Petición unánime para que sexa obrigatorio tamén en España indicar o país de orixe do mel

Petición unánime para que sexa obrigatorio tamén en España indicar o país de orixe do mel

As organizacións agrarias Asaja, COAG, UPA e Cooperativas agro-alimentarias reclaman ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente que modifique a normativa actual para obrigar a detallar o país de orixe e a súa porcentaxe na etiquetaxe do mel, tal e como xa sucede noutros países comunitarios como Italia, Polonia ou Grecia.

Organizacións agrarias e Cooperativas denuncian a falta de transparencia que posibilita a aplicación da Directiva 2014/63/UE do Mel en España, xa que permite aos operadores etiquetar meles con menos do 1% de mel da UE como “mestura de meles UE-non UE”, sen indicar os países nos que os meles foron colleitadas. Ademais, a directiva tamén permite etiquetar como “mestura de meles non UE” sen indicar se o mel comercializado provén de China, Ucraína ou Arxentina, por citar só algúns exemplos.

A situación beneficia ás grandes industrias envasadoras pero prexudica aos apicultores españois

Para o sector produtor español, esta norma atenta contra o establecido na normativa comunitaria en materia de etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos alimenticios xa que as lendas admitidas pola Directiva inducen a confusión e desinforman aos consumidores. Porén, beneficia ás grandes multinacionais envasadoras de mel, principalmente de Alemaña, pero tamén doutros países.

Ante esta situación, organizacións agrarias e Cooperativas consideran que esta modificación é básica para permitir aos apicultores españois diferenciar as súas producións fronte ás doutros países e para que os consumidores poidan recoñecer aqueles meles que se producen ao amparo do modelo de produción europeo, o máis esixente a nivel internacional.

Segundo os apicultores españois, “a situación resulta cada vez máis preocupante porque as importacións provenientes de terceiros países, que non están sometidas aos altos estándares de calidade e sanidade esixidos aos nosos produtores, son crecentes e porque as rutas polas que ingresan no noso país son cada vez máis complexas”.

Importante aumento das importacións de mel, 109% na última década

Na última década, o aumento das importacións de mel a España foi exponencial: das 15.269 toneladas en 2009, ás 31.871 toneladas do último ano, o que supón un aumento do 109%. Os datos oficiais da campaña 2017 recollen que a situación lonxe de estabilizarse segue agudizándose cun crecemento das importacións do 14% en 2017 con respecto a 2016.

O 55% do mel impórtase de países non pertencentes á Unión Europea (17.511 toneladas), principalmente de China que se mantén como principal orixe dos meles importados por España en 2017 cun 32% sobre o total. Ademais, a esta cantidade de mel non comunitario habería que sumarlle a que se introduce a través doutros Estados Membros e que non se reflicte nas estatísticas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información