Fallos máis comúns nos tratamentos contra a varroa e uso de ácido oxálico

Resumo da ponencia de Ester Ordóñez Dios, veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia, na xornada organizada pola Asociación Apícola Ourensá sobre profilaxe e sanidade nas colmeas e alimentación complementaria

Publicidade
Fallos máis comúns nos tratamentos contra a varroa e uso de ácido oxálico

Abellas con varroa

A varroase é, xunto ao loque e a nosemiose crónica, a enfermidade máis importante e por culpa da cal morren máis colmeas. Sen embargo, o mal manexo dos tratamentos pode provocar unha baixa eficacia e, o que é peor, a aparición de varroa resistente.

Neste sentido, Ester Ordóñez Dios, veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia, explicou na xornada organizada pola Asociación Apícola Ourensá, cales son os principais erros que se cometen á hora de aplicar os tratamentos.

Fallos máis comúns nos tratamentos contra a varroa:

-Aparición de resistencias a principios activos, como o fluvalinato.

-Uso de produtos de baixa eficacia como tratamento principal, caso do timol, sen ter un bo control sobre os mesmos.

-Existencia doutras enfermidades asociadas, como o nosema, que desorganizan a colmea, de forma que os tratamentos non son tan eficaces.

-Colocación incorrecta dos tratamentos: Colocar o tratamento tarde, cando xa existe unha alta infestación de varroa. Isto soe estar detrás da chamada enfermidade misteriosa: as colmeas morren pero quedan cheas de mel. Tamén pode colocarse mal o tratamento: lonxe da cámara de cría. E depende de cada tratamento, por exemplo a posición correcta no caso do timol é xusto enriba da cámara de cría, para que o tratamento descenda e chegue a todas as celas de cría. Ademais, nos tratamentos convencionais de tiras estas deben situarse xusto no centro, pois no inverno o niño retraese, co que as cintas quedarían fóra e perderían efectividade se se poñen nas esquinas.

Lembrar tamén que están prohibidos os tratamentos “artesanais” contra a varroa, ademais de que crean máis resistencias e non son estables nen seguros para o apicultor, para a colmea, para as abellas e o medio ambiente.

TIRAS_VARROA_COLMEAS

Tipos de tratamento contra a varroa:

1) Por contacto: Apivar, apitraz…etc. Mantéñense durante dous ciclos de cría. Actúan por contacto coa abella, polo que ten que haber movemento na colmea, de xeito que non se pode agardar á parada invernal. Pero tampouco se deben empregar con cría na colmea.

2) Por evaporación: Ácido oxálico, timol…etc. A súa utilización en pos non está permitida, teñen que ser os tratamentos autorizados. O timol por debaixo dos 15 graos de temperatura non funciona e con máis de 45, e incluso 30 graos, cristaliza; e tamén pode fomentar a pillaxe en certas épocas ao enmascarar o olor da colmea. No caso do ácido fórmico é efectivo con temperaturas de 10 graos, pero hai que ter moito coidado coa utilización, porque mal utilizado pode matar as raíñas. Co cal cada tratamento vaise empregar segundo o prospecto e varia moito dun a outro.

Recomendacións para o emprego de ácido oxálico contra a varroa

O tratamento con ácido oxálico é un dos máis empregados polos apicultores na loita contra a varroa. Trátase dun produto que deixa de ser efectivo con máis de 30 graos de temperatura e tamén por debaixo de 5 graos.

A súa utilización en pos non está permitida, e tampouco en forma sublimada, algo que sen embargo está “de moda” no sector neste momento. Por tanto, neste momento en España a única vía de aplicación legal do ácido oxálico contra a varroa é por goteo. Trátase dunha vía efectiva e os estudo científicos que hai así o demostran e din que realmente é a máis efectiva de todas as aplicacións.

No caso de arriscarse a aplicar o tratamento de oxálico mediante sublimación recoméndase aplicalo cunha mascarilla especial para produtos químicos e ter en conta as doses establecidas e a temperaturas, pois do contrario pode ser tóxico para as abellas e a cría.

 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información