A Feira do Mel de Baleira inclúe unha charla técnica sobre como combater a varroa de xeito natural

A fin de semana do 16 e 17 de novembro o Cádavo acolle a terceira edición dunha cita con encontro formativo de apicultores o sábado e venda ao público e obradoiros o domingo

Asistentes a unha edición anterior da Feira do Mel que se celebra en Baleira

Asistentes a unha edición anterior da Feira do Mel que se celebra en Baleira

O concello de Baleira acolle a fin de semana do 16 e 17 de novembro a terceira edición da súa Feira do Mel. O sábado haberá encontro de apicultores e charlas formativas sobre como combater as enfermidades das colmeas de xeito máis ecolóxico e eficaz e o domingo haberá venda ao público e terán lugar distintos obradoiros para todas as idades.

Organizada pola Asociación Montes e Vales Orientais, que xestiona o Programa Leader no ámbito do GDR 3, ao que pertencen 13 concellos da provincia de Lugo (A Pontenova, Meira, Ribeira de Piquín, Pol, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Baleira, Navia de Suarna, Baralla, Becerreá, Cervantes, Láncara e Pedrafita do Cebreiro), esta nova cita pretende ser un punto de encontro para os produtores destes concellos e un elemento máis de dinamización social para esta zona.

O programa inclúe actividades tanto formativas como lúdicas destinadas a apicultores e produtores da montaña lucensee e ao público en xeral que terán lugar durante toda a fin de semana no Cádavo, a capitalidade do concello.

A xornada do sábado 16 está pensada como un encontro de apicultores da zona e estará centrada na saúde das colmeas, con catro horas de formación a cargo de Alberto Uría Moreno, apicultor e docente experto en pragas e tratamentos ecolóxicos, que dará consellos para a mellora da sanidade apícola, non só como un elemento clave para unha produción rendible, senón como xeito de evitar a propagación de pragas e enfermidades por contaxio dunhas colmeas a outras.

O programa do sábado rematará cun magosto popular organizado polo Concello de Baleira a partir das oito da tarde con castañas, empanada, doces e animación musical. Será nunha carpa situada diante da casa do Concello, onde tamén terá lugar ao día seguinte a feira propiamente dita.

O domingo 17 os postos de venda abrirán as súas portas ás 10 da mañá. Acudirán produtores de toda a montaña e tamén de comunidades limítrofes como a asturiana. Malia a produción dispar de mel deste ano dependendo das zonas, agárdase unha boa afluencia tanto de público como de produtores.

Ademais da venda de mel, durante toda a mañá haberá distintas actividades para todos os públicos, coma obradoiros de elaboracións con cera, ou sobre fabricación de xabróns. Ás dúas da tarde será a entrega de premios aos gañadores do concurso de debuxo organizado nos colexios da zona.

Vantaxes dos tratamentos orgánicos fronte aos químicos

Colmeas de Alberto Uría en Robledo, en Negueira de Muñiz

Colmeas de Alberto Uría en Robledo, en Negueira de Muñiz

Alberto Uría  ten 160 colmeas repartidas entre o municipio asturiano de Ibias e o galego de Negueira de Muñiz e comercializa a súa produción baixo a marca Outurelos. Traballa ademais noutros proxectos de recuperación etnográfica e patrimonial, como o museo que abriu este ano no lugar de Pena da Nogueira, e dá cursos de apicultura e de horta ecolóxica. El será o encargado de impartir a formación técnica do sábado, dirixida a apicultores.

Alberto defende unha apicultura máis natural e en simbiose coa natureza e o territorio, que dá como resultado un mel de máis calidade e sen os residuos que deixan os tratamentos químicos empregados para o control de pragas. Por iso, tratará de concienciar aos apicultores na utilización de produtos máis naturais para o tratamento das enfermidades da colmea. “Moita xente segue usando tratamentos de síntese química para tratar enfermidades como a varroa e hai pouca conciencia sobre os residuos que moitos deses produtos deixan nas colmeas e no mel, cando hai novos tratamentos orgánicos, como o timol, o ácido axálico ou o ácido fórmico, que funcionan moi ben e son moito máis inocuos e deixan moitos menos residuos”, explica.

“Os tratamentos de síntese química son cada vez menos efectivos e deixan moitos residuos no mel. Temos que camiñar todos cara unha forma máis lóxica e ecolóxica de controlar as abellas”

Nas charlas formativas que impartirá o sábado en Baleira, explicará por exemplo como tratar a varroa con ácido fórmico. “Temos que camiñar todos cara unha forma máis lóxica e ecolóxica de controlar as abellas. Os ensaios con ácido fórmico están funcionando moi ben, pero a xente non os coñece”, asegura.

Pero ademais de explicar aos apicultores o funcionamento destes novos tratamentos, máis efectivos e menos contaminantes que os convencionais pero que ao mesmo tempo requiren de máis aplicacións, Alberto incide na importancia do seguemento e a vixiancia tanto pretratamento coma postratamento. “Hai que comprobar que os tratamentos están funcionando. A xente ten que coñecer todas as armas que ten ao seu alcance. A tira non pode ser un acto de fé e non pode ser meterllas á colmea dúas veces ao ano por simple rutina”, di.

Vixiar a colmea

Alberto fai fincapé en que é necesario “maior concienciación” tanto por parte dos apicultores profesionais como dos simples afeccionados que teñen colmeas para autoconsumo. “De nada serve que eu teña as miñas abellas moi controladas e libres de enfermidades se o veciño ten as súas sen atender. Unha colmea que morre infecta á do veciño e estamos tendo un problema moi grande de contaxios e reinfeccions”, explica.

Por iso considera que “hai que dar claves para que todo o mundo aprenda a identificar as enfermidades da colmea e consellos prácticos para atallalas a tempo”. Destaca a “prevención” e a “rápida identificación” como medida máis efectiva para loitar contra enfermidades como a varroa, o loque ou a micosis.

As enfermidades están avanzando e o seu control require un seguemento moito máis frecuente das colmeas, pero hai xente que aínda segue indo só tres veces ao ano a velas

“As enfermidades están avanzando pero moita xente coida as abellas como fixo toda a vida e iso xa non serve. Hai moita xente que ten as colmeas como simple afección e vai velas un día en Semana Santa, outro no verán para ver se teñen mel e e outro para sacalo en setembro. Así é como se facía tradicionalmente, pero iso acabouse, agora hai que estar pendentes das enfermidades e require que a xente vaia máis ás colmeas”, argumenta.

PROGRAMA COMPLETO DA III FEIRA DO MEL DE BALEIRA:

FEIRA DO MEL EN BALEIRA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información