“Hai unha demanda crecente de mel e Galicia ten un gran potencial”

Entrevista a Xesús Asorey, secretario técnico da Asociación Galega de Apicultura (AGA). Adianta que "este ano os prezos do mel suban en España un 14% en en Francia até un 48%".

“Hai unha demanda crecente de mel e Galicia ten un gran potencial”

Xesús Asorey, secretario técnico de AGA.

Xesús Asorey, é secretario técnico da Asociación Galega de Apicultura (AGA), unha organización referente a nivel galego e estatal que agrupa a uns 1.500 socios e que xoga un papel fundamental na formación e no impulso da apicultura en Galicia.

En que momento se atopa o sector apícola en Galicia?
Por unha parte hai unha problemática que nos afecta (a varroa, os pesticidas neonicotinoides, cambio climático, a vespa asiática), pero por outro lado vemos unha sensibilización moito máis grande sobre a importancia das abellas.

Antes a sociedade só sabía que producían mel e que picaban, pero agora tamén é coñecedora da súa importancia para a polinización, para a produción de alimentos..etc.

“Os prezos do mel están á alza a nivel mundial e iso está animando á xente moza a incorporarse á apicultura”

Por outra parte, vemos tamén como positivo que os prezos do mel están á alza a nivel mundial, o que está animando á incorporación de xente nova á apicultura en Galicia. Hai máis demanda que oferta de mel e produtos derivados, como propóleo ou cera, e isto abre un gran potencial para Galicia.

O consumidor está a demandar produto e non hai suficiente oferta, e o que nós tratamos é de potenciar a produción. Creo que o estamos conseguindo porque nos últimos anos pasamos dunhas 80.000 colmeas en Galicia a preto de 110.000 na actualidade.

Pero tamén hai que dicir que non é unha actividade que dea uns rendementos inmediatos. É necesario un período de aprendizaxe duns tres anos: o primeiro ano empézase con poucas colmeas, practícase e métese a pata bastante; o segundo ano auméntase o número de colmeas e ao terceiro si que xa empezaría a haber un rendemento.

 “Este ano prevese que o prezo do mel suba en España un 14% pero en Francia será de máis do 40%”

En que cifras concretas se están a mover os prezos?
Os prezos do mel están bastante á alza a nivel mundial. En España prevese que este ano o prezo do mel subirá en torno a un 14%, pero en Francia estamos a falar dunha suba do 48%.

Neste sentido, dende AGA tratamos de que os apicultores actualicen os prezos pois dada a demanda que hai e a escaseza de produto é necesario subilos. Os apicultores profesionais que xa levan tempo traballando están a vivir un bo momento económico.

Ao produtor estáselle pagando o mel multifloral a granel a preto dos 4 euros, o os monoflorais a máis de 4 euros.

Este ano marcharon de Galicia cara Alemaña, e en menor medida a Francia, máis de 300.000 kilos de mel e aos prezos que se pagaron foi un bo ano para os apicultores.

A exportación a granel de mel galego, non vai en contra da IXP Mel de Galicia?
Si, pero como pagan máis para exportar os apicultores prefiren vendelo que envasalo aquí baixo a IXP Mel de Galicia. É unha cuestión de prezos.

Alemaña é o primeiro envasador mundial e demanda moito produto. Antes viña moito mel de Arxentina e de China pero baixaron moito as importacións. De China porque o mercado chinés demanda cada vez máis mel e de Arxentina porque a extensión dos cultivos de soia foi en contra das abellas e da produción de mel.

Galicia ten un gran potencial para a produción de mel, de pole e de propóleo, así como de derivados. Agora mesmo temos un problema de escaseza de cera, porque os laboratorios alemáns véñena comprar a bo prezo para cosmética e farmacia.

Como se está a abordar en Galicia o problema da Vespa Velutina?
En 2014 foi un grave problema, sobre todo na Mariña lucense. O 2014 foi un ano de moitas avespas, pero na zona da Mariña e na costa da provincia da Coruña converteuse nunha praga espectacular.

Hai un servizo da Xunta, o 012, pero cando chegaban ao sitio para retirar os niños dicían que non tiñan medios, e acabárono facendo en moitos casos os propios apicultores, poñendo en risco as súas vidas.

“Eliminar a vespa asiática de Galicia vai ser imposible, pero hai que tentar que teña a menor presenza posible”

Neste sentido pedímoslle á Xunta unha mellor dotación para o 012. Por outra parte comprometéronse a repartir trampas na primavera para capturar as raíñas fundadoras de vespa velutina, como labor preventiva.

Eliminar a vespa asiática de Galicia vai ser imposible e o que temos que intentar é que haxa a menor presenza e ataques posibles desta especie invasora.

Coa prohibición dos pesticidas neonicotinoides na Unión Europea, estades a notar unha recuperación das colonias de abellas?
Antes do ano 1994 a desaparición media anual das abellas era do 10%, e a partir da aparición dos pesticidas neonicotinoides, no 1994, a perda de colmeas aumentou até máis do 30% anual. É dicir, a desaparición foi espectacular.

APICULTURA_AGA_ASOREY_2_standar

Xesús Asorey durante unha xornada formativa de AGA.

A Axencia Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) recoñeceu no ano 2011 que eses pesticidas estaban mal avaliados e que a autorización de comercialización fora feita sobre unhas bases erradas, cunha grave afectación cara os insectos polinizadores como as abellas. E temos que ter en conta que as abellas son de vital importancia para a agricultura xa que o 84% das plantas que cultivamos necesitan de polinizadores como elas para ser viables e rendibles.

Ante esta situación, hai dous anos a Unión Europea decidiu poñer en corentena tres tipos de pesticidas neonicotinoides, moi utilizados en cultivos como o millo forraxeiro. Pensamos que nas zonas de millo de Galicia si que vai mellorar a situación, pero segue habendo desaparicións porque estes produtos permanecen no medio e perdurarán varios anos.

“Confiamos en que a Unión Europea prohiba definitivamente os pesticidas neonicotinoides”

Por iso pensamos que esa moratoria de dous anos non é suficiente e que este tipo de pesticidas non só é prexudicial para as abellas senón tamén para a nosa saúde.

Neste momento, as autoridades da Unión Europea esixíronlle ás industrias químicas que aporten estudos complementarios sobre os efectos dos pesticidas neonicotinoides, e nos confiamos que a presión cidadá a nivel mundial fará que se prohiban definitivamente.

Van a máis os roubos de colmeas en Galicia?
O problema dos roubos empezou en Portugal, e o ano pasado estendeuse á provincia de Ourense, que é onde están os apicultores con máis colmeas e coas mellores condicións para a apicultura en Galicia.

De momento, o que máis recomendamos dende AGA é contratar un seguro para as colmeas.

 “Esixirlle a un mozo que teña 250 colmeas para solicitar a axuda de incorporación é unha barbaridade”

O problema de fondo é que non hai suficiente oferta de enxames para a demanda da xente que se quere incorporar á apicultura.

E por outra parte, as subvencións de incorporación á actividade agraria poden ter un efecto pernicioso. En concreto, no caso da apicultura esíxeselle á xente moza que comece con 250 colmeas, e iso é unha barbaridade porque a persoa que comeza a súa actividade cunha cantidade así vaille ir mal seguro.

Por iso, estas subvencións están ben para un apicultor novo que herda as colmeas, pero non para unha persoa que se incorpora á actividade desde cero.

Que potencial ten Galicia para aumentar a súa produción de mel?
Se se prohibiran os pesticidas, as zonas de leite das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra poderían incrementar a súa produción de mel.

Outros factores limitantes para a produción de mel son os incendios forestais e tamén os monocultivos forestais.

En canto a ingresos, dende AGA recomendamos explotacións mixtas nas que se compaxine a apicultura coa produción de froita ou co cultivo da castaña. Vemos a apicultura máis como actividade económica complementaria que como actividade principal, porque consideramos que é un risco depender economicamente só da apicultura.

apicultor_01_standar

Apicultor traballando.

Como valorades as axudas do Plan Apícola?
As axudas aprobáronse no 1998 para combater a varroa, principalmente para mercar tratamentos aos laboratorios que son os mesmos que fabrican os pesticidas que nos matan as abellas.

“Habería que reorientar as axudas do Plan Apícola cara a investigación e a formación de novos apicultores”

Lamentamos que non se teña feito case nada en investigación nestes anos. Recoñecemos que tivo un efecto positivo no sector, pero son unhas axudas que esixen unha burocracia terrible, e para estar dotadas cunha partida de só 400.000 euros.

Ademais, pensamos que a estas axudas habería que darlle outro enfoque, para investigar e formar a xente nova, por exemplo.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información