Moi boa colleita de mel de eucalipto na costa e máis frouxa en zonas do interior dependentes do carballo e o castiñeiro

A produción deste ano mellora os datos obtidos nas dúas últimas campañas pero a inestabilidade climatolóxica durante o verán impediu que os apicultores do interior e da montaña tiveran bos resultados

Moi boa colleita de mel de eucalipto na costa e máis frouxa en zonas do interior dependentes do carballo e o castiñeiro

Apicultor do Valadouro (Lugo)

Resultados dispares este ano para os 3.500 apicultores galegos en función da zona na que se atopen as súas colmeas. Os produtores da zona costeira, os máis afectados nos últimos anos por pragas como a da vespa velutina, obterán este ano unha colleita récord grazas á boa floración do eucalipto, mentres que cara ao interior de Galicia e nas zonas altas de montaña especies como o carballo ou o castiñeiro fallaron e a produción será menor.

Despois de dous anos malos en canto a cantidade de mel, con reducións que mesmo chegaron ao 50% no 2017 por mor das xeadas na primavera e a seca do verán, unha parte dos apicultores galegos viron recuperarse este ano as súas colmeas con rendementos que mesmo duplican os obtidos o ano pasado.

Malia ao incremento na produción con respecto a 2018, non se prevén baixadas de prezos en Galicia naqueles produtores que venden o mel envasado nin nos que o fan amparados pola IXP Mel de Galicia, pero a coxuntura internacional, con cotizacións á baixa para a exportación a granel, castigará a aqueles outros apicultores que teñen no mercado exterior a súa referencia.

O mel galego ten prestixio e está ben valorado, pero atópase coa competencia do mel chegado de países como China, Turquía ou Arxentina, moito máis barato pero de peor calidade. A esa ameaza súmase a praga da vespa velutina, extendida xa por toda Galicia e que minguou notablemente nos últimos anos o número de produtores e colmeas. O pico de incidencia da velutina foi este ano máis tardía e os propios apicultores aprenderon a combatela e están hoxe moito máis preparados, con ferramentas como as arpas eléctricas, aínda que iso lles supuxo un incremento de custos.

Falamos con distintos produtores e representantes do sector e esta é a súa opinión sobre a colleita deste ano e sobre a situación que vive a produción de mel en Galicia a día de hoxe.

Tempo irregular e diferenzas por zonas: os efectos do cambio climático

XESUS_ASOREY_AGA_01

Xesús Asorey

Xesús Asorey, socio fundador da cooperativa Erica Mel, afincada en Arzúa, e secretario técnico da Asociación Galega de Apicultura (AGA), a entidade que aglutina a perto de 2.000 produtores galegos, salienta que este ano foi “en xeral” mellor que os anteriores, “sobre todo na Galicia costeira e na zona norte, onde hai máis eucalipto”. Sen embargo, en Ourense, a provincia con máis produción de Galicia, “foi bastante irregular, con zonas de boa colleita en primavera e outras máis afectadas pola seca, pero en xeral non foi un bo ano nesta provincia porque carballo non houbo e castiñeiro pouco”, explica.

Xesús asegura que “Galicia sempre foi terra de microclimas” pero di que agora “o tempo é cada vez máis irregular”, algo que achaca ao cambio climático, “que acentúa os microclimas e iso ten moita incidencia na produción porque igual nun lugar hai produción e noutro a 5 quilómetros dalí non hai mel”, conta.

Sobre a velutina, di que a praga “está xa por toda Galicia”, con máis presenza “nos vales dos ríos e na zona costeira” e afectando “á produción de mel, á fruticultura e mesmo poñendo en risco a vida das persoas”. “Parece que os apicultores xa non estamos tan afectados como ao comezo porque nos tivemos que buscar a vida e prepararnos para resistir os seus efectos e loitar contra ela”, asegura. Ve nas arpas eléctricas “un gran avance”. “É un método efectivo e contamos tamén con atraíntes moi baratos a base de auga, azucre e levadura de pan”, describe.

“A velutina levouse por diante un terzo dos apicultores na Galicia costeira” (Xesús Asorey, AGA)

Segundo os cálculos da AGA, a vespa asiática fixo desaparecer entre un 30 e un 40% dos produtores de mel na Galicia costeira. “A velutina fixo unha selección natural entre os apicultores e desapareceron aqueles que non se deron posto ao día, sobre todo xente maior, e os que quedamos estamos máis preparados”, argumenta Xesús.

O ataque máis forte da praga estase a producir estes días. “Neste momento hai moita velutina e as abellas están practicamente enclaustradas dentro da colmea porque se ven rodeadas e non se atreven a saír”, explica o secretario técnico da asociación, que recomenda alimentar “sobre todo aos enxamios do ano que non se deron reposto en zonas onde o verán foi moi seco e non permitiu a floración”.

Finalmente, Xesús Asorey ve “un momento delicado para a apicultura” pola competencia internacional. “Hai unha invasión de mel de baixa calidade procedente de China e de outros países como Turquía e os prezos están bastante á baixa a nivel internacional”, asegura, algo que devalúa a cotización nos distintos países europeos de xeito independente mesmo á produción existente nese ano. “En Francia e no resto de España fálase este ano de mala colleita e de baixada de prezos”, exemplifica, algo que contradí a teoría de que os prezos suben en anos de baixa produción.

Con todo, asegura que “o mel que se vende en Galicia envasado e etiquetado resiste e véndese a prezos similares aos do ano pasado”, pero prognostica que “o problema é para quen vende a granel para a exportación, onde os prezos están a ser máis baixos”, di.

A IXP Mel de Galicia sumou 40 novas altas este ano

ESTHER_MEL_STANDAR

Esther Ordóñez

A presidenta da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia, Esther Ordóñez, coincide en que este foi un bo ano “sobre todo na zona de costa, onde o ano pasado fora desastroso”. Por contra, di, “non interior hai bastante diferenza en función dos sitios” e pon o exemplo dalgunhas das comarcas con máis colmeas de Galicia, como Verín, A Gudiña ou Lobios, onde “houbo moi pouca produción”, di.

Son zonas, explica, que “dependen moito do castiñeiro e a época da candea é moi curta e este ano as choivas e tormentas estragaron a floración”. Tampouco houbo boa produción en zonas altas, di, porque “houbo tamén problemas co carballo, que precisa temperaturas nocturnas altas, que non houbo este verán”.

Nestas zonas, conta, só os produtores que apuraron o tempo de esmelgar obtiveron algo de mel. “Os apicultores que agardaron ao final sacaron media alza de agosto e setembro”, asegura.

“Agardamos unhas 600 toneladas de mel certificado, procedente de 48.000 colmeas de 300 apicultores” (Esther Ordóñez, IXP Mel de Galicia)

Esther coincide con Xesús en que “a cotización a nivel internacional está á baixa porque países como Alemania está mercando mel máis barato procedente doutros lugares e menos do producido en Galicia” pero pensa que no mercado interno galego os prezos non sufrirán cambios. “Os prezos en Mel de Galicia contamos que aguanten, sobre todo no caso daqueles produtores que teñen contrato homologado con algunha das empresas envasadoras acollidas á IXP, que non van ter problemas para manter o prezo”, indica.

Por iso a presidenta da IXP insiste na importancia de “valorizar o produto” e de “estar baixo o paraugas dun indicativo de calidade”. “Vemos que iso tamén o están notando os apicultores, este ano tivemos 40 altas de produtores na IXP”, conta. Agardan certificar este ano como Mel de Galicia 600 toneladas procedentes de 300 apicultores, que suman en total unhas 48.000 colmeas.

Unha das mellores floracións do eucalipto en 10 anos

Marifé no Museo do Mel

Marifé Sixto

Marifé Sixto é unha desas produtoras amparadas baixo a IXP Mel de Galicia. Envasa e comercializa coa marca Mel O Trobo e conta co seu propio museo do mel no Valadouro, unha das zonas con máis tradición apícola da Mariña, unha comarca onde o mel de eucalipto é predominante. Confirma que a colleita na costa será histórica. “Este ano foi un moi bo ano e temos un mel monofloral de eucalipto fantástico nesta colleita”, di.

Extraído no mes de setembro, Marifé logrou un mel monofloral de eucalipto cun 93% de pureza, cando a esixencia para ser considerado un mel monofloral sitúase no 70%. “Este ano floreceu moito o eucalipto, hai máis de 10 anos que non florecía así, e iso salvounos, porque as abellas traballaron moito a comezo do verán, nos meses de xuño e xullo, aínda que logo en agosto estancáronse”, di.

Obtivo o dobre de produción que o ano pasado, que vende a 10 euros o quilo. Ese foi o prezo fixado tamén na 32 edición da Feira do Mel do Valadouro, unha das máis antigas de Galicia, que se celebrou o pasado día 12 e que bateu récord de asistencia con 18 produtores e 1.500 quilos de mel vendidos.

“Este ano a velutina afectou menos nesta zona porque as colmeas estaban fortes” (Marifé Sixto, Mel O Trobo)

Nesta zona que comparten os concellos de Valadouro e Alfoz estanse producindo incorporacións de xente moza ao sector, nalgúns casos como actividade complementaria e aos que a boa colleita deste ano pode axudar no camiño da profesionalización. “Estamos contentos de que haxa novos apicultores que se animan a producir e iso só é posible se o prezo axuda”, di.

A comarca da Mariña foi a primeira pola que entrou a vespa velutina pero este ano a praga afectou menos ás colmeas. “Ao haber moita floración na primavera e as abellas aproveitala, cando veu o ataque forte da velutina as colmeas estaban tamén fortes e lograron resistir”, considera Marifé, que destaca a función polinizadora das abellas sobre outros cultivos que hai no municipio, como por exemplo as plantacións de froiteiras, e a labor de trampeo que os apicultores e os produtores de froita levan varios anos facendo en primavera en colaboración co Concello.

O mel ecolóxico está gañando mercado

MEL_ANTA_02_standar

David Corral

David Corral é o propietario de Mieles Anta, a maior produtora e envasadora de mel galego, con máis de 10.000 colmeas distribuidas en varias zonas das provincias de Lugo e A Coruña. A colleita para eles foi “mellor que os últimos dous anos”, aínda que “con zonas moi boas e outras non tan boas”.

David di que o tempo inestable deste verán foi o culpable deste reparto desigual. “Houbo zonas onde apertou máis o calor e quedaron máis curtas e tamén outras onde choveu bastante en agosto, por exemplo na Terra Chá, e nas que a floración tampouco foi boa”, explica.

Por contra, di, nas colmeas que teñen na zona dos Ancares e do Courel, e mesmo nas situadas en zonas máis baixas como Bóveda ou A Pobra do Brollón, “houbo moi boa produción aínda que o castiñeiro floreceu menos e durou pouco”.

En España tamén foi desigual a produción, asegura, e prevé “uns prezos un pouco máis baixos que os do ano pasado, que foron moi altos”, pero non albisca grandes descensos en Galicia, onde prognostica “bos prezos en todo caso”. Eles teñen asinado, como envasadores, contratos homologados a longo prazo con outros produtores galegos aos que lles mercan o mel.

“Sen agardar a que se producira aínda o Brexit, a baixada da libra xa nos afectou” (David Corral, Mieles Anta)

Levan anos tamén trampeando na primavera contra a velutina e di que “este ano houbo bastante, quizais veu máis tardío o pico máis forte, porque en xuño non se vía case ningunha, pero de mediados de xullo para adiante houbo bastante nas zonas nas que nós traballamos”, conta.

Mieles Anta porá a funcionar nos vindeiros meses a súa nova planta no polígono industrial de Bóveda, a onde ten previsto trasladar todas as súas actuais instalacións da Coruña. “Temos xa maquinaria aquí e a idea é envasar xa toda a produción deste ano aquí”, avanza David.

Para o responsable desta empresa de referencia no sector, “o mel ecolóxico está gañando mercado, tamén en Galicia”. “Fai anos a produción ecolóxica vendíase fóra case exclusivamente, pero hoxe o mercado galego xa tira, aínda que co produto tan bo que temos en Galicia, por exemplo na IXP, fai que a produción ecolóxica atope menos oco aquí”, di.

Esta empresa familiar adica á exportación o 60% do seu mel ecolóxico, unha menor porcentaxe no caso do convencional, co Reino Unido como un dos seus principais mercados europeos. “Sen agardar a que se producira aínda o Brexit, a baixada da libra xa nos afectou”, recoñece.

Caída dos prezos do mel a granel para Alemania

Benigno Basteiro

Benigno Basteiro

Benigno Basteiro tamén depende da exportación. Vende o mel a granel para Alemania desde hai anos e é dos que se ve afectado pola baixada de prezos do mercado internacional. “Baixaron algo e estamos agardando a ver se se recuperan porque aínda non está fixado o definitivo para este ano porque houbo un par de feiras nada máis”, explica.

Conta con 2.200 colmeas repartidas en dúas explotacións nos concellos de Viana do Bolo e Vilariño de Conso. Malia que a provincia de Ourense foi onde máis se notou a inestabilidade no tempo e na produción el tivo “unha colleita case normal” porque, di, “depende do manexo tamén, non só é a climatoloxía, entran outros factores”.

“A produción depende do manexo tamén, non só é a climatoloxía, entran outros factores” (Benigno Basteiro, apicultor de Viana do Bolo)

“A primavera respondeu moi ben, pero sobre o 10 de agosto baixaron as temperaturas e o castaño e a queiruga fallaron. Se esas floracións do verán non tiveran fallado habería unha colleita récord”, di. A queiruga, xunto co castaño e o carballo, dan orixe aos tres meles monoflorais que produce Benigno. Tamén fai polen, que igual que o mel, tamén vende practicamente todo fóra.

Outra das partes do seu negocio como apicultor profesional é a selección xenética e venda de raíñas, un campo no que leva máis de 10 anos traballando e no que é toda unha referencia a nivel estatal.

A avispiña empeorou a escasa floración do castiñeiro

Alberto Uría diante do seu centro de traballo en Negueira de Muñiz

Alberto Uría

Tamén se adica a formar a apicultores por toda España Alberto Uría, que ten as súas colmeas na zona de Negueira de Muñiz, no val do río Navia, a cabalo entre Galicia e Asturias. “Na miña zona este ano foi moi frouxo pola inestabilidade do tempo. A primavera foi bastante boa pero no verán non houbo estabilidade atmosférica, así que desde xullo até setembro as abellas case non fixeron nada. Isto é unha cadea, as abellas estiveron paradas agardando polas prantas e as prantas estiveron paradas agardando polo tempo para a floración”, argumenta.

“A min nesta zona o castiñeiro aféctame moito e a avispiña está facendo moito dano porque afecta á flor e nun ano malo coma este na floración do castiñeiro polo tempo nótase aínda máis porque nun ano con boa floración hai moita candea e nótase menos a merma pola avispiña”, xustifica. Sobre a evolución da praga di que “no val do Navia non hai tanta coma no Courel pero xa hai bastante avispiña”.

Con todo, conta, “a colleita de mel non vai ser tan mala coma a de 2018, que foi a peor en 30 anos”, asegura, e con resignación di: “hai que collelo como vén e agardar pola do ano vindeiro con máis ilusión”. Mentres, segue traballando no centro de interpretación sobre o oficio dos abelleiros que este mesmo ano abriu en Pena da Nogueira.

Alberto aposta por un mel diferenciado, un produto de autor de edición limitada para un público que valora tanto a súa calidade como a historia que agocha detrás. Comercialízao baixo as marcas Outurelos e Miel del Cortín.

A velutina está atacando moi forte onde non se fixo trampeo 

MANUEL_MEL_GOENTE_EUME_HORIZONTAL

Manuel Ferreira

Manuel Ferreira é o presidente da Casa do Mel de Goente, unha referencia desde fai 16 anos para os apicultores da comarca do Eume. Coma na Mariña, no norte da provincia coruñesa a colleita de mel de eucalipto foi “boísima, facía anos que non había unha colleita tan boa”, asegura.

Cara ao interior, sen embargo, “a floración da silveira e da queiruga foi regular e castiñeiro non houbo nada”, di. “Houbo 15 días de nordesía en agosto, que é cando as abellas traballan a queiruga na montaña”, explica. Sen embargo, a calidade vai ser excelente. “Estamos nunha zona moi húmida e outros anos se o verán é húmido hai algúns problemas aínda que na esmelga collas os panais aperculados”, conta Manuel.

Na súa comarca, que foi tamén zona cero da velutina, a vespa asiática atópase agora no seu pico anual. “A velutina está agora atacando moi forte, pero é por zonas, onde se fixo un trampeo bo na primavera a presión é menor, pero onde non se fixo é unha invasión”, di. “Está claro que de momento, mentres non haxa outros métodos mellores para loitar contra ela, o trapeo é a única solución efectiva”, asegura.

O prezo da cera está a subir un 15% anual

José Bailón

José Bailón

José Bailón é un dos socios de Apilarouco, unha asociación que imparte formación apícola na serra do Larouco. Malia que na provincia de Ourense, a de maior produción de Galicia, houbo de todo, José salvou a colleita. “Foime ben, mellor que no 2018, sobre o que practicamente dobrei a produción. O 2017 fora tamén pésimo”, lembra.

Aumentou este ano 15 colmeas e ten agora 70, das que obtivo 1.200 quilos de mel fronte aos 700 do ano pasado. Pero os seus veciños quéixanse. “A xente nesta zona di que foi un mal ano, aínda que ás veces hai produtores que din que hai pouco mel como estratexia para subir os prezos”, indica.

En todo caso, di, “o mel está subindo entre un 3 e un 4% anual” fronte ao importante encarecemento dos custos de produción. Pero o mercado vai máis lento na actualización do prezo de venda. “Porque non vendemos en bloque”, achácao.

Un deses factores de encarecemento da produción foi a suba da cera, que aumentou de prezo nos dous últimos anos un 30%. “O prezo da cera subiu moito, un 15% cada ano”, di. Vendíase de media a 8,5 euros o quilo no 2017 e pasou a 10 euros no 2018 e a 12,5 euros de media neste ano, dependendo da súa pureza. Trátase dun gasto importante. No seu caso, co volume de colmeas que ten, supera os 1.000 euros. “Merco 100 quilos de cera ao ano”, conta.

“Grandes marcas de fóra de Galicia mercan mel nas provincias de Lugo e Ourense para mesturar con mel de China ou de Arxentina, que son máis claros e baratos, para escurecelos e vendelos mellor” (José Bailón, Apilarouco)

Outro dos gastos importantes que fixo este ano foi a compra de arpas eléctricas para loitar contra a velutina. “Gastei case 3.000 euros en arpas, pero ao final compenseinos co aumento da produción deste ano”, di. “O importante é que non che morran colmeas porque iso ten dobre custo, porque gastas en mercar outra para repoñer a que morreu e logo tes menos produción, polo que gastas 130 ou 140 euros na colmea nova e perdes os 100 euros de mel que che tería que ter feito a que che morreu”, argumenta.

Alerta finalmente da picaresca de “grandes empresas de fóra de Galicia que mercan mel escuro procedente das provincias de Lugo e Ourense para mesturar con outros máis claros, do sur de España, de China ou de Arxentina, que saen a 3 euros postos aquí, para escurecelos e que teñan mellor saída comercial”, di.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información