Mel Nogueira-Conde: Un exemplo do boom da apicultura na montaña ourensá

Miguel Nogueira e Marcos Conde exemplifican o tirón que está a ter a apicultura nos últimos anos na montaña de Ourense, en concreto no concello de Manzaneda. Así é como traballan

Mel Nogueira-Conde: Un exemplo do boom da apicultura na montaña ourensá

Marcos Conde nun dos seus apiarios

Marcos Conde, de 43 anos, e Miguel Nogueira, o seu sogro, exemplifican o boom que está a ter a apicultura na montaña de Ourense nos últimos anos, favorecido polas boas condicións de flora da zona e polos elevados prezos que está a acadar no mercado o mel galego de calidade.

No seu caso comezaron hai 5 anos mercando 5 colmeas e hoxe contan con 250 en produción repartidas por 9 apiarios, situados fundamentalmente no concello de Manzaneda, pero tamén noutros limítrofes como San Xoán de Río e Pobra de Trives.

“Traballo a tempo completo na Cooperativa Amarelante, dedicada á recollida e transformación da castaña, pero vendo que outros amigos empezaban a poñer colmeas empeceime tamén a interesar polas abellas, a formarme na Asociación Galega de Apicultura (AGA), e tamén con outros apicultores e por internet. Vimos que o investimento inicial non era moi grande animámonos a empezar”, explica Marcos.

Dende entón cada ano foron dobrando tanto o número de colmeas como a produción, favorecidos por un contexto de mercado moi positivo para o mel galego, con máis demanda que oferta.

Miguel Nogueira, orixinario de Navea, unha aldea de Trives na que había máis tradición apícola, foi o encargado de mercar as primeiras 5 colmeas a un apicultor de Quiroga e nos seguintes anos foron aumentando, tanto mediante a cría de enxames propios como mediante a compra a un apicultor profesional de Zamora. “Este ano merquei 26 enxames en Zamora, coa súa guía sanitaria e coa súa factura. É un apicultor profesional que se adica só a producir enxamios e vende máis de 1000 ao ano, a uns 70 euros máis IVE. Dános unhas garantías e os resultados están sendo bos”, explica Marcos.

As excelentes cualidades da zona para a produción apícola permitiron que o ano pasado as súas 250 colmeas produciran uns 3.500 quilos de mel. Así, afirma que “nesta zona a unha colmea boa con 80.000 abellas en boa produción podes sacarlle 60 kilos de mel. Pero a media baixa pois hai colmeas vellas que producen moito menos”.

A clave para estas boas producións están na boa orientación de Manzaneda, un concello exposto ao nacente e protexido dos ventos do norte, e sobre todo na riqueza floral da zona: “Temos un paraíso para a apicultura -recoñece-: as abellas comezan pecoreando en abril e maio na queiruga roxa, logo na branca, seguen en xuño coa flor da silva, e en xullo coas candeas do castiñeiro, con distintas variedades que permiten ter unha floración escalonada, e xa en agosto temos a melada do carballo rebolo. E a isto temos que engadir a multitude de plantas medicinais que hai nos nosos montes”.

As boas produccións tamén se ven favorecidas pola ausencia da vespa velutina por estas montañas e polo case nulo uso de pesticidas e herbicidas. “O ano pasado detectamos algún niño na Navea de vespa velutina, que seguramente chegou seguindo o curso do río dende o val de Quiroga, pero de momento non avanzou máis”, afirma Marcos.

Mel multifloral natural e sen pasteurizar

O mel Nogueira-Conde busca conservar estas propiedades naturais, poñendo no mercado un mel multifloral e sen pasteurizar, sendo o único proceso ao que se somete a extracción mecánica, o decantado nun bidón durante uns 15 días e o envasado.

A comercialización realízana por dúas vías: a venda a granel, neste caso á empresa Apícola González Carballal, de Ourense, uns 2.500 quilos, cuns prezos que o ano pasado acadaron os 5 euros máis IVE o quilo, e a venda directa do mel envasado, cun límite de 1.000 kilos que establece a normativa de venda de producción primaria da Xunta de Galicia, ao non tartarse de apicultores profesionais.

En canto ao mel envasado, Marcos explica que “vendémolo tanto en feiras, na propia Manzaneda a veciños e visitantes que veñen de vacacións no verán e tamén facemos envíos fóra de Galicia, algún ata Barcelona”. O prezo do bote é de sobre 7 euros o quilo, unha cantidade que considera “que de aí non debería baixar porque é un produto de grandísima calidade”.

O mel tamén vai para amigos e familiares e como pago polo aluguer das fincas nas que teñen os apiarios. “É unha forma tradicional de pago e creo que está moi ben”, remarca este mozo apicultor.

En canto aos coidados, rara é a semana do ano na que Miguel e Marcos non revisan as colmeas: “Na primavera tes que ir máis veces para ver como están e colocar alzas. E despois de castrar, en setembro, poñémoslle un almibre como alimento complementario para desta forma estimular a raíña a que poña e así haxa abella nova para pasar o inverno. Tamén nesa época colocamos as tiras contra a varroa, que non quitamos ata xaneiro ou febreiro, época na que volvemos abrir as colmeas para botar unha ollada e poñerlle unha comida sólida, máis proteica e con vitaminas, para fortalecelas e empezar a traballar ben na primavera”.

De cara ao futuro, tanto Marcos como Miguel non teñen previsto incrementar a cabana apícola pero si mellorar no rendemento por colmea. “Queremos manternos nesas 250 colmeas porque para nós a apicultura é unha actividade complementaria pero queremos ter as abellas que podamos atender ben. A clave é que as colmeas que teñas estean ben atendidas e sexan produtivas”, conclúe.

Por último, anima á xente nova a emprender na apicultura, “pero sempre formándose previamente e empezando con poucas colemas, sen esquecer que lles hai que dedicar tempo”. “E por suposto, mercar as colmeas a profesionais de confianza que ofrezan garantías tanto sanitarias como da raíña”, subliña.

Para máis información: n_nogueira@hotmail.com

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información