¿Como os apicultores de Córsega conseguen vender o seu mel a 25 euros o quilo?

Unha delegación de apicultores da illa de Córsega visita estes días Galicia para coñecer a Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. Falamos con Pierre Torre, presidente da DOP Miel de Corse/Mele di Corsica que nos explica como traballan

¿Como os apicultores de Córsega conseguen vender o seu mel a 25 euros o quilo?

Mel de Córsega comercializado a través de Carrefour

Vender o mel ao consumidor a un prezo de entre 25 e 26 euros o quilo, percibindo o apicultor uns 20 euros o quilo, e que aínda así haxa máis demanda de mel que oferta. Isto, lonxe de momento da realidade de Galicia, onde os prezos ao consumidor do mel galego roldan os 9 euros o quilo e os 5 para o apicultor, é o que conseguiron na illa mediterránea de Córsega os apicultores acollidos á Apellation d´Origine Protegée (AOP) Miel de Corse/Mele di Corsica.

O seu presidente, Pierre Torre, un apicultor profesional cunhas 450 colmeas, está a visitar estes días Galicia, canda outros 12 produtores corsos, para coñecer a Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. Nunha conversa con Campo Galego cóntanos as claves do desenvolvemento da apicultora na illa de Córsega:

-Organización dos apicultores:

Os apicultores corsos están organizados no Syndicat Apellation d´Origine Protegée (AOP) Miel de Corse/Mele di Corsica. , “que representamos a uns 130 socios, dos que 80 somos apicultores profesionais”, destaca Pierre Torre. Prácticamente toda a produción de mel da illa está acollida á Denominación de Orixe Miel de Corse/Mele di Corsica, que no 2018 cumpriu 20 anos.

“Nun ano normal certificamos uns 350.000 quilos, aínda que neste ano 2019 prevemos baixar a uns 180.000 quilos, debido á mala climatoloxía da primavera pasada”, explica. Hai que ter en conta que Córsega ten unha superficie de pouco máis de 8.000 kilómetros cadrados, case tres veces menos que Galicia, pero certifica máis mel (o pasado ano a IXP Mel de Galicia certificou uns 300.000 kilos). “En todos os puntos de venda da illa, onde recibimos a moitos turistas, practicamente só de vende mel corsa certificada pola DO”, destaca Pierre Torre.

-Caracterización e diferenciación do mel e da abella corsa:

Os apicultores corsos lograron diferenciar o seu produto mediante unha caracterización do seu mel, tanto dende o punto de vista da flora como tamén da variedade de abella.

Neste sentido, o presidente da AOP Miel de Corse/Mele di Corsica explica que “hoxe en día temos caracterizadas no mercado unha gama de 6 tipos de mel, segundo a época do ano na que se produce e o tipo de flora. Foi un traballo longo de recuperación do noso patrimonio apícola, unha labor que comezou hai 40 anos, cando a nosa apicultura daquela era de aficionados e conseguimos ir profesionalizándoa”.

Así, grazas tamén a que a illa ten unha flora endémica, conseguen mediante análises do pole determinar a orixe do mel. “O espectro polínico é o DNI do noso mel e permítenos detectar fraudes de xeito máis fácil, denunciando aos que intenten importar mel do continente -Francia- para vendelo como corso a maior prezo”, explica.

“En resumo, o que diferencia o noso mel -engade Pierre Torre- é que temos meles moi específicos e caracterizados, de tipo multifloral e moi ligados ao territorio da nosa illa. Por exemplo, temos un mel da Chataigneraie, ligado a un enorme souto moi específico da illa onde predomina o castiñeiro”.

Ademais, para poder certificar baixo a DO Miel de Corse, os apicultores deben traballar coa abella autóctona da illa, a Apis Melliferra Corsica, “unha abella negra, coa lingua máis longa e que logra extraer o pole da nosa flora endémica”, destaca. Esta abella foi caracterizada nun estudo hai 30 anos e no 2009 volveron realizar outra investigación na que se certificou que segue a ser amplamente predominante na illa.

A propia DO conta cunha Estación de Selección e de Multiplicación da Abella Corsa

Para garantir o bo estado sanitario dos enxames e mellorar a xenética da Apis Mellifera Corsica, a propia Denominación de Orixe creou unha Estación de Selección e de Multiplicación da abella corsa, na que traballan 3 técnicos, que tamén garantidos que os enxames que se venden, sobre todo aos mozos e mozas que se inician na actividade, son de abella autóctona e están en bo estado sanitario.

Precisamente, a venda de enxames é neste momento unha importante fonte de ingresos para os apicultores da DO Miel de Corse. “O enxame con 5 cadros véndese a uns 170 euros e hai moita demanda, sobre todo de apicultores afeccionados. Pero preferimos venderllos nós para que non os merquen no continente e traian outras especies de abellas que se hibriden coas nosas”, explica Pierre Torre.

-Comercialización e control do valor engadido do mel:

Outra especificidade da produción de mel en Córsega é que practicamente non hai industrias envasadoras intermediarias, todo o mel é envasado e comercializado polos propios apicultores acollidos á AOP Miel de Corse/Mele di Corsica, co que o valor engadido tamén queda nos produtores.

Iso explica, xunto coa forte demanda que existe, axudada polo turismo, que o prezo do mel no punto de venda ascenda a entre 25 e 26 euros o quilo. “O mel de Córsega experimentou un boom nos últimos anos. Véndese sobre todo en bote de 250 gramos e sae 25 ou 26 euros o kilo no punto de venda. Os apicultores facemos todo o proceso e envasamos e comercializamos tanto a pequenas como a grandes superficies. Para o apicultor queda en 20 euros o kilo, para o bote de 250 gramos”, explica Pierre Torre. Antes comercializaban o mel en botes de 150 e de 400 gramos, pero ultimamente o consumidor decántase polo envase de 250 gramos.

Venden sobre todo en botes de 250 gramos

Os apicultores corsos practicamente non venden pole ou xelea real, xa que, como recoñece o seu presidente, “o problema que temos neste momento é que contamos con moita máis demanda de mel que oferta, e a mala colleita do pasado ano subiu máis os prezos.”

Ademais das pequenas tendas, restaurantes ou supermercados, os apicultores de Córsega tamén envasan e venden para a gran distribución, neste caso ao grupo Carrefour. “Dende hai uns anos traballamos con eles e a relación é positiva. Hai dous anos tivemos unha sobreprodución de mel na illa, que nos estaba a presionar os prezos á baixa, e grazas a este acordo con Carrefour logramos vendelo 1,5 euros por quilo máis caro que o prezo medio do mel naquel momento. Os envases levan a contraetiqueta de Miel de Corse, e tamén unha etiqueta de Carrrefour coa foto do apicultor. Foi unha boa estratexia para sacar produción e facer aumentar os prezos en orixe”, conta Pierre.

-Loita contra a fraude:

A loita contra a fraude e as campañas informativas entre a opinión pública sobre a calidade do seu produto é outra das estratexias que explica o éxito desta DO.

“Creo que cando alguén comete fraude no mel, e sobre todo se é apicultor ou envasadora, os apicultores debemos ser os primeiros en denuncialo porque se perdemos o prestixio da nosa DO será a nosa fin”, subliña.

Xunto a iso, desenvolven tamén unha activa campaña de información na opinión pública, “explicándolles que se o noso mel é máis caro que o que ven de China ou doutros países é porque ten unha calidade moi superior, e que mercando aos nosos apicultores apoian a economía local e a importante labor medioambiental que desenvolven as abellas”, salienta Pierre Torre

-Retos para o futuro:

En canto aos retos para o futuro, o presidente da AOP Miel de Corse/Mele di Corsica sitúa en primeiro lugar o cambio climático. “O pasado ano no mes de maio e xuño tivemos chuvias e unhas temperaturas inusualmente fría e para as abellas foi pésimo, pois non puideron aproveitar a floración de primavera. De feito, no meu caso pasei dunha produción de 24 toneladas dun ano normal a 12 toneladas. E por primeira vez este inverno tivemos que alimentar ás abellas, ata agora nunca o fixéramos”, explica o presidente da AOC Miel de Corse/Mele di Corsica.

Neste sentido, Pierre Torre subliña que “o cambio climático vainos obrigar a ser cada vez apicultores máis profesionais, para ter colmeas máis fortes e sás”.

Outro reto que teñen os apicultores corsos é evitar a entrada na illa da Vespa Velutina, xa presente en Francia, e da Aetina Tumida, unha praga que xa chegou a Italia. “Estamos traballando coas administracións, e sobre todo co apoio da Asemblea de Córsega, o noso goberno autónomo, para vixiar que non entren na illa estas dúas pragas”, explica.

A este respecto, advirte da falta de control sobre os apicultores afeccionados. “É preciso que se lles esixa unha formación para mercar un enxame, pois do contrario esas colmeas poden converterse en fonte de problemas sanitarios para os apicultores profesionais que vivimos disto”, subliña.

Programa da visita dos apicultores corsos a Galicia

Visita dos apicultores corsos á IXP Mel de Galicia

Visita dos apicultores corsos á IXP Mel de Galicia

Unha delegación de 12 apicultores da Denominación de Orixe Protexida Miel de Corse/Mele di Corsica están a visitar estes días Galicia para coñecer a Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. Este martes comezaron cunha visita á sede do Consello Regulador da IXP en Boqueixón (A Coruña), onde cataron distintas variedades de meles galegos, para logo continuar cunha visita ao museo do mel en Portodemouros e á cooperativa Erica Mel, en Arzúa.

Este mércores visitarán Mel do Saloiro, uns apicultores de Lalín cuxo mel ven de ser premiado na última edición das Catas do Mel de Galicia, e pola tarde asistirán en Barbadás (Ourense) a unha mesa redonda con profesionais do sector, unha actividade organizada pola Agrupación Apícola de Galicia. Será ás 18:00 horas no CET Barbadás e para participar recoméndase enviar un washap ao 646 788 215 ou mandar un correo a oficina@planapicola.com

O programa completarase ata o sábado con visitas a un apicultor de Viana do Bolo, referente no sector, tamén a un importante produtor de mel no Courel e a unha industria envasadora de Ourense, entre outros.

Os 6 tipos de mel de Córsega

meles_corsega

Mel de primavera: 
Mel cultivado a partir de maio na costa, en chaira ou nos hortos dos vales máis baixos. Componse de asociacións florais típicas da primavera: asfodelos acompañados de salgueiros, trevos litorais, etc. ou clementinas asociadas a mimosas, etc.. Cor clara a dourado, sabor doce floral e sen acidez.

Mel de maquis de primavera: 
Mel cultivado ao longo da primavera en vastas extensións de maquis (Vexetación arbustiva típica da illa), desde o mar até as montañas.

Atopamos toda a complexidade das flores dos maquis, principalmente con brezo branco, lavanda marítima e xesta.

Cor ámbar, delicado sabor a caramelo ou cacao, cheiro a regaliz e coco.

Mielato dos maquis: 
O mielato cultívase de maio a setembro nas áreas costeiras e nas áreas boscosas asociadas cos maquis. As xaras asociadas a calicoides, carballos, eucaliptos, etc. son as súas flores dominantes.

De cor ámbar escuro a moi escuro, sabor a malta, aroma a regaliz, caramelo e froita madura, persistente en boca.

Mel de maquis de verán: 
Mel típico dos altos vales corsos, cultívase a partir do mes de agosto. Olivilla, Anthyllis, tomiño corso e silvas convértena nun mel raro. Cor ámbar lixeiro a moi lixeiro, floral, afroitado e aromático.

Mel da Chataigneraie: 
Mel colleitado a mediados de montaña a finais de xuño. Concéntrase ao redor da castaña, asociada coa maleza e a vexetación circundante: zarzas, clematis, anthyllis, escoba, nepita, etc.

Ámbar e longo en boca, mel forte e tánica cun lixeiro amargor.

Mel de maquis de outono: 
O mel colleitado desde novembro da costa á montaña, principalmente de érbedo ou mirogueiro asociado á hedra, a zarzaparrilla, a inula viscosa … O seu amargor e cheiro a madeira fana un mel cunha tipicidade forte.

Cor ámbar claro, amargo e forte en boca.

Una idea sobre “¿Como os apicultores de Córsega conseguen vender o seu mel a 25 euros o quilo?

  1. Víctor Fresco Barbeito

    a importante labor medioambiental > o importante labor
    unha labor que comezou hai 40 anos > un labor

    Por outra banda, estes detalles non son impedimento para darvos a noraboa por publicar en galego, que non todo o mundo o fai.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información