Mel do Saldoiro, máis de 80 anos producindo mel de excelencia

Antonio Gómez Tapia ve a apicultura como unha tradición familiar, un legado que lle deixou seu pai e que xa comezara seu avó. Hoxe é un dos produtores con maior prestixo de Galicia, pola calidade do seu mel, premiado en repetidas ocasións e que produce en once apiarios e unha antiga alvariza

Publicidade
Mel do Saldoiro, máis de 80 anos producindo mel de excelencia

Antonio Gómez Tapia na alvariza que teñen no Sisto (Dozón).

Antonio Gómez Tapia é a terceira xeración de apicultores desta familia, logo de que seu avó comezase coas abellas xa no 1936. Dende aquela, non deixaron de producir mel, e das 80 colmeas que xestionaba seu avó foron incrementando ata chegar ás máis de 350 que ten agora este apicultor entre os montes de Lalín e Dozón, en terras do Deza. Mel do Saldoiro é, ademais, un mel que conta con numerosos recoñecementos á súa excelencia, o último recibiuno a finais do pasado ano cando o seu monofloral de flor de castiñeiro logrou a distinción de ouro na última edición da Catas do Mel de Galicia.

“Meu avó comezou envasando o mel en botellas de viño e vendéndoo na taberna”

“O mel e a apicultura é xa unha tradición nesta familia”, recoñece Antonio. Foi seu avó, Antonio Gómez Carral, quen logo de regresar da emigración en Cuba, decidiu abrir unha taberna e comezar coa apicultura. De man do coñecido como o “cura das abellas”, Benigno Ledo, párroco natural de Chantada e experto na materia, comezou a interesarse polas abellas. “Empezou envasando o mel en botellas de viño e vendendoo na taberna. O problema era que lle cristalizaba e logo non o daban sacado delas”, apunta o apicultor.

Aínda que comezou con algún cortizo, as ensinanzas a carón do cura motivaron que pronto comezase a traballar con colmenas Layens, un tipo de colmenas de orixe francés que foron introducidas en Galicia por parte deste sacerdote. “Daquelas eran as primeiras colmenas que se vían na zona”, comenta Antonio.

Antonio engadiu distintivos ás súas colmeas para identificalas con facilidade.

Antonio engadiu distintivos ás súas colmeas para identificalas con facilidade.

Aínda que se criou apegado á apicultura, foi en 1996 cando Antonio tomou o relevo a seu pai, que levaba dende a década dos 60 como apicultor, e comezou a facerse cargo dos apiarios. Ademais de incrementar o número de colmeas, Antonio tamén optou por ir renovandoas e substituíndoas por colmeas tipo Langstroth, as máis popularizadas na actualidade en Galicia. Hoxe, conta con máis de 350 colmeas repartidas en 11 apiarios, de entre 40 e 50 colmeas, aínda que algún chega ás 70.

El mesmo se encargou de construír boa parte destas colmeas. Isto permitiulle facer colmeas diferenciadas ás que se comercializan, nun afán de intentar disuadir do roubo destas, ademáis imprime distintivos para poder identificar de que ano son e distinguilas. “Agora cada vez teño menos tempo e deixei de facelas, pero a maioría foi cousa miña”, comenta. Antonio compatibiliza a apicultura con atender dúas granxas de polos, xunto a seu cuñado, á par de continuar rexentando a taberna que abrira seu avó.

Alvariza-Apiario-Mel-do-Saldoiro-Lalin-

Na alvariza teñen arredor de 30 colmeas.

As vantaxes da alvariza

Xunto ós apiarios repartidos en montes de Lalín e Dozón, conta tamén cunha alvariza sita no Sisto (Dozón). Esta construcción centenaria, que inicialmente se empregaba para protexer o apiario, sobre todo das incursións do oso, segue a ser unha localización ideal a día de hoxe aínda que non teña xa esa función.

“A alvariza está moi ben situada e é unha pena non seguir empregándoa aínda que dea máis traballo”

Estar situada nunha zona baixa, resgardada dos ventos dominantes e con auga cerca fan desta alvariza un emprazamento ideal para as abellas, como indica Antonio. “Está moi ben situada e é unha pena non seguir empregándoa aínda que dea máis traballo ó contar cun só acceso que, ademais, é unha pequena porta”, explica o apicultor.

Xa seu avó empregaba a alvariza para dispoñer alí as abellas e neste tempo apenas tiveron que afrontar ningunha actuación nela xa que se atopa moi ben conservada. Dous grandes buxos medran dentro desta alvariza e dan boa conta tamén da antigüidade da construción de pedra, á par que ofrecen sombra a unha pequena lousa que sobresae no muro e que contan que empregaban para sentarse a observar as abellas.

Gran demanda de mel e descenso da produción

Mel-do-Saldoiro-Lalin-

Ademais do mel monofloral de castiñeiro e multifloral tamén comercializa mel con noces.

Máis de 80 anos na produción de mel fan que “teñamos moitos clientes de toda a vida que volven ano tras ano”, comenta Antonio. Contan cunha produción de entre 4.000 e 5.000 kilos de mel ó ano, da que máis do 50% é de flor de castiñeiro. Nos últimos anos viron reducida a súa produción, sobre todo, debido ás condicións meteorolóxicas. “O ano pasado xusto cando a flor da uz estaba aberta veu mal tempo e as abellas non puideron aproveitala, e o mesmo pasou coa flor do castiñeiro”, recorda o apicultor.

O mal tempo do último ano en plena floración da uz, xunto coa avispiña do castiñeiro condicionaron a produción

Tamén comezan a notar na zona o efecto da avispiña do castiñeiro así como a presenza da vespa velutina. “Noutras zonas xa levan máis tempo con moita velutina, e aquí de momento este foi o primeiro ano que tivemos presenza nos apiarios”, indica o apicultor. Por iso, este ano ademais de empregar trampeos con líquido nos distintos apiarios, optou por colocar excluidores entre o fondo e a cámara de cría no mes de novembro, na mentres non había zánganos na colmea. A presenza da velutina tamén motivou que estude comezar a alimentar puntualmente as súas colmeas logo de sacarlle o mel, unha práctica que ata o momento non cría necesaria.

O mel, tamén na taberna

Toda a súa produción comercialízana envasada e “nunca nos chega ó final da tempada, vendémolo todo antes de contar co mel novo”, apunta. Dispoñen de botes de medio kilo ou 1 kilo de mel multifloral así como de mel monofloral de castiñeiro (bote de 500gr) que venden a un prezo que se sitúa entre os 10 e 5,5 euros. Xunto a estas variedades tamén preparan arredor duns 800 botes ó ano de mel con noces procedentes de Lousada (Guntín).

Antonio-Gomez-Apicultor-Lalin-Mel-do-Saldoiro-Taberna--

A Taberna do Tais é un dos puntos onde se vende o Mel do Saldoiro.

A maior parte do mel véndeno en Galicia, aínda que tamén envían algún a outras zonas de España como Madrid, Barcelona ou Asturias. Como xa comezara facendo seu avó, a taberna, situada na parroquia lalinense de Alvarellos, segue a ser o mellor punto para a venda do mel, aínda que tamén o comercializan en tendas de alimentación especializadas ou mesmo da man da queixería Pazo de Anzuxao, asentada tamén en Lalín.

Doce anos de premios

Nestes anos de traxectoria, Mel do Saldoiro é un dos habituais en canto a distincións pola súa calidade tanto nas variedades multiflorais como monoflorais. Así, dende que no 2002 comezara o celebrarse o certame de Catas de Mel de Galicia, levan recibido case unha vintena de recoñecementos. Xa no mesmo 2002, Tais Gómez, o pai de Antonio, recollía unha distinción de bronce. Dende aquela atesouran xa tres ouros (2009, 2012 e 2018) así como dúas pratas para a súa variedade multifloral tanto no 2012 coma no 2017, á par de varios bronces e diferentes distincións. Porén, “o mellor recoñecemento é o cliente que volve ano tras ano por mel e ven preocupado por se xa non che queda”, recoñece Antonio.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información