¿Como controlar a loque nas colmeas?

Resumo da ponencia de Ester Ordóñez Dios, veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia, na xornada organizada pola Asociación Apícola Ourensá sobre profilaxe e sanidade nas colmeas e alimentación complementaria

¿Como controlar a loque nas colmeas?

Síntomas de loque

A loque é, xunto á varroa e a nosemiose crónica, a enfermidade máis importante e por culpa da cal morren máis colmeas. Neste sentido, Ester Ordóñez Dios, veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia, impartiu recentemente unha charla sobre como controlar a loque dentro dunha xornada técnica organizada pola Asociación Apícola Ourensá.

Existen dous tipos de loque: a europea, que afecta á cría desoperculada, e a loque americana, que ataca á cría operculada. Son dúas enfermidades que afectan á cría, as abellas estarían sás. Son moi distintas, a máis problemáticas é a loque americana por ser moi contaxiosa e, sobre todo, por ter unha forma de resistencia. Ambas enfermidades son de comunicación obrigatoria.

A Loque americana é unha enfermidade provocada pola bacteria “Paenibacillus larvae” que ten 2 formas: O bacilo que afecta á cría operculada, a desoperculada estaría sá (a diferencia da Loque europea). A outra forma da bacteria é o bacilo, que sería a espora recuberta dunha membrana que a fai moi resistente, podendo manterse activas ata 30 anos, para que nos deamos conta da importancia da desinfección do material. O bacilo é sensible aos antibióticos, pero non así a espora, que resiste os tratamentos. En todo caso, está prohibido o uso de antibióticos en apicultura, e polo tanto para combater a loque hai 2 formas de manexo (verémolas ao final do artigo).

O que habería que facer ante un foco de loque é a comunicación do mesmo ao veterinario/a da explotación, debido a que é unha enfermidade de comunicación obrigatoria como xa dixemos.

Trátase dunha enfermidade en ascenso que antes afectada ás colmeas febles, pero que agora tamén se está detectando en colmeas fortes que fixeron pillaxe en apiarios infectados. Se a colmea está forte e ten moita cría, en dúas semanas pode morrer debido á loque.

loque_ciclo

Síntomas da presenza de loque

-Para confirmar a sospeita de presenza de loque americana, é preciso remover o opérculo cun escarvadentes e observar o seu aspecto e consistencia. Se é unha masa viscosa, cun fío pegañento e chicloso que se estira ata 4 centímetros, sería un diagnóstico positivo de loque americana. Aínda que habería que confirmalo coa veterinaria.

– Cría salteada e en mosaico é unha imaxe típica de loque, aínda que tamén pode deberse á varroa ou ao polo escaiolado, habería que descartar.

– Os opérculos de cría afundidos e perforados tamén son síntomas de presenza de loque.

-A súa descomposición produce un fedor característico, pero cando xa está moi avanzada.

Proba do palillo

Proba do palillo

Sen embargo, unha vez morta a cría, o gran problema son as esporas que quedan, moi resistentes, e que poden chegar ata os 2,5 billóns por cela. E o que se debe facer é desfacernos do gando afectado e desinfectar todo o material que estivese en contacto coa enfermidade, se é que está en bo estado.

Debido á problemática dos esporos o lume purificador é algo moi bo e deberíamos queimar todo (abellas, cadros con cría e mel) para frear a enfermidade. É a solución máis drástica pero tamén a máis efectiva. E o que podemos é desinfectar o resto do material: a colmea, entretapa, táboa de voo, etc. É dicir, todo o material que non queimamos e si utilizamos nesa colmea, mesmo as luvas, alzacadros, etc.

Presenza de esporas en mel

Ademais, de cara a exportación de mel, cada vez son máis os países que esixen certificados de que as colmeas non tiveron loque durante os últimos 6 meses, para evitar a entrada de esporas desta bacteria. En todo caso, lembrar que estas esporas non supoñen ningún risco para a saúde humana, polo que o mel sería totalmente apto para o consumo.

Hai estudos que indican que facendo analíticas de laboratorio podemos concluír que:

-A presenza de esporas en mel é do 100% nas colmeas infectadas.

-Do 26% nas colmeas sás, pero que están ubicadas en colmeares nos que tiveron algún caso positivo de loque.

-Do 4% no mel de colonias sas e que están en apiarios que non tiveron presenza desta enfermidade.

Polo tanto, é case imposible acadar un mel cun 0% de presenza de esporas de loque.

Problemas e solucións coa loque:

Os principais factores que favorecen o espallamento da loque son:

-Colmeares abandonados ou semiabandonados. Pódese denunciar ao propietario de colmeares abandonados por unha infracción contra as normas de sanidade animal. A Agrupación Apícola de Galicia préstase a realizar esas as denuncias e que non teña que ser o outro apicultor o que denuncie. Con elas o que se pretende non é a sanción, senón que o titular retire o material infectado e foco de contaminación.

-Falsos tratamentos preventivos: antibióticos.

-Que non se usen medidas de desinfección na pauta de tratamento.

Solucións:

-Realizar tratamentos de forma correcta.

-Formación do apicultor/a.

-Ordenación dos colmeares.

Medidas de tratamento da loque:

O tratamento da loque mediante antibióticos, ademais de estar prohibido, non resulta efectivo. O tratamento que se recomenda é pechar a colmea e queimar todo, para reducir ao máximo a cantidade de esporas que quedan no ambiente.

-En caso de que as abellas aínda estean estirando a cera: coller un caixón novo, con panais con cera nova e estampada, e facer un trasvase das abellas. Os panais con cría e mel deben ser queimados, a colmea desinfectada. Posto que o loque se desenvolve na cría, deste xeito pecharíamos o seu ciclo reprodutivo.

-Se a colmea está forte e ten alzas cheas de mel, este pode ser destinado sen problema a consumo humano. Todo o resto debe ser queimado (o da cámara de cría). Poderíamos facer tamén un transvase das abellas, primeiro a unha caixa máis pequena e logo xa á definitiva e subministrarlles alimento. Debemos botar contas se compensa o transvase.

-Falar sempre con apicultores do entorno para avisalos e coordinarse para loitar contra a loque, posto que se hai foco hai outros preto.

Medidas de hixiene e desinfección da caixa e resto de material:

Se optamos por queimar só os cadros (tanto de cría, como, segundo o caso, de mel) e conservar a caixa, táboa de voo, entretapa, etc; deberíamos proceder a unha desinfección.

Esta deberá realizarse do seguinte xeito:

-Introducir o material nunha solución de auga e un 10% de lixivia (9 partes de auga por 1 de lixivia) e deixar durante 30 minutos. A lixivia non é efectiva con restos de materia orgánica, polo que o material deberá somerxerse libre de restos de cera, própole…etc. Cada certo tempo, se temos moito material deberemos renovar a auga e a lixivia.

Tamén se pode somerxer en sosa ao 6%, botando auga, logo a sosa e quentando ata que case ferva. As medidas serían 1,5 kg de sosa para 25 litros. Neste caso, os arames si que habería que cambialos.

-A continuación, pasar o material a un recipiente con auga para o seu aclarado.

-Finalmente, deixalo secar para volver utilizalo. Se se ten un soplete flamearemos de forma lenta ata que a madeira quede lixeiramente dourada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información