“O pole ten moi boa saída no mercado pero vemos unha gran oportunidade en producir xelea real”

Entrevista a Francisco Rogao, apicultor cunhas 1.000 colmeas en produción e un referente en Portugal na produción de pole. Explicou as claves para producilo e que demanda o mercado na Mostra Galega de Apicultura

“O pole ten moi boa saída no mercado pero vemos unha gran oportunidade en producir xelea real”

Francisco Rogao

Francisco Rogao é propietario da tenda apícola Macmel e tamén apicultor, cunhas 1.000 colmeas en produción en Macedo de Cavaleiros, no nordeste de Portugal.

Este referente en Portugal na produción de pole ven de impartir un relatorio sobre as claves deste produto na Mostra Galega de Apicultura, organizada pola Asociación Galega de Apicultura (AGA) e que se celebrou o pasado sábado en Arzúa.

¿Como comezaches neste sector da apicultura?
Tiña uns libros que mercara en Francia e en Suíza sobre apicultura e comezoume a gustar. Un día merqueille catro “corchos” a un veciño do meu pobo, de Macedo de Caleiros, preto de Bragança, e ese mesmo ano enxamearon e xa pasei e 8 de a 14 colmeas ao ano seguinte. Ese ano tiven un problema e morreron 13 colmeas porque non atopaba tratamento. Foi así como xurdiu a idea de abrir na zona unha tenda para apicultores, Macmel, e teño neste momento unhas 1.000 colmeas en produción.

Comentabas no teu relatorio na xornada da Asociación Galega de Apicultura que varios apicultores da zona vos organizades para reducir custos de produción. ¿Como traballades?
Somos un grupo de 6 amigos que nos chamamos a Seita da Abelha e organizámonos para reducir custos. Así, facemos quendas para visitar e revisar os apiarios, facendo rutas que nos aforren tempo de desprazamento e combustible. Chegamos a reducir os custos nun terzo mantendo a mesma produción.

¿Cales son as vosas principais producións?
Facemos sobre todo pole, mel, criamos raíñas, vendemos enxames e neste momento tamén estamos a producir propóleo, que é un produto que se logra sen minguar as outras producións.

Nun ano normal producimos unhas 3 toneladas de pole e unhas 10 toneladas de mel. Facemos moitos enxames e raíñas tamén e iso reduce a produción de mel e pole.

¿Que requisitos debe reunir unha colmea para ser boa produtora de pole?
Para ser boa produtora de pole a colmea debe ter moita cría, porque as abellas precisan de pole para alimentar a cría. A abella produce o que necesita e se ten moita cría vai producir máis pole, e se llo quitamos, máis pole ela vai buscar.

Por outra parte, a colmea debe estar forte, cun mínimo de 8 ou 9 cadros e ter máis da metade dos cadros con cría. A colmea tamén debe ser nova, pois se fóra vella as abellas evitarían pasar polo cazapole. E se a colmea ten fondo de rede moito mellor, pois evítase que o lixo da colmea caia no cazapole. A raíña tamén debe ser nova.

A flora do entorno tamén é clave. ¿Que especies no voso entorno son máis produtivas para pole?
Para nós a especie máis produtiva é a xara. Tamén é moi interesante a silva, o carballo cando está en floración, e tamén a sobreira. O eucalipto tamén é interesante. Pero se hai abellas hai pole, e por iso pode recolectarse pole en todas as zonas. O apicultor ten que observar e analizar o seu entorno e ver cales son as épocas idóneas.

 “Logramos producir unha media de 5 kilos de pole por colmea”

No noso caso empezamos a colleita de pole nun ano normal no mes de abril e logramos unha colleita media de 5 kilos de pole por colmea.

¿Que tipo de pole vos demanda o mercado?
É difícil lograr pole de monoespecie porque temos un entorno, como en Galicia, moi diverso, sen grandes monocultivos. Hai épocas do ano onde podes ter máis pole de castiñeiro ou de xara, pero é case imposible lograr un pole monoespecie.

Coa vosa xa longa experiencia, ¿Cales son os erros máis comúns que se solen cometer?
Non escoller as datas correctas. Cando hai previsión de choiva, para unha semana, débense retirar os cazapoles. Os apicultores deben saber o que hai no seu entorno, porque se se colocan os cazapoles moi cedo, en marzo ou en febreiro, comprometemos o desarrollo da cría, temos que dar tempo a que aseguren e almacenen o pole para a cría. Debemos saber cales son as épocas propicias e iso lógrase coa experiencia de campo, porque senón podemos chegar á primavera sen abellas suficientes.

 “Hai que observar moi ben o entorno para colocar os cazapoles”

A maior parte dos manuais recomendan ter pechados os cazapoles durante 6 días e abrilos durante 2 para que non falte pole na colmea. Pero se se fai así vas ir unha vez abrir os cazapoles e ao día seguinte volver para pechalos, e iso obriga a aumentar os gastos de desprazamento e tamén baixar a produción. A nosa recomendación é ter telos sempre pechados para desta forma traer sempre produción.

¿Compromete a vida da colmea o feito de colleitarlle pole?
Non observamos diferencias porque boa parte das colmeas teñen pole de máis, que vai colocar nas alzas, nas medias alzas. Se o quitas vas lograr rendibilidade, pero se non o quitas esa cera que ten pole vai ser a primeira en coller couza, e vas ter tamén un problema.

¿Traballades con selección xenética?
Si, cando facemos as raíñas para nós e aquelas colmeas que máis pole producen son das que obtemos raíñas. Temos moitas colmeas e non hai problemas de consanguinidade. Temos un colmeas de fecundación que está entre 15 e 20 km das outras colmeas, e nunca se van cruzar coas súas irmás porque a distancia é moi grande.

Advertías no teu relatorio de que a conservación do pole é clave. Explícate…
Se o pole, unha vez secado, mantén unha humidade superior ao 6 ou ao 7%, poden producirse fermentacións e o pole non ten valor comercial. Unha vez secado, o pole debe meterse nunha bolsa para que non absorba a humidade ambiente. E para evitar que desarrolle ovos de larvas de couza, é preciso meter Nitróxeno e CO2, dous gases da atmosfera, e desta forma morren as larvas que poda haber.

Previamente o pole debe ser secado, e posteriormente é peneirado para evitar refugallos e que sexa o máis puro posible. No caso do pole que vai ser consumido en fresco, sen deshidratar, debe ser ultraconxelado e desta forma pode conservarse ata 3 anos. O pole deshidratado, se está protexido da luz solar, pode aguantar para o consumo sen problema 3 anos.

 “Estamos vendendo o pole a unha media de 12 euros o kilo”

¿Como están os prezos do pole para o apicultor?
O ano pasado de promedio estivo a 12 euros o quilo. Creo que é unha boa opción para un apicultor producir pole tamén. No noso caso de Macmel, exportamos pole directamente, tanto a nosa produción como a doutros apicultores da zona. O destino principal é Alemaña, Francia, Bélxica…

O pole que máis nos demandan é o de xara e agora imos empezar tamén a recoller algún de castiñeiro. O de carballo tamén é un pole que se demanda.

¿Que posibilidades ves en Galicia para producir pole?
É clave asociarse entre varios apicultores para xuntar un volume interesante. Ademais, as máquinas para secar pole son moi caras, e non compensa facelo un só. É moito máis rendible que a merque unha asociación de varios apicultores. É clave asociarse para comercializar pole, pois ademais un comprador vai ofrecer mellor prezo.

No noso caso cando negociamos cos importadores estranxeiros logramos xuntar 12 toneladas de pole, entre a produción nosa e a dos apicultores da zona, e desa forma logramos mellor prezo.

 “A nosa estratexia de futuro é potenciar a produción de xelea real”

¿Que vos gustaría cambiar de cara ao futuro?
Estamos intentando comezar a producir xelea real en Portugal. O 90% da que se consume na Península Ibérica procede de China e hai moito campo para que a produzamos nós. A nosa estratexia é dentro de 5 anos reducir a produción de pole, porque neste momento en Portugal xa producimos moito, e incrementar a produción de xelea real.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información