O Día do Apicultor congregou a centos de apicultores en Arzúa

O Día do Apicultor congregou a centos de apicultores en Arzúa

O Día do Apicultor congregou a centos de apicultores en Arzúa

O Día do Apicultor congregou este sábado en Arzúa a centos de apicultores e apicultoras de toda Galicia, que disfrutaron do completo e variado programa  de contidos sobre o mundo das abellas e dos seus produtos. Na xornada, organizada pola Asociación Galega de Apicultura (AGA), diversos expertos explicaron novas técnicas de manexo apícola, así como as últimas investigacións sobre a loita contra a Vespa velutina e a importancia de valorizar os meles de Galicia.

En paralelo, desenvolvéronse outras actividades nos diferentes espazos: unha exposición sobre sanidade apícola e Vespa velutina e actividades para público xeral e crianzas, con degustacións e obradoiros.

Novas prácticas apícolas: ¿é necesario alimentar as colmeas?

Na xornada participaron ponentes de recoñecido prestixio como Antonio Gómez Pajuelo, experto consultor apícola de Valencia, que expuxo o tema da alimentación das colmeas, unha necesidade a ter en conta na práctica apícola motivada en parte polo cambio climático e por outros factores.

Pajuelo insistiu en que sempre hai que adaptarse ás condicións de cada colmea e avaliar se é preciso ou non alimentar, para que e con que, tendo coidado ademais de non excederse con esta práctica ou utilizar unha alimentación incorrecta, pois o efecto pode ser negativo para as abellas e para a calidade do mel.

Pola súa parte, Suso Asorey, voceiro de AGA e biólogo,  continuou con este tema trasladando a idea de que o mel para ser bo ten que proceder das flores e plantexou o dilema de se é realmente necesario alimentar as colmeas, xa que en Galicia as abellas teñen unha flora suficiente na natureza para cubrir as súas necesidades de nutrición durante todo o ano. Engadiu tamén Asorey que só en casos concretos de escaseza de reservas na colmea, situación que pode comprobarse de diferentes maneiras, sería aconsellable alimentar.

Novidades na loita contra a Vespa velutina: depredadores naturais para controlar a praga

Na sesión sobre e a loita contra a Vespa velutina, José Manuel Fernández, investigador da Universidade de Alcalá de Henares, presentou un estudio realizado nas zonas do Morrazo e Salnés, sobre o efecto na poboación de Vespa velutina ante a presenza do falcón abelleiro, ave rapaz presente en todo o norte da península ibérica, e con especial presenza en Galicia.

Os resultados indican que o 70% da alimentación do falcón provén de avespas grandes, como a Vespa velutina ou a autóctona Vespa crabro, e parece que está especializando a súa dieta na asiática, posiblemente por ter máis cantidade ó seu alcance. Ademais, observouse que dende o 2015 está medrando a poboación de falcón abelleiro no Morrazo, coincidindo co avance da praga do tártago asiático nesta comarca, e estímase que no 2018 puideron ser consumidos por estas aves 728 niños. Esta medida non pode ser a única para frear a Vespa velutina, pero sí podería axudar a controlala en conxunto con outras ferramentas.

Tamén participou nesta sesión Sandra Rojas, investigadora da Universidade de Vigo, cun traballo sobre localización de niños utilizando marcaxe de individuos e trazando as rutas que realizan para alimentarse utilizando cebos, investigación de utilidade para estudar as zonas de maior densidade de niños e cales son as causas desa ubicación.

Situación da loita contra a Vespa Velutina en Galicia e en Asturias

Tamén falaron representantes da Plataforma Stop Velutina Galicia e Asturias. Por parte de Galicia, Diego Sánchez do Sindicato Labrego Galego, expuxo o percorrido da Plataforma nestes últimos anos e  alertou sobre a falta de resposta por parte da Xunta de Galicia ante as demandas do colectivo, integrado por 45 entidades de diferente tipoloxía, incluíndo moitos concellos. Sánchez advertiu que “este silencio e falta de colaboración do goberno, poderá motivar a necesidade de realizar outro tipo de accións para que sexan escoitadas e consideradas as reivindicacións dos afectados por esta problemática por parte da administración”.

O caso asturiano é diferente pois, tal como explicaron Felix Méjica e Casimiro Sixto, membros da Plataforma Stop Velutina Asturias e ADAPAS, sí que están conseguindo traballar conxuntamente coa administración a través dunha rede na que participa a cidadanía, os concellos e administración autonómica, dentro da cal o concello debe ser moi activo, facendo de enlace entre os demais axentes. Este traballo está amosando resultados positivos, como unha maior implicación na tarefa de trampeo preventivo por parte da administración ou no aumento da retirada de niños, aínda que advirten que queda moito traballo por facer a nivel organizativo.

Pechou as intervencións sobre este tema José Mª Bello, delegado de AGA no Morrazo, que insistiu na importancia do trampeo, a participación veciñal e a implicación dos concellos. Os datos recollidos durante estes anos de loita no Morrazo, comparados entre as diferentes prácticas dos concellos da comarca, indican que cun trampeo ben organizado na primavera redúcese de forma significativa o número de niños a retirar no verán.

A denominación “Mel de monte”, maior valor no mercado

A xornada incluíu tamén outros temas relacionados cos produtos da colmea, como a calidade e o coñecemento do mel. O consultor apícola Antonio Gómez Pajuelo explicou cal é a composición do mel e por que é importante coñecelo ben e poder demostrar as súas características mediante análise de laboratorio, xa que a maior calidade e diferenciación do produto, maior valor e polo tanto tamén maior prezo no mercado. Existen diferentes parámetros de laboratorio que indican a calidade do mel, tendo en conta valores como frescura, porcentaxe de humidade ou niveis e tipos de azucre, e outros como a presencia e tipo de pole no mel, a través do cal pódese identificar a orixe do produto, tanto floral como xeográfica.

A IXP Mel de Galicia ten establecidos os criterios para designar os diferentes tipos de mel monofloral en Galicia: queiroga, castiñeiro, silva e eucalipto. Segundo Pajuelo, “esta diferenciación quédase curta pois sería moito máis interesante dun punto de vista comercial distinguir os meles pola paisaxe de onde proveñen e non tanto pola flora melífera da que se obteñen”. Un tipo de mel moi característico de Galicia podería ser o “mel de monte”, con mestura de mel de mielato de carballo, queirogas e silvas, que se diferenciaría claramente doutros meles e  identificaría a súa orixe xeográfica, trasladando a idea de que cada mel contén unha paisaxe diferente. “Esta denominación, que aumentaría o valor do produto, tería que avalarse a través de estudios para conseguir a súa certificación oficial”, subliñou.

Recollendo estas ideas e co obxectivo de valorizar e promocionar os meles galegos, AGA anunciou a creación dun laboratorio de mel que estará ubicado en Arzúa nas instalacións do Enredo do Abelleiro, un novo servizo da asociación para o seus socios e socias que comezará a funcionar para o mes de setembro deste ano.

image_print
Etiquetado

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información