Como os apicultores do Courel evitan as ‘visitas’ dos osos ás colmeas

A Fundación Oso Pardo reparte na zona máis de medio cento de pastores eléctricos para reducir as incursións do animal. Falamos con dous produtores que teñen sufrido perdas

Como os apicultores do Courel evitan as ‘visitas’ dos osos ás colmeas

Julio Ferreiro, apicultor do Courel, en plena recolección do mel nun dos seus apiarios.

As alvarizas, ou os restos delas, que aínda poboan os montes do Courel son testemuña tanto da presenza do oso nestas terras como da predilección do animal polo mel. Antano, os apicultores da zona xa buscaron a maneira de evitar as incursións do oso nos seus apiarios coa construción destes valados de pedra, algúns deles aínda se atopan en uso.

A recuperación da poboación do oso na última década deixou de novo asaltos ás colmeas da zona. Por iso, volven ser precisos sistemas que eviten os danos ós apiarios. Unha das ferramentas que resulta útil é a instalación de pastores eléctricos. É unha medida pola que están optando os apicultores e que tamén está a fomentar a Fundación Oso Pardo (FOP).

Colmear no Courel afectado por unha incursión do oso.

Colmear no Courel afectado por unha incursión do oso.

Precisamente, este colectivo, que está a desenvolver o proxecto LIFE Oso Courel, levou a cabo no mes de xuño a entrega de medio cento de pastores a apicultores da zona. Nuns días contan iniciar o reparto dun segundo lote de pastores eléctricos, xa que “hai bastante interese por parte dos apicultores por estas medidas para evitar os ataques”, explica Fernando Ballesteros, coordinador do proxecto Life Oso Courel, que se desenvolve na zona sur da montaña lucense.

“Sexa polos pastores ou porque mudou de zona, este ano aínda non tivemos ningún ataque”

José Ángel Ibáñez quedou prendado do Courel e hai cinco anos que decidiu marchar de Vigo e trasladarse a Seceda (Folgoso do Courel), xunto coa súa familia, para apostar pola apicultura. Nestes anos xa padeceu varias veces o ataque do oso nos seus apiarios. “Fai tres anos, cando comezou a constatarse máis a presenza do oso na zona, chegamos a sumar unhas 20 visitas”, comenta o apicultor. Nas incursións, o animal adoitaba só atacar unha colmea de cada vez, xa que o apicultor visitaba os apiarios cada día e puido deste xeito confirmalo, segundo explica Ibáñez. “Se había algunha colmea forte, con varias alzas, situada nos extremos intentaba sempre non acceder ó medio do apiario”, detalla o apicultor.

José Antonio, nun dos apiarios xa pechado cun pastor eléctrico.

José Antonio, nun dos apiarios xa pechado cun pastor eléctrico.

No que vai de ano, polo momento José Ángel non sufriu ningún ataque nos seus apiarios. “Non sei se realmente os pastores están sendo efectivos ou se debe a que o oso mudou de zona, pero este ano aínda non nos atacou ningún”, afirma José Ángel. El confía na utilidade do pastor, xa que non cre que logo de varios anos tendo visitas, o oso decidira cambiar de lugar. O apicultor tamén está moi conforme con outras iniciativas da FOP dentro do proxecto, como a limpeza dalgunhas zonas ou a plantación de froiteiras para proporcionarlle un hábitat adecuado e así reducir os ataques ós apiarios. “O oso historicamente estivo no Courel, por iso había as alvarizas, e creo que non temos ningún dereito a negarlle o seu sitio nestes montes”, ratifica o apicultor.

Este ano, Ibáñez conta con medio cento de colmeas, logo de importantes baixas por outras afeccións das abellas, pero chegou a sumar cen colmeas repartidas en cinco apiarios na zona de Seceda e Paderne. Para protexelos, el xa fora colocando algúns pastores nos seus apiarios e tamén recibiu un aparato da Xunta hai dous anos. A entrega de novos pastores por parte da FOP permítelle substituír os máis antigos e de baterías por dispositivos con placa solar. “Os de placa solar poden aguantar preto de 3 anos e non dan tantos problemas cando comeza a medrar a herba e algunha está tocando os fíos”, comenta o apicultor.

“Un ataque nesta época pode supoñer a perda de 30 ou 40 quilos de mel”

Julio Ferreiro Carrasco é outro dos apicultores do Courel que recibiu nos últimos meses un pastor eléctrico e outro material por parte do FOP para tentar evitar os ataques ós seus apiarios. Tamén no camiño da profesionalización, Julio lévalle dedicado ás abellas máis dunha década e conta con preto de 80 colmeas, situadas principalmente nos montes de Ferreiros. O ano pasado sufriu catro incursións e este ano xa leva tres, aínda que só deu parte dunha. “Nos outros ataques veu persoal da Fundación e como non estaba moi danada a colmea, decidín non dar parte, volvela colocar e seguir así”, concreta o abelleiro.

Oso novo. / Imaxe: Fundación Oso Pardo.

Oso novo. / Imaxe: Fundación Oso Pardo.

Ó igual ca no caso de José Ángel, Julio conta con cinco apiarios e os ataques do oso centráronse en saquear unha colmea de cada asalto. “Só tira unha ou dúas colmeas, no meu caso nunca me tirou máis de dúas, pero se vén cada día os danos poden ser moitos”, ratifica o veciño.

Nestes días, Julio xa está recolectando o mel naquelas colmeas que ten cheas. “Ó haber os ataques decidimos non esperar máis e ir sacando, porque se che vén podes perder 30 ou 40 quilos de mel”, valora o apicultor.

A correcta instalación, imprescindible para que o pastor sexa eficaz

O reparto de pastores levouse a cabo nunha primeira fase naquelas zonas cunha maior incidencia de ataques tanto este ano como en pasados. A intención é protexer os apiarios que xa foron atacados e outros próximos.

revision-cercado-electrico-oso-

Persoal da Fundación supervisa a instalación dun cercado eléctrico.

Cada un dos apicultores recibiu un pastor eléctrico alimentado por un panel solar xunto con 5 rolos (250 m) de arame galvanizado de 1,5 mm. Esta entrega faise logo da sinatura dun acordo de cesión polo que a Fundación Oso Pardo (FOP) cede este material para a protección de apiarios e o apicultor comprométese a utilizalo seguindo as indicacións establecidas. O produtor tamén debe informar de calquera presencia de oso ou ataque que se produza.

“A experiencia de moitos anos de traballo dos equipos do FOP e dos apicultores das zonas oseiras da Cordilleira Cantábrica confírmannos que estes peches eléctricos son unha medida preventiva absolutamente efectiva para evitar os ataques do oso nas explotacións apícolas, sempre que se coloquen axeitadamente”, apunta Ballesteros.

O experto insiste na necesidade de seguir unhas pautas concretas á hora de colocar o peche para que este sexa efectivo. Hai que ter en conta que o oso non dubida en empregar todos os recursos que teña a man, como árbores ou valados, para tentar superar o peche e acceder ó apiario.

Pastores-electricos-Oso-Courel-Infografia-

Os técnicos da FOP concretan que é preciso empregar 4 ou 5 fíos paralelos (o primeiro a 20 cm de distancia do chan e os restantes a 25-30 cm de distancia entre si) e unha boa toma de terra. Tamén é imprescindible facer un mantemento adecuado que asegure que non se producen descargas ou perdas de tensión.

A maiores das explicacións dos técnicos, o produtor recibe un folleto explicativo sobre a instalación do cercado eléctrico para que sexa efectivo fronte ó oso.

Proporcionarlle ó oso outras alternativas ó mel

Cereixas recolleitadas no Courel por persoal da FOP para realizar plantacións.

Cereixas recolleitadas no Courel por persoal da FOP para realizar plantacións.

Á marxe de facilitar medidas preventivas e de protección para os apiarios ou as gandarías, o proxecto LIFE Oso Courel tamén contempla outras accións para evitar os ataques do oso ás explotacións da zona. Unha das liñas de traballo pasa por aumentar a dispoñibilidade de alimento para o oso e que non teña que procuralo nos apiarios ou nos rabaños.

Por iso, o proxecto inclúe accións de recuperación do hábitat para o oso coa plantación de froiteiras silvestres como as cerdeiras autóctonas, entre outras árbores. Precisamente, en días pasados patrullas da FOP recolleron e seleccionaron cereixas de alta calidade da zona para logo sementar novas cerdeiras. En concreto, recolleron 318 quilos de froito.

Recollida de mostras para o seguimento do oso no Courel

O proxecto LIFE Oso Courel, financiado pola Unión Europea, estase a desenvolver nos concellos de Quiroga, Folgoso do Courel, Samos, Triacastela, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro. Un dos seus obxectivos é a prevención de conflitos entre osos e actividades humanas para favorecer a convivencia e aceptación social do oso, máis agora que os osos comezan a chegar á montaña lucense como consecuencia do crecemento da poboación cantábrica do animal, como apuntan dende a FOP.

Á par de buscar unha convivencia harmónica entre a poboación local e o oso, o proxecto permite estudar a presenza do oso nos montes do Courel mediante a recollida de mostras para o análise e así poder concretar cantos exemplares están actualmente na zona. Neste senso, no mes de xuño os técnicos do FOP localizaron alomenos seis excrementos diferentes de oso pardo en varias zonas do concello de Folgoso do Courel próximas a algúns dos apiarios atacados.

Técnicos da Fundación revisan xunto cos apicultores un apiario na procura de mostras do oso.

Técnicos da Fundación revisan xunto cos apicultores un apiario na procura de mostras do oso.

Con estas mostras buscan obter células epiteliais do animal que permitan extraer o ADN e identificar individualmente os osos para coñecer máis aspectos sobre a súa presenza na zona. Tamén recolleron mostras de pelo localizadas nalgúns apiarios atacados, ademais de realizar prospeccións das pegadas e traballos de fototrampeo. Todas estas accións están encamiñadas á identificación dos exemplares que poboan os montes do Courel.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información