O abelleiro, un aliado eficaz contra a vespa velutina

Esta ave rapaz migratoria, cunha presenza histórica en Galicia, especializouse na caza de avespa asiática, que pasou a ser o seu principal sustento. Nun ano no Morrazo consumiu preto de 1.000 niños de velutina

O abelleiro, un aliado eficaz contra a vespa velutina

Exemplares de miñato abelleiro europeo nun niño na provincia de Pontevedra. / Foto: Luis Ogando.

Á marxe dos apicultores, hai quen tamén puxo no seu punto de mira á avespa asiática e se volveu un auténtico especialista na súa captura: o abelleiro europeo (Pernis apivorus). Trátase dunha ave rapaz migratoria que é un depredador natural da vespa velutina e, polo tanto, converteuse nun aliado para frear a súa expansión. Só no último ano, os investigadores estiman que a poboación destas aves no Morrazo, consumiu uns 922 niños, unha cantidade moi parella á que se retiraron nesta zona, segundo os rexistros da Xunta.

Só no último ano, a poboación destas aves no Morrazo consumiu uns 922 niños

Esta ave fixo da vespa velutina o seu principal sustento e isto posiblemente provocou que tamén aumente a presenza da rapaz na comunidade galega. Así o constatou un estudo realizado por un equipo de investigación da Universidade de Alcalá de Henares, coordinado polo profesor titular Salvador Rebollo, e no que participa o ornitólogo José Manuel Fernández, que en días pasados presentaba algúns dos datos da súa investigación nunhas xornadas apícolas desenvolvidas no CFEA Lourizán (Pontevedra).

Aínda que os ornitólogos se amosan moi cautos fronte ás primeiras cifras da investigación, posto que se trata de datos provisionais que “non poden ter consistencia se non se amplían os anos de estudo”, constatan o potencial do miñato abelleiro no control da vespa velutina.

Tamén apuntan que, a pesar de que o abelleiro é unha ave presente historicamente tanto en Galicia como no resto da cornixa cantábrica, segue sendo un gran descoñecido e a penas se levaron a cabo estudos sobre a especie. “O abelleiro europeo é unha rapaz territorial e moi discreta que pode pasar facilmente desapercibida se non se realiza un estudo a fondo para localizalo”, concreta Fernández.

A velutina, o eixo da súa dieta

O abelleiro gañouse o cualificativo de especialista na caza de velutina ao converter estes insectos no seu principal alimento. Esta ave basea case o 70% da súa dieta nas avespas asiáticas segundo comprobaron nesta primeira fase da investigación. “Esta especialización na avespa asiática é moi importante porque é a resposta ideal dos depredadores que poden usarse no control biolóxico de pragas. Esta especialización reduce os ‘efectos colaterais’ debido ao consumo doutras especies beneficiosas. Neste caso é moi importante que o abelleiro europeo non consuma abella doméstica”, especifica o ornitólogo.

Restos-de-celdas-de-vespa-velutina-en-nido-de-abejero-europeo_-

Unha das imaxes tomadas polos ornitólogos nas que se observan panais con celas grandes (vespa velutina ou crabro) e pequenas (avespas) nun niño de miñatos abelleiros. Foto: J.M. Fernández.

Para coñecer a dieta do abelleiro, os expertos vixiaron, mediante cámaras fotográficas instaladas nos niños existentes nas penínsulas do Morrazo e O Salnés. Tamén recolectaron restos de presa nos niños e ao pé dos mesmos. “A gravación dos niños é unha técnica que xa tiñamos empregado con outras especies e que non interfire nin molesta ás aves”, apunta Fernández.

O rexistro fotográfico de 66.000 fotografías permitiulles descubrir a presenza de restos de panais de celas grandes, é dicir pertencentes a vespa velutina ou vespa crabro (autóctona de Galicia e moi similar á asiática) nos niños do abelleiro. Con todo, as análises realizadas no laboratorio determinaron que na súa gran maioría trátase de panais de vespa velutina.

O abelleiro basea case o 70% da súa dieta nas avespas asiáticas. A dispoñibilidade de alimentou levou a que triplicase a súa poboación no Morrazo

O resto da dieta do abelleiro, segundo os achádegos dos niños, componse de panais de cela pequena (outras avespas sociais) así como de pequenos roedores, aves, réptiles e vertebrados sen identificar.

O feito de que o abelleiro comezase a alimentarse principalmente de velutina propiciou posiblemente un incremento das aves localizadas nestas dúas zonas. “O abelleiro especializouse na especie invasora e a abundancia da ave prodúcese parella á da velutina”, especifica Fernández. Tanto é así que o estudo constata que a poboación de abelleiros case se triplicou nestas zonas. “Pasamos de 1,3 parellas reprodutoras na zona do Morrazo a 3,3. Ademais, coincidiu cos anos nos que a vespa velutina se propagou máis”, apunta o ornitólogo.

Un depredador no bosque e baixo terra

O sistema principal de localización de niños da avespa asiática por parte do abelleiro é a localización de fluxos de movementos de velutina que se producen nos percorridos que fan dende o seu niño á fonte de alimento, isto é posible grazas á potencial vista que ten. Pero, ademais, tamén é un especialista en localizar os niños que están soterrados.

“Unha vez detectado o lugar aproximado do niño de velutina, e se este esta enterrado no chan, o abelleiro aproxima o oído ao chan para poder escoitar mellor o son que produce a actividade das larvas e adultos no niño enterrado e así precisar mellor o lugar onde escarbar”, concreta o ornitólogo. De feito, os expertos teñen sospeitas de que hai un continxente importante de niños de avespa asiática nas masas forestais, dado que xa se atoparon niños da avespa asiática desenterrados polo abelleiro europeo no interior do bosque.

Agujero-realizado-por-abejero-europeo-para-extraer-celdas-de-vespa-velutina-

Restos dun panal de vespa asiática desenterrado polo abelleiro europeo. Foto: J.M. Fernández.

Son aves que están adaptadas para a extracción de niños enterrados, ao dispor dunha especie de grella de ventilación nas ventas, que lles permite realizar estas escavacións sen dificultades. “É moi probable que a maioría dos restos de panais localizados pertenzan a niños desenterrados, posto que nas análises atopábanse restos de terra”, explica.

Os ornitólogos sospeitan que hai un continxente importante de niños de avespa asiática enterrados no solo

Tamén as súas patas e garras están reforzadas para mitigar as picaduras e o seu pico en forma de pinza permítelles extraer as larvas das celas sen esnaquizar os panais, a diferenza doutros animais “Este detalle permitiunos descartar outras especies cando atopamos os panais desenterrados”, precisa o ornitólogo.

No futuro proxecto que agardan realizar para dar continuidade a este primeiro traballo pretenden colocar radiotransmisores por satélite aos abelleiros adultos. Este sistema permitiralles, entre outras cousas, crear un mapa no que ubicar onde esta capturando os niños de vespa velutina .

A ameaza dos niños de velutina envelenados

Os descubrimentos desta investigación, iniciada en 2018, alertan de novo da ameaza que supón o uso de insecticidas para a eliminación dos niños, xa que poden terminar afectando a esta ave. Ao transportar as celas con insecticida dos panales da velutina até o seu propio niño, o risco increméntase.

Por iso, os expertos recomendan evitar métodos como o coñecido ‘troiano’ que consiste en sulfatar as velutinas con insecticidas, sen matalas, para que volvan aos seus niños e contaxien ao resto da colmea, xa que o niño quedaría impregnado do veleno. Tampouco convencen os métodos que consisten en inxectar insecticidas nos niños de velutina, se estes non terminan destruíndose totalmente despois.

Cantos abelleiros se precisarían para controlar a vespa velutina?

Unha das cuestións que xorden no marco do estudo é determinar o número de abelleiros e o nivel de consumo de velutina que serían precisos para controlar a expansión da avespa asiática na zona de estudo do Morrazo. Para iso, o equipo de investigación contará coa colaboración do matemático especialista neste tipo de modelos de simulación, Marcos Marva, profesor da Universidade de Alcalá, que se encargará da estimación. Por este motivo, xa están a traballar en recompilar datos necesarios para o cálculo, tales como a capacidade de carga, a taxa de crecemento do abelleiro e as taxas de depredación do abelleiro sobre a velutina.

Os expertos inciden na importancia de fixar medidas de conservación das poboacións de abelleiros e dos seus hábitats

Ademais, para poder medir dunha maneira directa os posibles beneficios que puidesen ter sectores como a uva, a froita e a apicultura pola presenza do abelleiro procederan a realizar diferentes estudos de campo, consistentes na colocación de colmeas, caixas con froitas ou uvas, con sistemas de control que contabilicen o número de velutinas.

Estes focos de alimento para as vespas velutina situaranos a diferentes distancias do niño do abelleiro europeo, partindo da hipótese, de que canto máis preto estea unha explotación (colmeas, viñedos ou froiteiras) do niño de abelleiro, máis beneficiada se verá. Para esta tarefa solicitan a colaboración dos apicultores co fin de localizar os colmenares existentes na zona do Morrazo e O Salnés, a área de estudo. O obxectivo é buscar localizacións axeitadas, de cara a que os colmenares existentes non interfiran nos datos que se obteñan.

Solicitan a colaboración dos apicultores da zona para estudar de forma controlada a poboación de abelleiros

Os expertos inciden tamén na importancia de establecer medidas de conservación das poboacións naturais de abelleiros e dos seus hábitats así como a inclusión da ave nun Plan de loita integral contra a velutina. Con todo, descartan a introdución do abelleiro en zonas nos que non teña presenza, polo impacto que esta práctica poida ocasionar. Ademais, puntualizan que neste caso non sería preciso a súa introdución, posto que a ave xa esta aumentando a súa poboación dunha maneira natural.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información