“No 2020 esperamos ter no mercado unha feromona efectiva contra a vespa asiática”

Entrevista a Eric Darrouzet, profesor e investigador da Vespa Velutina no Instituto de Investigación sobre a Bioloxía do Insecto da Universidade de Tours (Francia).

“No 2020 esperamos ter no mercado unha feromona efectiva contra a vespa asiática”

Eric Darrouzet. Foto: La Nouvelle Republique

Eric Darrouzet é un dos investigadores de renome a nivel mundial da avespa asiática ou vespa velutina nigrotorax, unha especie invasora que dende a súa chegada a Francia no ano 2004 colonizou xa boa parte de Europa, causando importantes danos no ecosistema, así como na apicultura ou na viticultura.

Dende hai varios anos Eric Darrouzet e o seu equipo do Institut de Recherche sur la Biologie de l’Insecte (IRBI) da Universidade de Tours (Francia) estudan un sistema que permita frear a súa expansión de forma eficaz e sen efectos negativos no medioambiente. E avánzanos que van na boa dirección…

-¿Como está afectando a vespa Velutina a Francia?
Máis do 80% do territorio francés está invadido neste momento pola vespa asiática, pero tamén outros países como España, Portugal, Italia, Suíza, Bélxica, Alemaña e mesmo o Reino Unido.

A vespa velutina nigritorax representa unha ameaza para a biodiversidade, para as abellas e para as persoas alérxicas ao veleno dos insectos hymenópteros. Como esta avespa atópase moito nas zonas periurbanas e urbanas, o risco para a saúde humana é tamén importante.

-O seu equipo traballa sobre un parasito desta especie invasora. ¿Pode avanzarnos algún resultado desta liña de investigación?
Son varios os parasitos que poden atacar á vespa velutina, pero son especies europeas, e polo tanto, tamén poderían atacar a outras especies de insectos tanto en Francia como en Europa. Polo tanto, é difícil que se poda recorrer á loita biolóxica contra a vespa velutina mediante o uso dun destes parasitos, pois tamén prexudicarían a outros insectos.

-Tamén estades a investigar na Universidade de Tours un atraente selectivo mediante o uso de feromonas. ¿En que consiste?
Creo que un dos mellores métodos de loita contra a vespa velutina é unha trampa eficaz e, sobre todo, que sexa selectiva para que non atrape outras especies de insectos.

 “Estamos testando moléculas da feromona de alarma da velutina para ver cales son máis eficaces”

A nosa pista é a feromona de alarma, que debería ser eficaz para atraer á vespa asiática, principalmente ás obreiras, e poder atrapalas nas trampas. Xa logramos identificar esa feromona de alarma que emprega a vespa velutina nigrotorax e neste momento estamos a testar as moléculas desta feromona para ver cal é ou cales son as que atraen máis ás vespas asiáticas.

A nosa previsión é que no ano 2019 deberíamos ter xa lista unha trampa potencialmente eficaz e selectiva. E a súa posta no mercado, se todo vai ben, debería preverse para o ano 2020.

-Os apicultores agardan que os científicos aporten unha solución rápida e eficaz ao problema da avespa asiática. A parte da feromona, ¿cales son as liñas de investigación máis prometedoras?
Dende o Institut de Recherche sur la Biologie de l’Insecte (IRBI) estamos a traballar en varias liñas de investigación. En canto á loita, a descuberta dunha trampa de feromonas, en concreto da feromona de alarma, é sen dúbida a liña de investigación máis prometedora.

Pero tamén imos comezar a estudar as feromonas sexuais, co obxectivo de crear outra trampa. Desta forma, a primeira, que levaría unha feromona de alarma, serviría para protexer un sitio, como unha alvariza, escorrentando ás avespas asiáticas. Pola contra, a trampa feita con feromonas sexuais, serviría para atraelas e, polo tanto, para loitar contra esta especie.

“Imos comezar a estudar as feromonas sexuais, co obxectivo de crear outra trampa”

Ademais, presentamos un proxecto de investigación sobre a utilización de drons equipados de cámara térmica para intentar detectar o máis axiña posible aos niños de velutina nas árbores a fin de destruílos.

-¿A xenética ou a consanguinidade tamén é un punto feble da Vespa Velutina en Europa?
Si. Este animal presenta un fenómeno de consanguinidade debido a que se reproduciu en Europa pero a partir dunha soa raíña ou dun número moi reducido de raíñas.

A consecuencia para as colonias é que producen machos ou abázcaros diploides en vez de femias. O feito de que produzan estes machos en vez de obreiras diminúe as capacidades das colonias: menos obreiras producidas significa un niño máis pequeno, larvas peor alimentadas…etc. Igualmente, provoca que se produzan menos futuras raíñas.

Se estes machos diploides se acoplan con femias, estas van obter espermatozoides diploides e producir, en consecuencia, unha descendencia triploide estéril. Isto podería afectar a esta especie invasora e reducir a súa capacidade de seguir espallándose.

-Agardando a solución definitiva, ¿que métodos de protección das albarizas se comprobou que son máis eficaces en Francia?
O sistema máis selectivo é o apicultor que mata as velutinas cunha raqueta. Pero esta técnica eficaz e moi selectiva leva moito tempo e polo tanto é difícil que a apliquen moitos apicultores.

Queda a protección mediante trampas, pero como estas non son selectivas, considero que só as deberían empregar as persoas que deben protexer un sitio, como unha alvariza, onde se observaron velutinas.

“Desaconsello o trampeo preventivo a gran escala nunha zona”

Desaconsello o trampeo preventivo a gran escala nunha zona porque terá consecuencias moi negativas sobre as especies de insectos locais e, probablemente, pouco impacto sobre a vespa velutina. Polo tanto, só recomendo o trampeo para os apicultores que queiran protexer os seus apiarios onde si se detectou a velutina.

Por outra parte, é posible modificar as trampas para que sexan máis selectivas, independentemente do tipo de líquido atraente que se empregue. Abonda con impedir que os insectos afoguen no atraente e abrir as trampas todos os días para liberar os insectos capturados, se non hai velutinas. Pero tamén son consciente de que isto leva tempo e de que non todos os apicultores o poden facer.

-¿Recomenda retirar e destruír os niños de velutina e en que condicións?
Todos os niños detectados deberían ser eliminados por profesionais e aconséllase facelo ata Nadal. Algúns destes niños poderían conter raíñas hibernadas durante o inverno, o que podería levar a pensar que se deberían retirar todos os niños en calquera época do ano, pero isto aínda habería que demostralo. E precisamente sobre iso estamos a realizar un estudo.

-¿Considera que a Comisión Europea está a tomar en serio o problema desta especie invasora?
Coido que si. A vespa velutina foi clasificada como especie invasiva. Por outra parte, a Comisión solicitou no 2017 un proxecto de investigación para protexer as abellas en Europea, e entre as ameazas citaba a vespa velutina.

Eu tamén solicitei a creación dun consorcio europeo de investigadores para responder a esta petición da Comisión e de feito hai unhas tres semanas presentei o primeiro dossier.

Este consorcio agrupa a investigadores de 9 países europeos e tamén de China. E se o noso proxecto logra financiamento, poderíamos investigar diversos aspectos sobre a avespa asiática, sobre os seus impactos na apicultura, por que mecanismos, que outros riscos ademais da predacións pode representar a velutina para as abellas, como xestionan o problema os apicultores, cartograficar a súa presenza en Europa, crear unha plataforma europea para achegar información e compartir os coñecementos co público e poñer a punto métodos de loita eficaces.

“Presentei á Comisión Europea un proxecto dun consorcio con 50 investigadores europeos e de China para atopar solucións efectivas”

Este consorcio agrupa a máis de 50 investigadores e debería permitir solucionar os problemas que causa a vespa velutina. Pero cómpre que o noso proxecto sexa aceptado pola Comisión Europea, e iso saberémolo este ano.

-Precisamente, ¿Falta coordinación entre os investigadores da Unión Europea?
Como dixen, eu intento poñer en marcha un consorcio de investigadores europeos e chineses para traballar de forma coordinada. Se acadamos o financiamento da Comisión Europea penso que deberíamos atopar solucións ao problema desta especie invasora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información