Medidas para mellorar a sanidade nas colmeas

Resumo da ponencia de Ester Ordóñez Dios, veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia, na xornada organizada pola Asociación Apícola Ourensá sobre profilaxe e sanidade nas colmeas e alimentación complementaria

Medidas para mellorar a sanidade nas colmeas

É preciso revisar e limpar os fondos sanitarios e depositar os restos nunha bolsa para a súa posterior queima

A falta de medidas de profilaxe é un dos maiores causantes de perdas de colmeas e de descensos na produción de mel. A profilaxe non é máis que seguir unha serie de medidas de prevención que nos permitirán ter unhas colmeas máis sás, máis produtivas e non espallar enfermidades.

Neste sentido, Ester Ordóñez Dios, veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia, explicou as medidas clave de profilaxe e sanidade nas colmeas na xornada organizada o pasado mes de marzo en Trasalba (Amoeiro), pola Asociación Apícola Ourensá.

Podemos dividir as medidas de profilaxe en tres grupos:

-Operacións de rutina.

-Mantemento das condicións da colmea.

-Profilaxe sanitaria.

1) Operacións de rutina:

Na saída do inverno-primavera:

-Limpar os fondos sanitarios, depositando o seu contido nunha bolsa para a súa posterior incineración. Se se ciscaran polo chan do apiario constituirían o caldo de cultivo de bacterias, fungos, couza…etc. Ter fondos sanitarios sen limpar é peor que non telos.

-Renovar as ceras, eliminando os panais vellos que poden constituír focos de enfermidades como a nosemose…etc.

-Comprobar a infestación de varroa.

-Preparar a cámara de cría.

En calquera época do ano:

-Revisar e detectar as colmeas febles, averiguando a causa (enfermidades, entrada de frío ou de choiva na colmea, pillaxe..etc) para tomar as medidas adecuadas.

-Pechar e retirar todas as colmeas mortas canto antes. Son un atractivo para a pillaxe e para a diseminación de enfermidades. Como no caso dos restos dos fondos sanitarios, a recomendación é queimar os cadros malos e desinfectar o resto do material apícola.

-Evitar a pillaxe: detéctase por restos de cera e de pelexas na piqueira.

2) Mantemento das condicións da colmea:

É moi importante a ubicación da colmea, que debe estar protexida dos ventos do norte, para que as abellas traballen mellor e con menos estrés. Tamén se debe procurar que no verán teñan sombra, para evitar o estrés por calor.

A colmea tamén debe estar ventilada e separada do chan para evitar a humidade.

3) Medidas de profilaxe sanitaria:

APICULTOR_REVISANDO_CADROSAo igual que outro tipo de ganderías débese coidar a bioseguridade. É dicir, o colmear debe estar en ciclo pechado, tendo coidado das visitas doutros apicultores (deben cambiar os guantes e as pinzas, pois poderían levar enfermidades como a loque dunhas colmeas a outras). Igualmente, o material apícola e os enxamios deben ter garantías de que non teñen enfermidades antes de introducilos no noso apiario.

-Profilaxe medicamentosas: Débese realizar un uso racional dos medicamentos e seguindo as pautas marcadas polo veterinario e polo fabricante, co obxectivo de evitar a presenza de residuos e que se creen resistencias. Dende hai anos o uso de antibióticos está prohibido en apicultura, para tratar enfermidades bacterianas como a loque.

-Nas revisións do colmear as colmeas enfermas ou dubidosas recoméndase deixalas para o final, para evitar a propagación de enfermidades a través das luvas ou do material apícola. Do contrario, deberíase levar un caldeiro con auga e lixivia e lavar luvas e alzacadros despois de empregalos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información