Descobren que os niños de Vespa velutina seguen activos en inverno e deben ser retirados

A investigación realizada por Xesús Feás Sánchez e Rebecca Jane Charles conclúe que os niños de avespa asiática en Galicia seguen activos durante o inverno, polo que cómpre retiralos

VELUTINA FEAS 1Esta semana publicábase na revista “Insects” un estudo realizado por un investigador galego no que se conclúe que tamén é preciso retirar os niños de Vespa Velutina en inverno xa que, en contra do que se cría, as colonias manteñen a súa actividade e non morren totalmente coa chegada do frío.

O estudo, ”Notas sobre a arquitectura do niño e a composición de colonias en inverno do avispón asiático de patas marelas”, é autoría de Xesús Feás Sánchez, investigador da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, e da investigadora británica Rebecca Jane Charles.

Para levalo a cabo, os investigadores analizaron diversos niños de Vespa Velutina en Nigrán (Pontevedra), durante o inverno e o que máis os sorprendeu é que as colonias manteñen a actividade e seguen reproducíndose, de forma que a raíña non abandona o niño para invernar e o resto do avespeiro non morre.

En concreto, nos tres niños analizados a poboación total da colonia (WCPN; insectos adultos, larvas e pupas en porcentaxes) foi a seguinte: niño A: n = 176 (49%, 3% e 48%); niño B: n = 1979 (52%, 36% e 12%); e niño C: n = 662 (5%, 27% e 8%). A poboación de insectos adultos (IAPN; machos, obreiras e futuras raíñas en porcentaxes) foi a seguinte: niño A: n = 87 (11%, 66% e 23%); niño B: n = 1021 (3%, 62% e 35%); e niño C: n = 430 (20%, 73% e 7%).

Como conclusión, os autores do estudo lembran que “posto que un pequeno número de raíñas é suficiente para que se desenvolva unha poboación, é necesario evitar a propagación continua desactivando e eliminando todos os niños, incluso os detectados no inverno”. “Esta práctica -subliñan- pode ser de gran importancia en áreas fronteirizas onde V. velutina está a expandirse a un novo territorio”.

VELUTINA FEAS 2

Xesús Feás: “Os niños de Velutina teñen que ser retirados en calquera época do ano”

¿Cales son as principais novidades do artigo que ves de publicar na revista Insects sobre a composición das colonias de Vespa Velutina en Galicia?
Por primeira vez estúdanse os parámetros asociados á estructura do niño así como da súa colonia. Concretamente niños e colonias do mes de xaneiro, obtidos en Nigrán. Os resultados mostran que todos os niños teñen actividade cunha poboación total da colonia (larvas, pupas e insectos adultos) así como cunha poboación total de insectos (futuras raíñas, obreiras e machos) nada desprezable.

Ata agora dábase por feito que os niños de Vespa Velutina morren no inverno ¿Que conclusións tirades ao respecto no estudo que ves de publicar?
Dende a administración, asociacións e mesmo dende entidades académicas como a Universidade de Santiago de Compostela, literalmente expresábase que “a destrucción de niños en inverno non ten importancia como método de control, xa que a raíña está morta e as futuras fundadoras xa saíron do niño para hibernar”.  Dos resultados obtidos no presente estudo científico, vemos que as colonias seguen activas en xaneiro, e cun número nada despreciable de futuras raíñas fundadoras; coas implicacións que isto ten.

¿Que outros aspectos vos chamaron a atención dos niños de vespa velutina que estudastes en Galicia?
A propia conformación do niño a estas alturas do ciclo biolóxico é distinta. Presenta novas estructuras que deberán ser estudadas máis polo miúdo. Precisamos estudar máis niños, en distintas épocas do ano, para ir obtendo unha radiografía do desenvolvemento das colonias e relacionalos con distintos factores (temperatura, humidade, chuvia, proximidade de apiarios e otras posibles fontes de alimentación…).

¿En que medida cres que as conclusións deste estudo poden axudar a combater a expansión e os estragos da Vespa Velutina?
Calquera niño que sexa detectado, no ciclo correspondente anual, ten que ser retirado de inmediato; independientemente da época do ano.

¿Algo máis que queiras engadir?
Quixera lembrar que este estudo non contou con financiación para levarse a termo. Quero agradecer profundamente a Dani Slizt a determinación para a recollida dos niños, pola noite, íntegros, sen danos externos nen uso de pesticidas e con toda a súa poboación no interior. A mostraxe, o como se obteñen os niños, é totalmente distinta á levada a cabo previamente.

Tamén quero agradecer ao Laboratorio de Parasitoloxía, da Facultade de Veterinaria, especialmente á Dra. Patrocinio Morrondo e á Dra. Rosario Panadero, polas facilidades de uso dos seus espazos laboratoriais.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información