Investigadores analizarán o potencial do eucalipto nitens para producir mel en Galicia

Investigadores analizarán o potencial do eucalipto nitens para producir mel en Galicia

Os investigadores do grupo AF4 Sergio Lamosa, Manuel Viso, Sergio Lamosa e Paula Rivas

En Galicia existen máis de 4000 apicultores e apicultoras, están rexistradas máis de 160.000 colmeas e prodúcense máis de 2000 toneladas de mel ao ano. Estes son algúns dos datos, procedentes de diferentes fontes, que investigadores do grupo AF-4 da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo reuniron nun informe dirixido a compilar toda a información existente sobre a produción apícola na comunidade autónoma e a incidencia que nesta pode ter o eucalipto.

“O estudo trata de ver cal é o potencial das especies forestais na produción melífera en Galicia, do que se sabe moi pouco”, recoñece o investigador principal do grupo, Enrique Valero. Tras esta análise inicial, explica, o seu obxectivo será agora coñecer a capacidade de producir pole e néctar dos eucaliptos, dado o seu adiantado e longo período de floración, e máis en concreto do Eucalyptus nitens, unha especie en expansión en toda Galicia.

Xunto a Valero, os estudantes da escola Manuel Viso e Sergio Lamosa e os tamén investigadores do grupo AF-4 Xana Álvarez, Francisco Abilleira e Fátima Otero participaron na elaboración deste estudo, que tiña como obxectivo “coñecer onde estamos, saber cal é a situación da apicultura, as especies forestais melíferas e do eucalipto en particular, para a partires de aí saber que faría falta estudar”, como sinala Viso.

Nese senso, Valero pon o acento en que en Galicia “existen especies cuxa contribución á produción melífera é moi importante, como por exemplo o castiñeiro”, a queiruga, o érbedo ou a “primeira árbore que florece no ano”, o eucalipto, cuxo período de floración pode prolongarse “ata catro meses”, contribuíndo así a que as poboacións de abellas “se mostren activas moi cedo, despois da quenda de hibernación e desenvolvan colonias fortes ao inicio da primavera”.

Un sector non profesional que creceu nesta década

O estudo, para o que os investigadores contaron coa colaboración do enxeñeiro de montes Abel Yáñez, que en 2001 defendeu na Universidade de Santiago de Compostela unha tese sobre a produción apícola en Galicia, reúne datos sobre a situación do eucalipto, a produción melífera e os beneficios do mel monofloral desta especie.

Do mesmo xeito, tamén aborda a distribución xeográfica da avespa velutina, cuxa “afectación nas colmeas está a ser absolutamente demoledora, se ben ao ser a floración do eucalipto anterior ao período de actividade da velutina, está a salvar moitísimas alvarizas”, recoñece Valero.

O ‘Eucalyptus nitens’, unha especie por estudar

“Podemos afirmar que o menor crecemento do sector apícola nas provincias da Coruña e Pontevedra, así como o menor crecemento de Lugo fronte a Ourense, débese ao efecto da avespa asiática, que afecta á totalidade da zona costeira”, sinala o informe. Non en van, a zona de expansión da avespa asiática, presente en toda a costa atlántica e cantábrica, é tamén a que concentra a maior parte das masas de Eucalyptus globulus.

Non obstante, estase a producir “unha substitución importante en milleiros de hectáreas de Eucalyptus globulus por Eucalyptus nitens, dada a súa maior resistencia ao frío e as pragas, como o gonipterus”, explica Valero. Esta especie atópase en puntos de maior altitude, principalmente no interior da provincia de Lugo e A Coruña, en “zonas máis frías ás que por agora non chegou a velutina”, sinala Valero. Isto supón, engade o informe, “unha ventá de vantaxe” para esta especie e estas áreas no relativo á produción de mel de eucalipto.

Neste punto, Valero incide en que se ben existen estudios científicos sobre “cales son as propiedades poliníferas e nectaríferas do Eucalyptus globulus, non se sabe practicamente nada do nitens. De feito puxémonos en contacto con colegas australianos e tampouco tiñan información”.

De aí que o grupo proxecte continuar este liña de traballo centrándose neste xénero. Una fase do proxecto de investigación, sinala Lamosa, constirá en instalar colmeas nunha masa forestal desta especie, “para obter un mel mono-varietal  producido na súa maioría por pole e néctar de Eucalyptus nitens e extraer unha información moito máis precisa da súas propiedades e potencialidades”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información