Hibernar colmeas, unha alternativa para enfrontar a velutina e o cambio climático

O proxecto Apicambio, promovido por Asefoga, elaborou unha guía con recomendacións para a adaptación do sector apícola galego ás novas ameazas ás abellas

Hibernar colmeas, unha alternativa para enfrontar a velutina e o cambio climático

Colmeas do apicultor Xurxo Domínguez, na Baixa Limia.

En países do norte próximos ó Ártico, é práctica habitual que os apicultores introduzan no inverno as colmeas en salas de hibernación, a temperaturas controladas, para protexer as abellas das baixas temperaturas do exterior, que caen por baixo dos 20 graos baixo cero. Esa mesma estratexia de hibernación pode ser exportada a Galicia cun fin distinto, o de protexer as colmeas en inverno fronte á vespa velutina e fronte algunhas das consecuencias do cambio climático. É unha das conclusións do proxecto Apicambio, desenvolvido pola Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga).

Asefoga vén de presentar unha guía na que recolle unha serie de propostas de adaptación do sector apícola galego ás novas ameazas. A guía, que foi elaborada tras unha serie de entrevistas a técnicos e profesionais do sector, propón, entre outras cuestións, desenvolver en Galicia experiencias de hibernación das colmeas como xeito de mellorar a súa sanidade e a súa defensa contra a vespa velutina no inverno.

“Temos serios problemas de ataques da vespa asiática ás colmeas entre novembro e xaneiro” (Xurxo Domínguez, apicultor)

“Unha das cousas que nos dicían da vespa asiática é que depredaba as abellas no verán, pero que a partir de outubro desaparecían os problemas. Pois ben, no Xurés estamos vendo que non se comporta así. Durante o verán, polo de agora temos un escaso impacto de ataques da vespa asiática ás colmeas, pero si estamos tendo moitos problemas nos meses de novembro, decembro e xaneiro. Nunha das miñas colmeas atopei este inverno 17 vespas asiáticas depredando abellas”, conta Xurxo Domínguez, un apicultor de Bande (Ourense) que participou na presentación da guía.

A hibernación das colmeas durante o inverno permitiría protexelas de posibles ataques da vespa velutina e proporcionaría outros beneficios a maiores. “O feito de que esteamos tendo, en xeral, invernos con temperaturas máis suaves, leva a que haxa actividade nas colmeas e consumo de recursos en épocas que non teñen flores no exterior para pecorear. A hibernación permitiría estabilizar as colmeas en inverno e darlles un descanso que agora non teñen”, explica David Sousa, un apicultor de Muiños (Ourense), tamén do Xurés, que participou onte na presentación da guía de Asefoga.

Colmeas no Xurés en inverno.

Colmeas no Xurés en inverno.

Os efectos positivos da hibernación complétanse cunha mellora da sanidade, pois facilítase así o combate da varroa. Ao non haber cría nas colmeas, os ácaros da varroa non poden reproducirse e comezaríase a primavera cunha baixa incidencia de varroa.

A reactivación das colmeas na primavera poderíase sincronizar ademais con intres nos que as abellas dispoñan xa de flores para pecorear.

O responsable de Asefoga, Jacobo Feijoo, sinala que a asociación está a buscar financiación para desenvolver un proxecto piloto de hibernación de colmeas en Galicia. Entre os apicultores, a iniciativa vese con interese, se ben hai dúbidas sobre os custos que tería a medida, principalmente en consumo eléctrico. “Cómpre analizar a que temperaturas habería que ter as abellas, estamos valorando temperaturas de 2-4 graos centígrados, e o custo que iso tería”, apunta Feijoo.

David Sousa, Jacobo Feijoo e Xurxo Domínguez, na presentación da guía con medidas de adaptación da apicultura ó cambio climático.

David Sousa, Jacobo Feijoo e Xurxo Domínguez, na presentación da guía con medidas de adaptación da apicultura ó cambio climático.

Propostas para enfrontar as consecuencias do cambio climático na apicultura

Estes últimos anos, a inestabilidade meteorolóxica asociada ó cambio climático provocou serios problemas nas colmeas. Durante o 2018, as chuvias constantes da primavera impediron que as abellas aproveitasen a época de floración; o ano anterior, as xeadas de finais de abril remataron con todas as flores e no 2016, a seca prolongada orixinou tamén dificultades para as colmeas en Galicia.

“Está habendo problemas como cicloxéneses, secas ou xeadas e nevaradas fóra de tempo que perxudican ás colmeas. Tamén se está producindo un desfase entre o ciclo de traballo das abellas e a floración das plantas, que está cambiando”, analizan os apicultores.

Para facer fronte a todas estas cuestións, o proxecto Apicambio, que nos próximos meses desenvolverá seminarios e talleres con apicultores galegos, propón unha serie de medidas. Entre elas, a maiores da hibernación, a guía elaborada con consellos de adaptación recomenda as seguintes cuestións:

Diversificar os produtos obtidos da colmea. Dado que os últimos anos estanse a saldar con baixadas da produción de mel, faise máis preciso que os apicultores profesionais diversifiquen a súa fonte de ingresos con produtos coma o polen, a xalea real ou propoleo.

Mobilidade das colmeas en distancias curtas. “Se por exemplo estamos nunha zona de val na que hai abundancia de salgueiro, que florece a comezos da primavera, e non o podemos aproveitar porque temos eses días unha cicloxénese, igual hai que pensar en mover as colmeas a unha parcela de montaña, onde haxa floración máis tardía, para que as abellas teñan flores para pecorear”, explica o apicultor Xurxo Domínguez, de Bande (Ourense).

Aposta por medidas agroecolóxicas, como o cultivo de plantas aromáticas preto dos colmenares ou a selección de abellas autóctonas. Proponse tamén a selección xenética en base a criterios coma a mansedume ou a produción de mel.

Fortalecemento dos enxamios, con cuestións coma o uso da alimentación artificial cando sexa preciso, a renovación de enxamios ou a sustitución de raíñas por outras seleccionadas.

Mellora da cooperación, formación e profesionalización do sector.

Promoción dos seguros agrarios para a apicultura.

Máis información
Guía de adaptación da apicultura galega ó cambio climático (pdf).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información