Mel de Galicia prevé un incremento dos prezos do mel debido ao descenso da produción

Mel de Galicia prevé un incremento dos prezos do mel debido ao descenso da produción

O Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia prevé un descenso da produción este ano de arredor dun 30%, debido a “un ano atípico no que respecta á climatoloxía, cunha primavera excesivamente chuviosa e un verán extremadamente seco”, que impediron ás abellas aproveitar as floracións.

“Na zona da costa de Galicia o ano pasado os apicultores tiveron unha colleita bastante boa, pero este ano hai descensos de entre un 30 e un 50%, mentres que no interior de Galicia houbo zonas nas que o ano pasado non houbo colleita de mel debido ás xeadas de primavera, e este ano foi mellor, con medidas de 15 kilogramos por colmea”, explica Esther Ordóñez Dios, presidenta da IXP Mel de Galicia.

A cuantificación deste descenso con respecto á colleita do ano pasado confirmarase a finais do ano con todas as declaracións de produción entregadas polos apicultores inscritos na IXP Mel de Galicia.

Este descenso prevese que se traduza nun descenso dos kilogramos de mel certificados. “Nun ano normal o Consello Regulador ven certificando uns 600.000 quilos e nun ano malo sobre 300.000, pero aínda é cedo para falar dunha cifra porque as envasadoras acopian mel para garantir o subministro aos clientes”, explica.

Os prezos ao apicultor soben ata os 5 euros o quilo

O que si se confirma é que a menor produción, unida a unha maior demanda do mel de Galicia, estase a traducir nunha suba dos prezos do mel. Fálase dunha media de 5 euros por kilo en orixe, mentres que nos meles máis escuros e con maior conductividade podería subir a 5,20 e incluso máis.

“Imaxino que isto repercutirá nun aumento de prezo para os produtores pero tamén nos lineais de venda ao consumidor final. Esperamos que os consumidores sigan apostando pola calidade e pola orixe do mel certificado pola IXP Mel de Galicia, apoiando tamén o imprescindible labor das abellas para a biodiversidade como polinizadores que son”, asegura Esther Ordóñez.

Reunión do pleno do Consello Regulador para baixar as cotas dos apicultores

En pleno ordinario celebrado o martes 2 de outubro, tratouse a preocupación do sector ante este descenso na produción que non solo afectará aos produtores se non tamén ás envasadoras para atender a demanda do mercado.

Por outro lado, e cos datos oficiais na man das declaracións de produción, celebrarase un pleno no que se revisarán os valores de produción e aplicarase a redución que corresponda nas cotas dos apicultores inscritos na IXP Mel de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información