As mulleres apicultoras e o mel 5 estrelas, protagonistas da Mostra Galega de Apicultura

As mulleres apicultoras e o mel 5 estrelas, protagonistas da Mostra Galega de Apicultura

Asemblea de AGA este sábado en Arzúa

A Mostra Galega de Apicultura, que se celebrou este sábado en Arzúa tivo como protagonistas ás mulleres apicultoras, cada vez máis presentes neste sector, tradicionalmente masculino. Outro dos temas centrais da xornada foi a valorización dos productos da colmea coa posta en marcha do Concurso de Meles do País que premiará ós meles gañadores cun selo “5 estrelas”.

Unha representación de socias da Asociación Galega de Apicultura (AGA), entidade organizadora da mostra, expuxeron as súas experiencias dende diferentes perspectivas, coa intención de servir de referencia para outras mulleres, tanto para motivar ás que están comezando como reforzar ás que xa levan longo percorrido.  Dulce Barro, apicultora experimentada e vogal da directiva de AGA, falou de como tomou o relevo neste oficio da man da súa nai, do importante legado que recibiu e que quixo conservar. Jara Varela, unha nova apicultora en ecolóxico e especializada na cría de raíñas, falou das posibilidades que ofrece a apicultura pero tamén das dificultades á hora de conciliar vida familiar e laboral, ó igual que en moitos outros sectores. Maruxa Blanco, unha recén incorporada abelleira, relatou como foron os inicios e as dificultades que se atopou polo camiño, pero satisfeita e con moita motivación. E Mª Fé Sixto, a terceira xeración dunha familia apicultora, relatou como tomou o relevo apostando pola profesionalización e as técnicas que foi aprendendo para mellorar a comecialización do seu mel, varias veces gañador das catas de IXP Mel de Galicia.

Creación do Concurso de Meles do País

Durante a xornada a asociación presentou interesantes proxectos destinados á valorización e a diversificación dos produtos apícolas. O voceiro de AGA Suso Asorey presentou o Concurso de Meles do País e animou ós socios e socias a participar para a colleita de mel do 2019 e lograr a calificación de mel 5 estrelas, unha distinción que axudará a aumentar o valor do produto.

Joaquín Lozano, veterinario de AGA explicou a importancia de analizar o mel para mellorar o coñecemento do produto, o cal poderán facer os socios e socias a través do laboratorio apícola que poñerá en marcha AGA para o mes de setembro.  Finalmente,  Paula Souto, técnica de AGA, expuxo as características das feiras do mel, unha das vías que teñen os abelleiros e abelleiras para comercializar os seus productos, e que AGA quere continuar apoiando tal como anunciou Souto coa convocatoria da próxima edición da Feira dos Produtos Apícolas de Allariz para o 15 de setembro.

Na exposición no Centro do Queixo e do Mel, as persoas asistentes  puideron degustar unha gran variedade de productos apícolas, queixos de diferentes tipos e a novidosa cervexa con mel de Estrella Galicia e os máis pequenos participaron nunhas divertidas actividades para aprender sobre a importancia das abellas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información