O Trobo, o mel con historia

A súa familia foi pioneira na introdución da apicultura moderna na comarca da Mariña e desde o ano 2015 todo ese legado está recollido nun Museo do Mel que conta con pezas únicas. Falamos con Marifé Sixto, que loita nos últimos anos, xunto co resto dos produtores da zona, contra a vespa velutina, unha tarefa na que se implicou o Concello do Valadouro

O Trobo, o mel con historia

Marifé Sixto, a súa familia foi pioneira na introdución da apicultura moderna na comarca da Mariña e desde o ano 2015 todo ese legado está recollido nun Museo do Mel que conta con pezas únicas

Cando a enerxía eléctrica era pouco menos que un invento do diaño que se resistía a entrar nas casas e as velas constituían un dos métodos indispensables de iluminación nos fogares e de devoción nas igrexas, a de cereiro era unha profesión con futuro. Así que o taller que Aquilino Ben montara en Ferreira era un negocio próspero. As súas velas, recoñecidas na comarca da Mariña polo selo que as marcaba coas súas iniciais (AB), eran das máis demandadas.

Era unha época na que aínda non existían as velas de parafina dos chinos, así que a cera que se producía nos trobos feitos nos vellos cachopos de castiñeiro era un produto case tan valorado coma o propio mel. Aquilino e a súa familia mercaban polas casas a cera cocida coa que logo facían os seus cirios. O negocio pasaba de pais a fillos e Pilar, a filla de Aquilino, seguiu coa tradición até que un dos seus 10 fillos casou nunha casa onde había colmeas. Desde entón, falar en Ferreira do Valadouro da Casa de Aquilino é falar de abellas e colmeas.

 “O museo alberga un tesouro de artiluxios de apicultura de comezos do século XX”

Hoxe é Marifé Sixto a que atesoura toda esa tradición que comezou o seu tataravó Aquilino. Coa intención de conservar ese legado familiar e de dalo a coñecer, hai tres anos rehabilitou unha vella corte de gando pegada á casa e fixo un Museo do Mel con pezas únicas que fan un percorrido pola historia e a evolución da apicultura en Galicia nos últimos 100 anos botando man de artiluxios e utensilios usados pola súa familia desde comezos do século XX.

Algún deles auténticas xoias de fabricación caseira protagonistas do paso da vella apicultura dos trobos de castiñeiro ás colmeas modernas de paneis de cera e alzas modulares. Coma un extractor de zinc fabricado por dous fillos de Pilar nos tempos da Guerra Civil na vella fábrica de Chavín, en Viveiro, fronte á actual factoría de aeroxeneradores da multinacional Vestas. Ou un afumador de coiro tamén do ano 1936, ou unha caldeireta onde a familia levaba o mel que vendía na postguerra polas feiras da comarca, ao mesmo tempo que as velas que fabricaba. E como “máis ensina a necesidade que a universidade”, tal como afirma Marifé, mesmo hai un artiluxio feito cunha perra chica da II República (as únicas fabricadas cunha aleación de cobre e que, polo tanto, capaces de aguantar altas temperaturas) que se usaba para, despois de quentar, pasar por enriba dos panais de cera e suxeitalos aos cadros de madeira das novas colmeas que comezaban a substituír aos trobos.

Todos estes apeiros seguíronse usando até o ano 1999, momento no que Marifé se deu de alta na IXP Mel de Galicia (foi das pioneiras da comarca da Mariña) e o rexistro sanitario obrigouna a cambiar os vellos artiluxios de cobre e zinc por outros de aceiro inoxidable. Seus pais acababan de xubilarse e tras abandonar a gandería viron na venda de mel un nicho de mercado que naquel momento estaba sen cubrir.

Múltiples recoñecementos

Nestes case 20 anos Marifé seguiu vendendo coa mesma marca de “Mel O Trobo” coa que comezara seu pai, Javier, hoxe xa falecido, e atesourando premios e recoñecementos á calidade dun produto que conta cunha clientela fiel. Vende basicamente a nivel local, na Feira do Mel que todos os anos se celebra en Ferreira no mes de outubro e nos mercados estacionais que está a recuperar o Concello do Valadouro nos últimos anos e tamén a través da súa páxina de facebook.

Esta produtora do Valadouro traballa variedades multiflorais, nas que se combina eucalipto, castiñeiro e flores de todo tipo, como as das árbores froiteiras que hai na finca onde Marifé ten parte das súas colmeas, na parroquia de A Laxe. “O mel de eucalipto é moi valorado e nesta zona, xa que temos tanto eucalipto, temos que sacarlle proveito, non todo vai ser negativo do eucalipto e unha das súas vantaxes é o mel”, afirma. O Trobo conta no seu palmarés con 3 ouros, tres pratas e catro bronces, o último pola colleita do ano 2017, un premio á constancia que certifica ano tras ano nas catas dos mellores meles de Galicia.

Mel O Trobo recibiu 3 ouros nas Catas dos Meles de Galicia

Marifé é optimista: “Vexo que hai máis demanda e que se está a consumir máis mel que fai anos, porque agora hai moita xente que está a apostar por hábitos saudables e iso fai que o mel teña neste momento unha grande apreciación social”, di. Ela, como a maioría dos produtores do Valadouro, ten unha clientela fiel e considera que “no mel non hai perigo de sucedáneos, porque o home non sabe facer petróleo, pero tampouco sabe facer mel, o mel téñeno que facer as abellas”, argumenta.

“Temos que implicarnos todos na loita contra a velutina”

As baixas e minguas na produción nos últimos anos por culpa da vespa velutina, que comezou instalándose nesta comarca da Mariña no ano 2011 antes de colonizar case toda Galicia, son evidentes. O Trobo envasa neste momento uns 1.000 quilos de mel cada ano pero “cheguei a pasar dos 2.000”, recoñece Marifé. Ela ten neste momento unhas 70 colmeas, repartidas entre A Laxe, no Valadouro, e Vilabuín, en Ourol. A este concello, ubicado máis cara ao interior e a maior altitude, tardou máis en chegar, pero o ano pasado a súa presenza colleunos desprevidos e tiveron moitas baixas.

No Valadouro xa saben o que é loitar contra elas desde hai anos. Nesta época realizan trampeos para capturar raíñas con artiluxios caseiros feitos con vasos e botellas de plástico mediadas de zume de arandos como atraente. Colocan as trampas preto das colmeas e tamén a carón de limoeiros, laranxeiras e camelias, a onde se achegan as raíñas. É clave combater a súa propagación na primavera para evitar que formen novos niños. Máis adiante, no verán, as tarefas céntranse en retirar os niños e en capturar o maior número de obreiras posibles. As trampas cambian entón o zume de arandos polo licor, o vermú ou os destilados. Teñen que ser bebidas doces pero que teñan alcol, senón van tamén as abellas e caen na trampa. “Estamos acabando a bodega”, afirma con ironía Marifé, porque toda canta botella empezada ou con certa solera de anos acaba servindo para emborrachar ás velutinas.

 “Toda a sociedade tense que implicar na loita contra a velutina”

Asegura que “o Concello estase involucrando moito”, repartindo trampas nesta época e colaborando no verán na eliminación dos niños. Pero esta produtora considera que “non é un problema só dos apicultores, porque os fruticultores xa están a notar tamén moito as perdas pola praga, así que hai que concienciase de que temos que implicarnos todos na súa erradicación”, di.

As perdas pola vespa asiática son moito máis que a mingua na produción das colmeas xa que “hai que engadir as baixas, o tempo adicado en combater a praga, os quilómetros, o gasóleo, os produtos, etc”, relata Marifé. “E ese custo engadido non llo incrementamos ao prezo do mel, estámolo asumindo os apicultores”, engade.

Ela agarda, coma o resto de produtores, que non tarde moito en haber un produto eficaz para loitar contra esta especie invasora. “Eu espero que os laboratorios saquen algo, como antes fixeron con outros problemas aos que nos enfrontamos como a varroa ou o loque”, di. Mentres tanto, este ano optou por alimentar no inverno as colmeas “para que estean fortes e aguanten mellor, porque se a colmea está feble ten máis problemas para resistir o ataque da velutina”, explica.

O efecto ‘oxi action’

Marifé no Museo do Mel

Marifé no Museo do Mel

O próximo proxecto de Marifé é crear, noutra vella corte de gando, un pequeno museo similar ao do mel pero adicado ao oficio, xa practicamente extinguido, de cereiro. Se os utensilios de apicultura que xa están expostos teñen 100 anos, os usados para traballar e moldear a cera son do século XVIII.

Entre as curiosidades do oficio está o método para branquear a cera, que facía famosas as velas do seu tataravó Aquilino. “A igrexa que máis velas brancas tiña en Semana Santa era a de Ferreira. As velas brancas eran un símbolo de distinción e vendíanse máis caras que as amarelas polo laborioso proceso que tiñan detrás”, explica. Era un traballo que duraba de 10 a 12 días a base de cocer varias veces a cera e poñela en láminas ao sol, onde branqueaba, como a roupa ao clareo, polo efecto da fotosíntese das plantas e do osíxeno que desprenden nese proceso, un método natural baseado no mesmo principio químico do osíxeno activo dos anuncios de deterxente.

“Prevé abrir un museo do oficio de cereiro, co que sería o segundo en Galicia”

Igual que fixo co Museo do Mel, creado con fins didácticos e que recibe tanto escolares de colexios da contorna como a visitantes a título individual, sobre todo nos meses de verán, Marifé quere dar a coñecer este oficio familiar. Ten pensado montar mesmo un lagar de cera coma o usado polos seus antepasados aproveitando a auga corrente dun afluente do río Ouro. Sería un museo único na provincia de Lugo e dos poucos deste tipo que hai en Galicia. “Que eu saiba só hai outro en Covelo, na provincia de Pontevedra”, aclara Marifé.

O mestre Jesús Rodríguez con escolares do Valadouro

O mestre Jesús Rodríguez con escolares do Valadouro

 

Jesús Rodríguez, un discípulo do ‘cura das abellas’

Os concellos veciños de Alfoz e o Valadouro concentran un grande número de produtores de mel da comarca da Mariña. Un dos precursores do sistema actual de produción foi Jesús Rodríguez, natural de Monforte de Lemos e discípulo de Benigno Ledo, o cura das abellas. Jesús era mestre na escola de Budián, e a súa muller, María Pardeiro, na parroquia do lado, A Laxe. Os sábados xuntaban aos alumnos e ensinábanlles as técnicas da apicultura moderna e os segredos das colmeas. “Na época de sacar o mel sacaban o mel e acabou involucrando a moitos dos seus alumnos no oficio”, conta Marifé. Un deles foi o seu pai.

Daquel mestre republicano ten hoxe Marifé no seu Museo do Mel varios obxectos, cedidos pola familia de Jesús Rodríguez, entre eles unha fotografía cos seus alumnos no 1940 e tamén un manual práctico de apicultura, “Abejas y colmenas”, escrito por F. M. De la Escalera e Ernesto Suja e publicado en Madrid en 1933 polo Patronato das Misións Pedagóxicas da II República.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información