Estudantes de Santiago crean una nova trampa contra a Vespa Velutina

Un grupo de catro alumnos do CIFP Politécnico de Santiago de Compostela deseñou un novidoso sistema de trampa para atrapar a vespa velutina. Explicamos outros avances en trampeo desta especie invasora que se presentaron na Mostra Galega de Apicultura

Estudantes de Santiago crean una nova trampa contra a Vespa Velutina

Trampa creada por estudantes do Politécnico de Santiago

Un grupo de catro alumnos do CIFP Politécnico de Santiago de Compostela deseñou un novidoso sistema de trampa para atrapar a vespa velutina, unha especie invasora que está a provocar importantes estragos na apicultura e no medioambiente.

O novo invento, que foi presentado en Arzúa na última Mostra Galega de Apicultura, leva por nome “Opensource Velutina”; é dicir, en código aberto baixo licenza Creative Commons, co que calquera persoa interesada pode descargar os planos e construíla, comunicando aos creadores se fai unha mellora.

José Antonio Pose, profesor do Instituto Politécnico de Santiago de Compostela, explicou que catro alumnos -Cristian Ruiz, Ricardo Miramontes, Xan Silva e Alfonso Álvarez- “deseñaron a trampa en Autocad e logo imprimírona nunha impresora 3D, utilizando un plástico biodegradable, derivado de proteínas vexetais”.

A trampa, que xa foi testada con éxito, consiste nun cilindro de plástico negro cunha entrada en forma de cono pola que se introducen as velutinas noutra cápsula interior, de forma que non poden saír. Nos laterais ten un excluidor que permite que saian outros insectos como moscas e abellas que accidentalmente podan caer na trampa.

A trampa vai acoplada á colmea, utilizando o cheiro das abellas como atraente para as velutinas

Pero, ¿Cal é a clave que a fai efectiva? “Esta trampa vai enganchada a un lateral da colmea, na que hai que realizar unha abertura do mesmo tamaño para insertalo. Desta forma chega á trampa o cheiro da propia colmea, un potente atrainte para a Vespa Velutina, que queda atrapada na trampa”, explica José Antonio Pose.

Para evitar que as velutinas podan penetrar na colmea a trampa leva incorporada unha reixa. O plástico negro co que se constrúe impide tamén que entre claridade dentro da colmea.

“Unha vez que a trampa está chea de velutina quitamos a cápsula do cilindro e mergullámola nun cubo de auga para afogar as velutinas. E xa o volvemos poder reutilizar”, destaca o profesor do CIFP Politécnico de Santiago

Outra versión da trampa non vai encastrada na colmea, senón que é para colgar e utiliza como cebo un atraente comercial ou caseiro, que tamén vai separado por unha reixa do interior do cilindro, co que a súa vida útil é maior.

En canto ao prezo, José Antonio Pose asegura que “está entre os 5 e os 7 euros, que é o que custa imprimila en 3D, e unha destas impresoras costa arredor de 200 euros, co que uníndose entre varios apicultores os custos son menores”. O modelo de trampa máis semellante a este é un francés, pero que costa uns 160 euros.

“É unha trampa moi sinxela, eficaz e barata de producir”, conclúe.

Para máis información e para descargar os planos: https://prxvelutina.wordpress.com/

“Opensource Beehives”: Constrúe a túa propia colmea e equípaa con wifi

Outro proxecto no que está a traballar o alumnado do CIFP Politécnico de Santiago é o “Opensource Beehives”  para construír a túa propia colmea.

Outro dos obxectivos é mellorar e facilitar o control das colmeas a través dun aparato que conectaría con wifi a colmea e que ofrece información útil para poder intervir na colmea, como por exemplo cando vai enxamear.

“É un proxecto de investigación que consiste en incorporar na colmea tres sensores que están conectados por wifi co noso móbil ou co ordenador e que nos manda un aviso con información sobre todos os cambios que hai no interior da colmea (humidade, temperatura, presión, ruído..etc) de forma que avisa se a colmea vai enxamear e é capaz de detectar ata 20 enfermidades diferentes”, destaca José Antonio Pose.

O outro obxectivo é que este sensor nos envíe tamén información ao móbil cando a colmea está sendo atacada polas velutinas. Para iso os alumnos do Politécnico de Santiago gravarán os sons e os parámetros ambientais de cando unha colmea é ataca polas avespas asiáticas, así como de cando caian na trampa.

“Este sistema ten un custo duns 200 euros pero mediante o proxecto Open Source Beehives podemos telo por 30 euros”, explica o profesor.

Outras innovacións: A “trampa diana” de SANVE Sistemas Antivelutina

A arpa eléctrica de SANVE

Eugenio Pichel, de SANVE Sistemas Antivelutina, presentou un modelo de trampa chamada “trampa-diana” que está en fase de proba. Consiste nun círculo branco, cun punto negro no centro que está conectado á correente, e que se coloca diante das colmeas. Nos experimentos realizados por Pichel puideron comprobar que os tártagos que se aproximan á colmea vense atraídos por este punto negro e ó achegarse reciben unha descarga eléctrica que lles provoca que atorden ou a morte.

Asegura Pichel que é unha trampa 100 % selectiva pero non pode dar resultados concretos da súa eficacia por estar aínda en fase de proba. Para iso, anima ós apicultores e apicultoras que leven unha trampa a prezo de custe a cambio de recoller información sobre o seu funcionamento e trasladarllo para o seu estudo de eficacia.

Máis información da trampa-diana na web de SANVE en www.sanve.weebly.com

Ademais, a empresa SANVE xa está comercializando un tipo de trampa eléctrica con bos resultados á que denominan centro de desinsectación, que pode ser utilizada diante das colmeas como protección ante o ataque da velutina e tamén independente a estas. Trátase dunha dobre arpa, que utiliza un cebo que se coloca no interior.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información