas eléctricas nos apiarios

Por outra banda, na sesión da tarde reuníronse integrantes da Plataforma Stop Velutina para debater esta problemática dende as diferentes perspectivas que aportan os diversos sectores afectados. Con preto de 50 entidades,  a Plataforma naceu co obxectivo principal de xuntar forzas para esixir á administración competente que leve a cabo as accións necesarias para facer fronte a esta praga. Para comezar a reunión, trasladáronse as conclusións do grupo de investigadores e plantexouse o apoio dende a Plataforma a esta iniciativa, esixindo á administración un orzamento específico para investigación.

Ó tratarse dun problema global, debería ser tratado de forma transversal implicando a todo o aparato institucional, pero pola súa especificidade en cada territorio e coas particularidades de cada sector afectado, os membros da Plataforma opinaron que no caso galego é necesario un tratamento específico por parte da Consellería de Medio Ambiente, en canto problema medioambiental que pon en risco a biodiversidade, e por outro lado a través de Medio Rural, apoiando ós sectores directamente afectados como é o caso do apícola. Neste senso, as organizacións apícolas expuxeron a idea de solicitar axudas para cubrir os gastos derivados de protexer as colmeas, como por exemplo coa instalación de trampas eléctricas nos colmeares, única medida que demostrou ata o momento resultados positivos, pero que require unha gran inversión.

Critican a actitude pasiva da Xunta ante o problema

En vista do que consideran “a inoperatividade da Comisión de Seguimento, creada dende a Xunta de Galicia para a xestión desta problemática,” tamén se propuxo a constitución dunha mesa sectorial, incluíndo tanto a administración como ó resto de sectores: apícola, agrario, forestal, sindical, concellos, ecoloxistas e académico.

Tamén houbo críticas sobre a xestión que está levando a administración galega neste asunto, pasándolle o traballo do trampeo ou a retirada de niños ós concellos, moitos deles con escasos recursos e persoal, deixando avanzar o problema sen facer nada para controlalo acudindo ó argumento de que hai que convivir coa praga ou que noutros lugares xa non se retiran os niños e amosando así unha actitude pasiva ante este problema.

Nos próximos días, tanto o Grupo de Investigación sobre a Vespa velutina como os integrantes da Plataforma, elaborarán documentos no que se plasmarán as ideas e propostas traballadas na xuntanza para trasladar ás administracións responsables e continuar co traballo de loita en conxunto.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información