O Valadouro, un concello que logrou reducir un 83% a presenza da Vespa velutina

O Concello do Valadouro pon en marcha por segundo ano un Plan de Contención da vespa asiática con asesoramento técnico e implicación cidadá. Grazas a un trampeo selectivo en todo o territorio municipal lograron reducir o pasado ano nun 83% a presenza da praga.

O Valadouro, un concello que logrou reducir un 83% a presenza da Vespa velutina

Luis Maseda, concelleiro de Medio Ambiente do Valadouro, na presentación da xornada sobre trampeo de velutinas en primavera

A comarca da Mariña constitúe unha das zonas cero da presenza da vespa velutina en Galicia desde que fora avistada por primeira vez en Burela no ano 2012. Nestes anos a extensión da praga avanzou á par que a conciencia cidadá para combatela. E hai un concello que é exemplo pola implicación dos seus 2.000 veciños. Falamos con Luis Maseda, concelleiro de Medio Ambiente do Valadouro, sobre a estratexia que seguen.

“No ano 2017 retiramos máis de 400 niños e houbo unha afectación moi importante sobre a produción de mel no municipio. Por iso o ano pasado decidimos actuar desde o Concello. Puxemos case 300 trampas. Fixémolo directamente, con persoal de Protección Civil, pero asesorados tecnicamente pola empresa Serpa. Era o primeiro ano que trampeabamos, foi como unha experiencia piloto, e os resultados foron moi positivos. Pasamos de retirar máis de 400 niños en 2017 a só 73 no 2018. É certo que foi un peor ano para elas polas condicións climatolóxicas que se deron, pero aquí ao lado, no concello de Viveiro non trampearon e, coa mesma superficie que O Valadouro, uns 110 quilómetros cadrados, retiraron 529 niños”, explica.

“Pasamos de retirar máis de 400 niños en 2017 e só 73 no 2018 logo de colocar 300 trampas por todo o concello e capturar 1.500 raíñas”

Animados por eses datos, o Concello do Valadouro volverá aplicar este ano o Plan de Contención da vespa velutina no seu territorio. Este ano encargarase directamente a empresa Serpa, que fará un estudo das mellores ubicacións (en función da altitude, da presenza de camelias, dos puntos de auga ou da proximidade ás colmeas) onde colocar as trampas, que irán dotadas de GPS, e nas que haberá un control individual cada 15 días.

Unha das trampas caseiras colocadas entre dúas colmeas na parroquia de Alaxe, no Valadouro

Unha das trampas caseiras colocadas entre dúas colmeas na parroquia de Alaxe, no Valadouro

“O ano pasado fomos colocando nós as trampas casa por casa, foi un traballo descomunal e este ano queremos facer un trampeo máis profesional”, recoñece Luis. “As trampas eran caseiras, fixémolas con botellas de auga e usamos de atraínte zume de arandos mesturado con cervexa negra. A proporción que usamos foi aproximadamente dun 30%, é dicir, unha cervexa de 33 cl. por cada litro de zume de arandos. Sete centímetros por riba do nivel do líquido faciámoslle ás botellas dous buratos pintados de amarelo para que por eles entraran as velutinas”, explica.

Trampeo selectivo

Un dos efectos negativos do trampeo masivo é a captura doutras especies de insectos que, a diferenza da vespa asiática, son positivos. Para tratar de minimizar estas consecuencias sobre a biodiversidade reduciron ao máximo o tamaño dos orificios de entrada. “O importante no trampeo é facelo o máis selectivo posible. Cun oco de 8 milímetros de diámetro evitas que entren mariposas ou outros insectos beneficiosos”, conta Luis.

Os buratos de entrada teñen só 8 milímetros de diámetro para reducir a captura doutros insectos

A captura de raíñas na primavera constitúe a principal medida preventiva que usan no Valadouro. “O ano pasado capturamos 1.500 raíñas, co efecto multiplicador que iso supón de cara a novos niños e novas raíñas ao ano seguinte. Tivemos trampas que capturaron entre 25 e 30 raíñas”, detalla.

Colaboración veciñal

Pero a razón do éxito logrado no Valadouro está sen dúbida da implicación da veciñanza. “O Valadouro é unha zona formidable para a velutina porque ten abellas e ten froita e aquí a xente está bastante concienciada”, afirma o responsable de Medio Ambiente. Ademais de charlas periódicas, na páxina de facebook do Concello informan aos veciños de cando colocar as trapas e como facelas.

O Valadouro ten de sempre unha importante tradición apícola (todos os anos se celebra unha Feira do Mel que xunta a produtores da zona) e desde hai tres anos moita xente se está animando a plantar tamén froiteiras, sobre todo mazás, tanto para sidra como para froita e constituiuse unha asociación (Afruval) que engloba aos produtores.

O Valadouro ten unha importante tradición apícola e conta cunha asociación que engloba aos produtores de froita

Coa colaboración destes dous colectivos, que sofren en primeira persoa as consecuencias derivadas da presenza de vespa asiática, o trampeo extendeuse a todo o termo municipal, onde foron moitos outros os veciños que tamén participaron na campaña colocando as súas propias trampas nas súas hortas ou froiteiras. “Ninguén as quere ao lado das súas casas, así que o que o ano anterior tivo un niño cerca ao ano seguinte puxo unha trampa para evitar no posible que se instalaran novos niños”, argumenta Luis.

“As trampas deben estar só do 15 de marzo até principios de xuño como máximo”

Para activar de novo este ano o programa de captura de raíñas, o Concello celebra este sábado unha xuntanza formativa á que está convidada toda a veciñanza. Da parte técnica encargarase José María Vázquez, xerente da empresa Serpa, especializada na loita contra a velutina.

Chema incide sobre o feito de que o trampeo debe ser o máis selectivo posible. Por iso recomenda que o pistoletazo de saída non se dea antes do 15 de marzo para non afectar a outras especies. “O que trampee pola súa conta que non se precipite, chega a tempo poñer as trampas a mediados de marzo e mantelas até principios de xuño como máximo e logo retiralas”, pide. A primavera é a época na que as raíñas saen do seu estado de hibernación e trasládanse para a creación dos niños primarios polo que é a época idónea para a súa captura.

Módulo protector para colmeas patentado por Serpa

Módulo protector para colmeas patentado por Serpa

Tamén pon o foco sobre que o trampeo debe ser sistemático e coordinado e abranguer todo o territorio. “De pouco serve poñer un cento de trampas arredor dun colmear ou que un veciño só, de maneira illada, poña un par de trampas na horta. Con iso non chega e non será efectivo, porque cubres puntos concretos pero non todo o territorio de xeito global”, argumenta.

A empresa Serpa foi creada no ano 2014 en Viveiro e foise extendendo na medida que tamén o facía a praga até dispoñer hoxe de 7 equipos distribuidos por toda a conrixa cantábrica e Cataluña, onde chegou a un acordo cun empresario para a comercialización en toda España e no norte de Portugal dunha das patentes da firma galega: un módulo protector de colmeas conta ataques da vespa asiática.

Chema asegura que “é posible controlar a velutina pero baséase en estar enriba da praga” porque, di, “o ser humano foi quen a trouxo e ten que ser tamén o que loite contra ela”. É partidario de que exista un servizo permanente porque “o control ten que ser anual”. “Retiramos niños tamén en inverno”, asegura.

“É posible controlar a praga, pero hai que estar enriba dela”

Esta é precisamente outra das estratexias que segue o Concello do Valadouro. “Imos eliminando os niños a medida que se ven, sen deixalos”, conta Luis, que certifica a capacidade de adaptación da vespa invasora. “Fomos sacar niños ao Cadramón, que está a 500 metros de altitude”, explica.

Os resultados obtidos no Valadouro chamaron xa a atención doutros concellos, como os veciños de Ourol ou Viveiro, interesados en levar a cabo unha experiencia similar este ano. En Cantabria tamén hai xa 21 concellos que se puxeron en contacto con Serpa para facer o mesmo.

A esperanza do abelleiro europeo

Polo de agora, opina Chema, non existe método algún máis efectivo que a loita preventiva mediante a colocación de trampas para a captura de raíñas nos meses da primavera e a retirada nos meses posteriores dos niños que se vaian formando.

“Estase a falar do abelleiro europeo (pernis apivorus) como depredador natural da velutina. Está ben que haxa unha esperanza de control natural da praga, pero non vai ser a curto prazo e neste momento temos un problema inminente que temos que atallar con medidas efectivas”, defende.

Ademais, opina que a introdución masiva desta ave rapaz para combater a vespa asiática “pode ser unha arma de dobre fío porque non momento en que se logre reducir o número de velutinas, que vai comer o abelleiro senón abellas, que é a súa dieta”, pregunta. “Non é unha crítica, é unha dúbida”, aclara.

cartel informativo trampas velutinas

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información