O Valadouro celebra o sábado 12 a súa tradicional Feira do Mel

Produtores de toda a comarca da Mariña e de lugares como Asturias, A Fonsagrada, Friol ou Ourense darán saída á produción deste ano, que se recuperou con respecto á de 2018, nunha das citas apícolas máis antigas de Galicia, que cumpre 32 anos e suma un Mercado de Outono

O Valadouro celebra o sábado 12 a súa tradicional Feira do Mel

O Valadouro acolle o vindeiro 12 de outubro a súa Feira do Mel, a máis antiga da comarca da Mariña e unha das máis veteranas de todas cantas se celebran na comunidade. A cita, que chega esta ano á súa 32 edición, amplíase para abrirse a outros produtos e sectores engadindo ao mel o Mercado de Outono que se viña celebrando no mes de novembro coa intención de “darlle un novo pulo á Feira do Mel como referencia do outono, igual que temos no mes de marzo o Mercado da Primavera, e buscar se podemos que sexa recoñecida como Festa de Intereste Turístico Galego”, segundo explica Iago Fernández Pena, concelleiro de medio rural, medio ambiente, turismo e novas tecnoloxías do Valadouro.

A inscrición segue aberta até este venres e conta xa con 18 produtores de mel confirmados, 10 do concello do Valadouro e 8 máis procedentes de lugares como Alfoz, Viveiro, A Fonsagrada, Friol, Ourense ou mesmo Asturias. A eles engádense postos con outros produtos de tempada, como son por exemplo as mazás, cun posto de mazá de mesa da Asociación de produtores de froita do Valadouro (AFRUVAL).

Desde o Concello do Valadouro levan anos recuperando as feiras e mercados tradicionais e tamén apoiando a recuperación e diversificación da actividade agrogandeira no municipio. Produtores de horta como Diego Geada, da Finca As Carballas, ou David Iglesias, que ten unha explotación en Santa Cruz, son un bo exemplo. Os dous saíron da Escola de Agricultura Ecolóxica posta en marcha polo Concello en colaboración coa Deputación. Xurdiron tamén nos últimos anos produtores de froita, coma Jesús, ou de porco celta, coma Adrián Sixto.

Relevo xeracional nos produtores de mel

O Valadouro ten unha longa tradición na produción de mel e conta neste momento con 30 explotacións apícolas rexistradas. O sector tiña un problema de relevo xeracional que se está a corrixir nos últimos anos. “A produción de mel está repuntando no concello porque hai xente nova que se anima e comeza a poñer colmeas”, explica Iago.

El mesmo fíxoo fai 2 anos. Igual ca el, Noé Fernández en Frexulfe ou Genma no Cadramón decidíronse a producir mel. Algúns destes mozos e mozas xa tiñan tradición de producir mel na casa, como é o caso de Adrián Cao, que herdou as abellas dos seus avós, ou Marifé Sixto, á que tamén lle vén de familia, pero outros novos produtores son persoas sen relación co sector. O da recuperación das colmeas é un fenómeno que se está a contaxiar a todo o val e tamén no veciño concello de Alfoz están a xurdir novos apicultores, como José Ángel ou os cinco rapaces que forman Ouro Puro.

“Non é un investimento excesivamente caro comparado con outras producións agrícolas ou gandeiras, pero precisas moitas cousas que tés que mercar e que che supón un gasto”, indica Iago. A demanda de mel de calidade que hai no mercado anima a incorporarse á actividade a persoas de todo tipo. Sen embargo, en xeral, Iago considera que “os casos de xente de cidade que decide emprender no rural danse, pero son contados, o que temos que tentar é que a xente que xa vive no rural poida vivir no rural e para iso hai que reinventarse e innovar”, opina.

Mellor produción ca o ano pasado

mel o Trobo ValadouroEste vai ser mellor ano de mel ca o 2018. Así o consideran os apicultores da comarca da Mariña, que o vindeiro sábado 12 se xuntarán na Feira do Mel do Valadouro para dar saída a unha parte da súa produción. “O ano pasado foi moi malo, este recuperouse algo a produción e vai haber máis mel, porque a primavera foi boa e houbo floración, pero o verán non foi bo e os meses de xullo e agosto non axudaron”, explica Iago.

Un dos factores que el considera determinante para explicar os altibaixos de produción nas colmeas é o cambio climático. “En Galicia este ano temos produción pero no resto de España o sector está tocado e ano a ano teñen menos produción. O cambio climático inflúe, é algo que nos temos que plantexar seriamente porque as súas consecuencias están aí, as abellas comezan a producir en febreiro, coma este ano, e paran en xullo e agosto, que era cando tiñan que estar facendo mel. Así que no campo, na agricultura e na gandeiría, teremos que telo en conta e adaptarnos a ese cambio climático, non queda outro remedio. Estámolo a ver estes días, porque nunca un furacán se achegara a Europa e este que está a pasar estes días veu en liña recta”, argumenta.

“É necesario que a Xunta coordine a loita contra a velutina”

Unha das trampas caseiras colocadas entre dúas colmeas na parroquia de Alaxe, no Valadouro

Unha das trampas colocadas por produtores na parroquia de Alaxe

Outro dos problemas aos que se enfrontan os produtores de mel é a vespa asiática, unha praga que entrou en Galicia precisamente pola comarca da Mariña e que xa está extendida hoxe á maior parte da comunidade. O Concello do Valadouro leva varios anos actuando contra ela en colaboración cos apicultores e os produtores de froita locais con medidas que deron bos resultados en anos anteriores. “Este ano a situación é peor, hai moita máis velutina porque proliferaron moito máis. Ao final o da velutina é unha loita constante, de nunca acabar, hai que poñer todos os medios dispoñibles, como os trampeos que facemos en primavera ou a retirada de niños durante todo o ano, pero aínda así é difícil freala”, asegura Iago.

O concelleiro de medio rural e medio ambiente do Valadouro bota en falla maior coordinación. “Actuamos de xeito illado moitas veces concellos, produtores e Xunta”, evidencia. “O 012 está desbordado na retirada de niños, moitas veces a nós chámannos de concellos limítrofes para que vaiamos a retirar niños porque a Xunta non dá feito. Eu xa non lle pido á Administración autonómica máis implicación, pero si que coordine as actuacións levadas a cabo en toda Galicia, a min gustaríame que houbese unha Mesa de Traballo decente entre Administracións, bótoa de menos”, quéixase. Do mesmo xeito, di, debería haber “máis investigación” para “atopar un método efectivo contra a velutina, ou polo menos determinar cal empregar e en que casos”, demanda.

Programa completo con showcookings e ruta de tapas

Cartel feira do mel Valadouro 2019

No ano 1986 un grupo de apicultores do Valadouro decidiuse a facer a primeira Feira do Mel na localidade. Máis tarde asumiu esta responsabilidade o Concello, que é quen a organiza hoxe en día. Ten lugar sempre na segunda fin de semana de outubro e este ano a feira amplíase con actividades paralelas, entre as que destacan showcookings e unha ruta de  tapeo polos locais de hostalaría de Ferreira a base de produtos típicos do outono.

A rúa Andrés López Palmeiro será o epicentro da cita o sábado doce e encherase de postos tanto de mel coma doutros produtos de tempada, como castañas, cogumelos, hortalizas ou froitas, ademais de artesanía. Os interesados en vender a súa mercadoría poden solicitalo aínda no Concello, ou ben chamando ao 982574000 para que lles asignen un posto.

As actividades desenvolveranse desde as 10 da mañá até pola noite e contarán con actuacións musicais, degustacións, sorteos e animación para os máis pequenos

A apertura dos stands terá lugar ás 10 da mañá. De 11 a 1, haberá demostracións de receitas de cociña a cargo do persoal docente da rama de hostalaría do Instituto de Educación Secundaria (IES) de Foz e membros da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia ofercerán unha actividade para os máis pequenos chamada O doce mundo do mel e pensada para nenos e nenas de Primaria.

Ás 12 do mediodía, a asociación cultural Amado Lar ofrecerá un pasarrúas polo mercado e durante toda a mañá repartiranse de balde entre os asistentes castañas asadas. A partires da hora de comer terá lugar unha das novidades desta edición, unha ruta de tapeo polos locais de hostalaría de Ferreira do Valadouro. Os establecementos ofertarán durante todo o día dúas tapas gratuítas de tempada cociñadas con ingredientes como mel, mazá, castañas, noz ou cogumelos.

Despois de comer haberá obradoiros de pintacaras e globoflexia e inchables para aqueles nenos que se acheguen ao recinto feiral. Tanto pola mañá como pola tarde faránse distintos sorteos de produtos da feira donados polos diferentes postos. A Festa do Mel do Valadouro rematará coa tradicional degustación de freixós con mel e coa actuación de Festicultores Troupe, que amenizarán a tarde noite polo centro da vila.

Máis información: Programa horario da Festa do Mel do Valadouro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información